Un documental trae ao presente o fusilamento dos ecos familiares do 1936
Vigo acolle dende hoxe o II Ciclo «Activistas: cinema por mulleres». Proxecta as curtas «12 de maio de 1937» de Mar Caldas sobre os fusilados na ditadura; e «Margarita Ledo. Parolar cun eu» de X. Franco.

Lectura do bando de guerra o 20 de xullo de 1936 en Vigo. | Pacheco

O Auditorio do Parque Nacional Illas Atlánticas, Edificio Cambón, no Casco Vello de Vigo, acollerá dende hoxe e ata decembro o II Ciclo «Activistas: cinema por mulleres», da Universidade de Vigo con obras asinadas por mulleres de Galicia, Portugal, EEUU ou Brasil.
Na xornada de hoxe, a partir das seis da tarde, o público poderá ver as curtas documentais «12 de maio de 1937», de Mar Caldas; e «Margarita Ledo. Parolar cun eu», de Xisela Franco, ambas as dúas viguesas.
No caso de «12 de maio de 1937», Caldas fía o relato histórico da represión en Vigo tralo golpe de estado do 1936, un tempo no que as forzas sublevadas asasinaron o seu avó.

A CINEASTA MAR CALDAS PRESENTA OBRA NO MICE, a MOSTRA DE CINE ETNOGRÁFICO. / Antonio Hernández
A curta –que se expuso no Centro Galego de Arte Contemporánea de Compostela e no festival MICE do Museo do Pobo Galego– presenta cinco bloques. Cada un deles arranca cunha imaxe dos anos 30 do fotógrafo Pacheco para continuar con imaxes do arquivo familiar de Caldas.
Con fotos do arquivo Pacheco
«Do meu avó, só gardaran unha fotografía. Despois, á miña nai, fóronlle chegando outras tras morrer a miña avoa e que ninguén coñecía. Tamén fixen moito traballo de arquivo. A miña preocupación era que o documental non quedara nalgo familiar, en falar só do meu avó. O Arquivo Pacheco, os grandes cronistas de Vigo, serviume para iso. Vin que se cruzaban lugares importantes do Arquivo coa historia da miña familia. Por exemplo, o monte Castro, onde fusilaron o meu avó. É un vaivén entre a historia social e familiar», explicaba Caldas nunha conversa con este xornal tempo atrás.
Un avó mecánico, socialista e concelleiro
O seu avó, José Caldas, era mecánico axustador no sector metalúrxico das conserveiras. «Tamén fixo estudos de Náutica e Peritos. Estaba facendo o superior cando o detiveron. Traballaba de mestre no obradoiro da Escola de Artes e Oficios. Ademais foi sindicalista e concelleiro no 1931 e na última coa Fronte Popular polo Partido Socialista», explica Mar.
Aclara que o fin non só é relatar algo do pasado senón tamén «algo vivo, que segue no presente. Para iso, volvo aos sitios onde foron os feitos. Hai gravacións dos lugares no presente. É unha forma de ver o paredón, un dos muros da fortaleza do Castro. Así ves o lugar doutra forma, non só como un monumento sen máis. Interésame ver como cambian os lugares».
A realización da curtametraxe serviulle a esta profesora e fotógrafa para aprender leccións históricas que descoñecía. «No Cemiterio do Pereiró, en Vigo, está a zona XIV. Era unha das tres áreas onde soterraban os fusilados para que quedaran sinalados. Moita xente non os ía visitar ao camposanto para que os demais non os viran», detalla.

"12 de maio de 193" é unha curtametraxe documental da profesora Mar Caldas. / Mar Caldas
Unha lei que prohibía o enterro con pompa
Na documentación que Mar Caldas xuntou para elaborar este documental, atopouse con detalles que aprenden a entender o que pasaron as familias dos represaliados. «Por lei, tiñan prohibida a pomba e boato no enterro; o cadaleito tiña que ser sinxelo e tampouco podía haber un enterramento público. Non podían honralos en público», explica a cineasta.
Recoñece Caldas que realizar esta película foi «un proceso longo» –máis de dous anos– no que tamén tivo que requerir axuda á Asociación pola Memoria Histórica, a Asemblea Republicana de Vigo e historiadores.
É a voz en off da cineasta a que presenta a historia falando en primeira persoa ou mesmo dirixíndose ao seu avó para interpelalo. Como engadido, conta coa música de Marco Maril.
O fin é facer reflexionar tamén sobre como sobreviviu a familia á perda tralo asasinato aquel 12 de maio de 1937: a avoa tivo que empezar a traballar vendendo peixe; a nai de Mar naceu trala morte dun pai que nunca chegou a coñecer.
Margarita Ledo, no foco de Xisela Franco
Pola súa parte, Xisela Franco amosa hoxe no bloque das seis da tarde «Margarita Ledo, parolar cun eu», que puido verse en Documenta Madrid ou Play-Doc. Nesta curta documental, vemos a unha muller en Vigo que chega ás ruínas da fábrica de Álvarez en Cabral. É a cineasta Margarita Ledo, pioneira no cinema feito por muller no país.
Nos 20 minutos da peza audiovisual, fai reflexión sobre a cidade de Vigo como urbe industrial desde os 70 e como empresas referentes como Álvarez son agora restos escachados do que foron.
A cámara –a fotografía é de Diego Romero– segue a Ledo a pisar sobre anacos de pratos e moldes que anos atrás serviron para producir unidades que chegaron a toda España e mesmo o estranxeiro. Entre paso e paso, a reflexión sobre a importancia do cinema. Precisamente, «Nación», a longametraxe de Ledo, poderá verse neste ciclo o día 23 de outubro.
Suscríbete para seguir leyendo
- La víctima del crimen de la vieja estación de autobuses de Vigo estaba indefensa y recibió cuchilladas en cuello, tórax y costado
- Condenado un supermercado de Pontevedra por vaciar la taquilla de una trabajadora mientras estaba de baja
- Una vuelta de tuerca inesperada
- La capital del gótico gallego a solo hora y media de Vigo: un pueblo rodeado de naturaleza, tiene el primer parque temático de España y recomendado por National Geographic
- El nuevo estadio del Betis se «cuela» en la carrera de Vigo hacia el Mundial
- Proyectan dos «glampings» en Nigrán con 29 cabañas y 30 tiendas de lujo
- Descubren en Vigo a tres personas, dos menores, ocultas en una plataforma de carga a punto de embarcar hacia Reino Unido
- Ofrenda floral ante la chabola del crimen de la estación de autobuses de Vigo