Sergio de la Ossa: «László sempre foi moi amable e atento con nós»
O tradutor da única novela en galego de Krasznahorkai, novo Nobel de Literatura, aproveitou un acto do autor en Budapest para presentarse con Veronika Gergely, logo de recibir o encargo de Rinoceronte Editora

Sergio de la Ossa, hai máis dunha década, traballando na tradución da única novela de Krasznahorkai ao galego. / Cedida

Foi pouco tempo despois de recibir o encargo por parte do selo editorial. O autor da novela que tiñan que traducir participaba nun foro literario en Budapest e, logo de respectar a fileira de seguidores e seguidoras que querían manter unha conversa con el ou conseguir unha sinatura, no medio daquel ambiente case de «veneración», Sergio de la Ossa e Veronika Gergely presentáronse ante o escritor húngaro László Krasznahorkai como os seus próximos tradutores ao galego: «Falamos un pouquiño con el e comentámoslle que seguramente precisariamos facerlle consultas durante a tradución. Foi sempre moi amable e aberto, tanto entón como nas consultas posteriores».
É o recordo que garda o musigólogo galego Sergio de la Ossa do seu primeiro encontro co escritor que a Academia Sueca vén de recoñecer como Nobel de Literatura, autor co que tivo a oportunidade de manter un contacto directo hai máis dunha década a raíz do encargo que lle encomendou Rinoceronte Editora para traducir a novela «Ao norte unha montaña, ao sur un lago, ao oeste uns camiños, ao leste un río».
De la Ossa explica que «foi Moisés Barcia, director de Rinoceronte, quen nos propuxo esta novela. Despois de lela estivemos de acordo en aceptar a proposta e compartimos o entusiasmo de Moisés pola obra, de feito, gardamos moi bos recordos do tempo en que estivemos traballando nela». Durante o proceso, o musicólogo e mestre, que impartiu clases de música tradicional no Instituto Kodály da Academia Liszt (Kecskemét, Hungría), lembra que «traballabamos en papel, con dicionarios en papel», engadindo que «a Casa Húngara do Tradutor, en Balatonfüred, concedeunos unhas bolsas para estadías, o que nos axudou moito no traballo, en canto a dedicación e consulta de obras. É un lugar especial e axudan moitísimo aos tradutores».
No trato non era difícil sentilo próximo, László sempre foi moi amable e atento con nós
Para Sergio de la Ossa, a tradución da novela «Ao norte unha montaña, ao sur un lago, ao oeste uns camiños, ao leste un río» non foi doada e, neste senso, recorda que «o proceso foi complexo. Non foi unha obra nada doada de traducir, para comezar, pola propia forma de construción do discurso e o uso tan persoal da puntuación, aínda que eu agradecín traballar co rexistro dun texto co que sentía moita afinidade: preciso, técnico por momentos, e malia ser bastante abstracto, tamén é poético e moi suxestivo. Quizais o que máis me chamou a atención da obra foi a capacidade de expresar a poética e a beleza que encerran temas como a xeoloxía, que non habitan con frecuencia as novelas, a capacidade de abraiarse por manifestacións tan variadas da realidade».

Borrador da tradución ao galego da novela do Nobel de Literatura que fixeron Sergio de la Ossa e Veronika Gergely. / Cedida
Por outra banda, o musicólogo galego sinala que «non lera previamente a súa obra, só coñecía o seu nome. Lemos sobre el, sobre a súa obra, e para a tradución tivemos tamén que afondar naqueles temas sobre os que o autor se documentou durante os meses de preparación da novela».
Con respecto ao contacto que mantiveron co novo Nobel de Literatura durante aquela época, Sergio de la Ossa lembra especialmente que «no trato non era difícil sentilo próximo, László sempre foi moi amable e atento con nós. Coido que esa proximidade e o afecto sincero polas persoas é algo que se deixa sentir na súa obra».
Suscríbete para seguir leyendo
- Fortaleza de Chocolate en Portugal: la tentación más dulce de Valença regresa por Navidad
- Detenido un vecino de Vigo que estaba lanzando botellas de cristal desde una planta de Vialia hacia la plaza de los cines
- Oceanográficos tiran «cientos de kilos» de pescado al mar por el veto al quiñón
- Caballero responde a Augas tras la fuga en Eiras: «Quisieron que Vigo se quedara sin agua, es una negligencia»
- Caballero desvela su plan contra la lluvia para el día del encendido de las luces de Navidad de Vigo
- El encendido de las luces de Navidad de Vigo en primera línea: aforo limitado y solo cuatro accesos a Porta do Sol
- Saca fotos «furtivas» para denunciar la casa de sus vecinos en Nigrán y acaba condenado por violar su intimidad
- Las necesidades educativas de los hijos vetan la custodia compartida