Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Marilar Aleixandre: «Loitar por unha sociedade mellor non é un fracaso»

A escritora recupera na súa nova novela, «As bocas cosidas», a memoria dun tío guerrilleiro, dun batallón de saboteadores na Guerra | Ata o ano 2010, descoñecía da súa existencia

Bragado, Aleixandre e Calveiro (e-d). |  José Lores

Bragado, Aleixandre e Calveiro (e-d). | José Lores

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Aseguraba onte a escritora e membro da Real Academia Galega (RAG) Marilar Aleixandre que son moitas as historias que non se contaron aínda ao redor do golpe de estado do 1936 e dos anos posteriores. Algunhas delas son as relacionadas cos guerrilleiros saboteadores, republicanos que voaban pontes e outras infraestruturas para intentar frenar o avance do bando nacional. No Club FARO, Aleixandre indicaba que eran «soñadores» que perderon a terra e a guerra. «Nese sentido, foi un fracaso aínda que loitar por unha sociedade mellor non é un fracaso», opinou.

Marilar Aleixandre: «Loitar por unha sociedade mellor non é un fracaso»

Marilar Aleixandre: «Loitar por unha sociedade mellor non é un fracaso»

Un deses saboteadores foi Antonio, tío de Marilar Aleixandre, do que nin ela nin os seus irmáns sabían nada ata o ano 2010 cando seu pai comentou nun xantar familiar que o chamaran de Valencia para unha proba de ADN.

Aparecera unha fosa común con varios corpos e sospeitaban que un podía ser de Antonio, un maquis morto no 1947.

«As bocas cosidas» (Editorial Galaxia), a última novela da Premio Nacional de Narrativa no 2022 –con «As malas mulleres»–, fala del e da saga familiar cunha parte de veracidade e outra imaxinada para encher os ocos de vivencias e sentimentos. Tamén trata o silencio nun país enteiro ao redor dos que perderon a guerra.

Aleixandre explicou que a agrupación que reunía estes guerrilleiros levaba o nome de Fillos da Noite. «Era o Batallón de Defensa contra Aeronaves (BIDCA), unha cortina de fume», puntualizou.

Foi presentada polo director de Edicións de Galaxia, Marcos Calveiro; e entrevistada polo colaborador de FARO e exdirector de Xerais Manuel Bragado. Ambos os dous coincidiron en que este libro presenta a mellor literatura de Marilar Aleixandre.

Na novela, como sinalaron Calveiro e Bragado, dedica a segunda parte do libro a un relato de guerra onde fía algunhas vivencias -tralo golpe de estado do 36- dos Fillos da Noite, mesmo as súas inquedanzas, frases que a día de hoxe servirían para unha clase maxistral de filosofía ou de valores.

«Cada día abro os ollos desacougado pensando en que vou levar a acabo accións violentas. É contraditorio; os anarquistas loitamos contra o poder e a violencia é unha das formas do exercicio do poder», escribre Aleixandre.

Respecto ao silencio histórico que rodeou a este batallón ata hai ben pouco, a escritora explicou no Club FARO que «hai un momento que tamén aparece na novela no que conto como o xefe do Estado Maior, o coronel Estrada en febreiro do 39 ao ver que a guerra estaba perdida levou mil quilos de documentación para Francia. Permaneceu alí ata 1986. Era documentación desta guerrilla; por iso se descoñecía que existira».

Para chegar aí e proseguir co remate da novela ata case a década dos 50, a persoa lectora comeza por ir coñecendo unha familia, a de Aleixandre, radicada orixinariamente no lugar de Doña Mencía, en Andalucía.

Partillou a académica da RAG que se ben viviu ata os sete anos en Ceuta nunha casa con horta despois seu pai decidiu que todos marcharían a Madrid para que fillos e fillas puidesen ir á universidade alí. Nos veráns, de cativa, pasaba un par de meses en Doña Mencía. Alí, de pequena viviu o que narra no arranque do libro: os xornaleiros a dar voltas ao redor dunha praza ao romper a alba para que un capataz os contratase para os labores do campo.

«Eu iso vino de nena e impactoume moitísimo na casa da miña avoa. Ao mellor, non os contrataban. Non tiña nada que ver co que ocorría en Galicia porque alí en Andalucía a xente non tiña ningún cachiño de terra. O xornaleiro que non era contratado, volvía (para a casa) sen comer», explicou.

A primeira metade do libro serve para adentrarnos nesa realidade social –a mesma nos anos 20 que nos 50– e explicar como era a familia e os seus veciños e como sufriron a Guerra Civil, incluíndo a represión contra as mulleres, vítimas de sacas, paseos públicos rapadas ou violacións.

Un pai de novela: cirurxán na División Azul

Por primeira vez na súa carreira literaria, Marilar Aleixandre situou os seus personaxes e a trama da novela fóra de Galicia, terra que acolleu década atrás como profesora no Instituto do Calvario ata que foi profesora na Universidade de Santiago.

No Club FARO de onte, falou do seu tío Antonio, guerrilleiro anarquista, pero tamén de seu pai, situado no bando dos sublevados. De Marilar, soubemos que loitara nas filas de Franco, que acabou a carreira de Medicina e que se alistou voluntario á División Azul para vivir aventuras.

Admitiu a escritora que lle gustaría tamén plasmar nunha novela a vida de seu pai pero que precisa dun fío do que tirar para pasar a realidade a ficción.

Non sempre é doado atopalo. Para «As bocas cosidas», a novela que presentou onte no auditorio do MARCO, tivo que agardar varios anos: desde 2010 ata o 2022, inda que se retrasou o inicio da escrita ao recibir o Premio Nacional de Narrativa.

Se as pezas do puzzle mental se alían nunha nova volta, Aleixandre nos deleitará coa vida do que foi o primeiro neurocirurxán do exército en España que quixo ir á fronte en Rusia loitando contra o Exército vermello para operar cerebros danados en combate.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents