ESTREA EN SALAS | Lucía Veiga Protagonista da película «Mi ilustrísimo amigo»
«Hai unha Lucía antes e outra despois de Pardo Bazán»
Lucía Veiga dá vida a Emilia Pardo Bazán na película «Mi ilustrísimo amigo», dirixida pola tamén galega Paula Cons e que chega este venres aos cinemas. Cons estará nos Multicines Norte a vindeira semana. Veiga séntese feliz polo bo momento da súa carreira: «Tocoume unha variña máxica (...) e sinto que estou nun bufet libre no que quero probar de todo».

Lucía Veiga, caracterizada como Emilia Pardo Bazán para "Mi ilustrísimo amigo". / P.C.

Lucía Veiga é un dos astros da actuación galega. Abraiounos como asasina en «Rapa»; foi finalista ao Goya a mellor actriz revelación e agora dá vida a Emilia Pardo Bazán en «Mi ilustrísimo amigo», película da galega Paula Cons que hoxe chega aos cinemas tras cinco premios internacionais. O xoves 16, Cons fará coloquio sobre o filme nos Multicines Norte en Vigo despois da proxección das 17.40 horas. O cinema galego non para.
-Como foi a súa aproximación á súa personaxe de Emilia Pardo Bazán?
Para a xente da miña quinta–ten case 47 anos– Emilia Pardo Bazán era unha figura imprescindible dentro do currículo escolar. Era un referente como unha das mellores escritoras da literatura. No meu imaxinario, tiña a imaxe dunha escritora feminista, activa, culta, guerrilleira... O que descoñecía era a parte persoal, a parte humana que me tocou preparar con Paula Cons. Lin e investiguei sobre a colección epistolar con Galdós. Ademais Sonia Méndez deixoume unha biografía recente que me axudou moito para preparar o papel.
-Que lle chamou a atención nas misivas con Galdós?
A desinhibición na intimidade. Dáche pudor porque tes a sensación de abrir unha fiestra á intimidade dalguén; lemos cousas íntimas que só lle dicimos cando a persoa amada escoita. As cartas tamén me deron unha visión dela como vulnerable, namorada, que sofre e que ten dúbidas. Vin isto á marxe da muller segura que amosaba na súa parte pública.
-Unha cousa que destaca a directora é a conexión que houbo entre vostede e Paco Déniz (Benito Pérez Galdós) desde o primeiro segundo dos ensaios.
Foi curioso. Os dous estabamos expectantes ante como sería o primeiro encontro; non nos coñeciamos. Aos dous, dábanos certo medo a intimidade que debían ter os nosos personaxes. Tivemos a inmensa sorte de cadrar moi ben como persoas, no sentido do humor, na mesma forma de traballar, en ter a mesma simpatía e empatía. Penso que todo iso quedou reflexado na pantalla e iso fixo cómodas as escenas de intimidade.
-No filme, afloran infidelidades dos dous protagonistas. Hai esquemas mentais do século XIX que proseguen hoxe?
É certo que a mediados do século XIX a infidelidade feminina era totalmente condeada nun exercicio de desigualdade absoluta e hipocresía por parte do xénero masculino. Galdós era sobradamente coñecido por ser un home mullereiro. Frecuentaba moitísimas mulleres entre as que había prostitutas, artistas e donas de clase alta. Supoño que era o normal para un home do XIX. En contraste, era impensable que as mulleres foran infieis. Mesmo vían mal os escarceos das viúvas ou separadas como Emilia que ata niso foi adiantada ao seu tempo. A súa condición social e o apoio familiar, sobre todo de seu pai, permitíronlle separarse nun momento no que iso era algo inédito. Ela fíxoo porque lle deron a elixir (o seu marido) entre a literatura e a familia. Hoxe en día avanzamos pero inda hai máis rexeitamento ás infidelidades femininas. Se Emilia seguira vivindo hoxe defendería a igualdade de dereitos e no amor.

Lucía Veiga, como Emilia Pardo Bazán na película "Mi ilustrísimo amigo". / P.C.
-Que foi o que máis lle custou?
Chegar a certo nivel que pedía o personaxe público de Emilia. Eu son extrovertida pero máis tímida; non son tan botada para adiante como Emilia. A ela, non lle importaba o que pensara o resto da xente. Iso reflexábao na forma de vestir, de falar, de rir... Eu tiven que sacar de dentro de min esa muller forte e arrolladora que foi ela. Iso foi o que máis me custou. É unha cousa que agradezo moitísimo. É algo que me quedará para sempre. Hai unha Lucía de antes e outra de despois de Emilia.
-Estes días podemos vela tamén un papel na serie «Animal», de Netflix; está agora noutra rodaxe en Tenerife para un filme; está pendente doutra estrea...
Si, seguirei xogando mentres sigan convocando para os partidos. Parece un pouco tópico pero era consciente de que a interpretación era un mundo duro. Conleva moita paciencia; é unha carreira de fondo na que hai momentos nos que hai que agardar moito tempo a que chegue traballo. A min, tocoume unha variña máxica e non paran de saír cousas. Facer de protagonista con case os 47 anos que teño é un agasallo. Saen traballos que me permiten vivir disto. Sinto que estou nun bufet libre e quero probar de todo; quero facer drama, comedia, teatro, curtas. Síntome como un neno ao que lle abren unha tenda de xoguetes.
Suscríbete para seguir leyendo
- Homicidio en la estación de autobuses de Vigo: «Llama a la Policía que mataron a Roberto, está lleno de sangre»
- Pide ayuda para encontrar un sobre con dinero que perdió en Cambados
- La Xunta niega la jubilación a un profesor de Vigo con una depresión «irreversible» diagnosticada por tres especialistas
- Las gallinas de los corrales de 40 concellos de Galicia, confinadas para frenar la gripe aviar
- Declarar las capturas de recreo, obligatorio hasta si no se pesca
- Cinco familias demandan por acoso escolar al Compañía de María de Cangas
- Pesar en Silleda por la muerte de Vicente Dacosta a los 41 años
- El hostelero investigado por el caso del agua contaminada con sosa cáustica: «El problema vino de la botella»