Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As redes sociais, as novas fontes para «pescar» escritores en Galicia

Para que a novela «Birken» vira a luz como libro, Galaxia puxo un ‘post’ en clave no Instagram procurando o autor. Descoñecía o seu nome. A editorial Malafera recorre a esta rede social cada vez que prepara un fanzine para buscar autoras e autores. Ademais, fixouse no Instagram de Adrián Maceda para publicarlle «A trasnoite». Os poemas editados de Carmen Villar existiron primeiro no Twitter. Son varios exemplos das redes sociais como catapulta literaria.

Marcos Calveiro, con Soutullo, na Editorial Galaxia.

Marcos Calveiro, con Soutullo, na Editorial Galaxia. / Adrian Irago

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

A historia que lles vou expór podería dar para varios capítulos dunha novela. Visualicen un certame literario. Entre os orixinais, unha novela protagonízaa un individuo chamado Birken. Ao final, non gaña o premio pero un dos membros do xurado fica matinando na obra.

«A min, explica Marcos Calveiro, de Galaxia, a novela encantoume. No concurso, fora enviada baixo plica –só se coñece a autoría da obra gañadora– e eu non podía saber quen a asinaba así que decidín buscar no Instagram».

Calveiro posteou unha mensaxe críptica (Birken, contacta comigo) que só podería entender quen escribira a novela. Tras meses, o profesor e escritor Diego Alfonsín, respondeulle en alemán. Tras traducilo co Google Translator, Calveiro leu: Coñeces a Birken?

«Eu –lembra Alfonsín– non tiña redes sociais daquela, pero case un ano despois fixen unha conta de Instagram. Curioseando vin no perfil de Calveiro a referencia, entendina e conseguín o seu contacto, chameino e díxome que quería publicar a novela. Se eu non vira esa referencia á novela estou seguro de que o libro probablemente non se publicaría nunca. Estareille agradecido pola valentía».

Calveiro –xefe de Edicións en Galaxia– explica que, para el, as redes son fundamentais no seu traballo. «Sigo a moita xente que publica cousas e se me gusta algo contacto para preguntarlles se teñen algo que publicar. Ás veces, síntome incómodo por se pensan que as estou acosando...», engade.

Unha autora ‘pescada no Twitter, foi a xornalista de FARO Carmen Villar. Cando levaba tres anos posteando versos cada día na súa conta de Carmen de Milmanda, o profesor da UVigo Beni Fernández plantexoulle publicala. O resultado foi «Os mil e un días» (Xerais).

Branca Trigo, poeta e editora de Malafera.

Branca Trigo, poeta e editora de Malafera. / Candela Balboa

Branca Trigo sinala que busca autoras e autores para os fanzines da súa editorial Malafera. «Polo Instagram, indica, escribimos convocatorias como a última na que ‘buscamos poemas, relatos, imaxes, comics medievais’. O resultado é o fanzine ‘Ao demo comend´Amor’». No Instagram, achou o traballo de Adrián Maceda á quen lle publicou «A Trasnoite».

Recoñece Trigo que as redes teñen un dobre gume. «Hai un pouco de estigma sobre a xente que publica poesía nelas ao pensar que ten pouca calidade. É consecuencia da vaga de autores como Marwan, Defreds. Despois hai xente que se empezou a dar a coñecer así como Samuel Merino -que vén de publicar "Manual de Camuflaxe"- e que ten unha calidade impresionante», sinala.

A poeta engade que, para algunha xente, «está mal visto que os autores promocionen a súa propia poesía nas redes».

No caso da súa editorial, esta non existiría se non fora por elas. «Os editores de Malafera, Alfredo Vázquez máis eu, coñecémonos polo Instagram na pandemia. Despois fixémonos parella e decidimos crear Malafera», conclúe.

Diego Alfonsín: "A frustración e o esforzo non se poden desterrar"

O tudense Diego Alfonsín traballou como lector de galego e español na Universidade de Heidelberg. A súa última novela é «Birken» (Galaxia), resultado das experiencias vividas durante oito anos na Alemaña. Trátase dun libro distinto, recomendable para que non busca un thriller, para quen quere ler algo distinto das correntes actuais mentres reflexiona sobre que é Galicia, que é ser galego, o presente do idioma e do país. Un dato sobre o autor: non é moi amigo das entrevistas faladas. Esta fíxose vía mail.

-Que hai de Birken en vostede ou que hai de vostede en Birken?

Todo. Aínda que por moito que haxa do autor nos personaxes dun libro sempre será unha pequena parte do que somos, cando non unha parte deformada ou finxida.

Diego Alfonsín, escritor de "Birken".

Diego Alfonsín, escritor de "Birken". / D.A.

-O protagonista foxe canso dos lugares nos que viviu para despois devecer por eles ou botalos de menos. É a maldición do emigrante galego?

Non creo que sexa un sentimento exclusivo do emigrante galego (eu nunca me considerei un emigrante), máis ben é algo que lle sucede a calquera que pase uns anos vivindo noutro lugar. Un acaba inevitablemente dividido como resultado desa experiencia. Tampouco creo que se trate dunha maldición, máis ben todo o contrario, aínda que non sempre resulte doado manexar esas experiencias de ida e volta. O ser humano tende a idealizar o que non ten (ás veces incluso a desprezar o que ten), ben porque decidiu abandonalo, ben porque o perdeu sen pretendelo. A vida está feita de perdas, pero quen nunca perdeu nada probablemente tampouco viviu nada.

-Hai crítica contra o pobo galego. «Que se pode esperar dun pobo que pasa frío dentro das súas propias casas?».

Non diría que a novela é «unha crítica contra o pobo galego». E se así fose tampouco pasaría nada. Os personaxes da novela simplemente reflexionan sobre diferentes aspectos relacionados coa realidade galega e confróntanos con outras realidades. (...) No ámbito literario ás veces está mal visto facer humor ou ser irónico coas nosas propias miserias, que as hai. O humor é terapéutico. Ás veces teño a sensación de que hai unha solemnidade pomposa, cursi e infantiloide que se pode detectar en certos dircursos militantes por parte de persoas que se consideran unha especie de salvadores da humanidade ou mesías do día a día das grandes causas. Cando esa tendencia se acaba trasladando ao discurso literario é fácil acabar facendo unha literatura simplista e panfletaria. Cando un galego deixa de entender e de aceptar a ironía e a retranca, armas da nosa tradición cultural, está perdendo a súa esencia e probablemente a súa liberdade.

-Tamén critica a precariedade da universidade española.

Nas últimas décadas houbo unha decadencia no mundo da universidade. Refírome fundamentalmente ao ámbito das humanidades. Pero non só ocorre en España, senón en moitos países de Europa. Tamén se pode ver na Primaria e na Secundaria. As novas pedagoxías modernas dos últimos tempos penso que teñen algo que ver nese deterioro. A frustración e o esforzo forman parte de calquera proceso de aprendizaxe que mereza a pena, non se pode desterrar iso dunha educación que aspire a ser de calidade.

-Abúrrelle o tema da nación?

Non me resultan nada atractivas todas esas implicacións emocionais con tintes románticos que ás veces atopamos en certos discursos para xustificar delirios identitarios e idealizacións novelescas. Abúrrenme profundamente as consignas panfletarias das manifestacións coas que moitos pretenden colmar a dose de épica que non temos nas nosas aburridas vidas diarias. Non me gusta o apelo ás grandes emocións e á épica en política.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents