Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«A frustración e o esforzo non se poden desterrar»

«Nas últimas décadas houbo unha decadencia na universidade, tamén na Primaria e Secundaria»

O escritor Diego Alfonsín, autor de «Birken». |  D.A.

O escritor Diego Alfonsín, autor de «Birken». | D.A.

mar mato

Vigo

O tudense Diego Alfonsín traballou como lector de galego e español na Universidade de Heidelberg. A súa última novela é «Birken» (Galaxia), resultado das experiencias vividas durante oito anos na Alemaña. Trátase dun libro distinto, recomendable para que non busca un thriller, para quen quere ler algo distinto das correntes actuais mentres reflexiona sobre que é Galicia, que é ser galego, o presente do idioma e do país. Un dato sobre o autor: non é moi amigo das entrevistas faladas. Esta fíxose vía mail.

Que hai de Birken en vostede ou que hai de vostede en Birken?

Todo. Aínda que por moito que haxa do autor nos personaxes dun libro sempre será unha pequena parte do que somos, cando non unha parte deformada ou finxida.

O protagonista foxe canso dos lugares nos que viviu para despois devecer por eles ou botalos de menos. É a maldición do emigrante galego?

Non creo que sexa un sentimento exclusivo do emigrante galego (eu nunca me considerei un emigrante), máis ben é algo que lle sucede a calquera que pase uns anos vivindo noutro lugar. Un acaba inevitablemente dividido como resultado desa experiencia. Tampouco creo que se trate dunha maldición, máis ben todo o contrario, aínda que non sempre resulte doado manexar esas experiencias de ida e volta. O ser humano tende a idealizar o que non ten (ás veces incluso a desprezar o que ten), ben porque decidiu abandonalo, ben porque o perdeu sen pretendelo. A vida está feita de perdas, pero quen nunca perdeu nada probablemente tampouco viviu nada.

Hai crítica contra o pobo galego. «Que se pode esperar dun pobo que pasa frío dentro das súas propias casas?».

Non diría que a novela é «unha crítica contra o pobo galego». E se así fose tampouco pasaría nada. Os personaxes da novela simplemente reflexionan sobre diferentes aspectos relacionados coa realidade galega e confróntanos con outras realidades. (...) No ámbito literario ás veces está mal visto facer humor ou ser irónico coas nosas propias miserias, que as hai. O humor é terapéutico. Ás veces teño a sensación de que hai unha solemnidade pomposa, cursi e infantiloide que se pode detectar en certos dircursos militantes por parte de persoas que se consideran unha especie de salvadores da humanidade ou mesías do día a día das grandes causas. Cando esa tendencia se acaba trasladando ao discurso literario é fácil acabar facendo unha literatura simplista e panfletaria. Cando un galego deixa de entender e de aceptar a ironía e a retranca, armas da nosa tradición cultural, está perdendo a súa esencia e probablemente a súa liberdade.

Tamén critica a precariedade da universidade española.

Nas últimas décadas houbo unha decadencia no mundo da universidade. Refírome fundamentalmente ao ámbito das humanidades. Pero non só ocorre en España, senón en moitos países de Europa. Tamén se pode ver na Primaria e na Secundaria. As novas pedagoxías modernas dos últimos tempos penso que teñen algo que ver nese deterioro. A frustración e o esforzo forman parte de calquera proceso de aprendizaxe que mereza a pena, non se pode desterrar iso dunha educación que aspire a ser de calidade.

Abúrrelle o tema da nación?.

Non me resultan nada atractivas todas esas implicacións emocionais con tintes románticos que ás veces atopamos en certos discursos para xustificar delirios identitarios e idealizacións novelescas. Abúrrenme profundamente as consignas panfletarias das manifestacións coas que moitos pretenden colmar a dose de épica que non temos nas nosas aburridas vidas diarias. Non me gusta o apelo ás grandes emocións e á épica en política.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents