Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Galegas e Galegos Premios Nacionais con obra poética

Galicia, terra de longa tradición e calidade poética

Premio Nacional de Poesía, Premio Nacional de Poesía «Miguel Hernández» e mesmo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Dende 1993, autores galegos e galegas acadaron con obras poéticas unha ducia de galardóns convocados polo Ministerio de Cultura, mais defenden unha tradición de séculos.

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

O nome de Miriam Reyes vén de incorporarse esta semana a unha listaxe de autores galegos e galegas que dende hai 30 anos veñen acadando coas súas respectivas obras poéticas galardóns convocados polo Ministerio de Cultura como o Premio Nacional de Poesía, o «Miguel Hernández» e mesmo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Se ben o primeiro Premio Nacional de Poesía chegou en 1993 da man de José Ángel Valente, quen repetiu en 2001, non foi até 2013 que o Estado español concedeu este recoñecemento a un poemario escrito en galego. Con «Os ángulos da brasa», Manuel Álvarez Torneiro abriu unha senda que continuou Gonzalo Hermo con Premio Nacional de Poesía «Miguel Hernández» en 2015 por «Celebración», o poeta vigués Antonio García Teijeiro logrando facerse en 2017 co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil co poemario «Poemar o mar», e Pilar Pallarés en 2019 co Premio Nacional de Poesía con «Tempo fósil».

Porén, malia estes precedentes e a longa tradición poética da comunidade galega, cómpre destacar que da ducia de galardóns outorgados polo Ministerio de Cultura a poetas de Galicia, a metade foron concedidos no último lustro, destacando especialmente a presenza feminina: Olga Novo (2020), Alba Cid («Miguel Herández» 2020), Ismael Ramos («Miguel Hernández» 2022), Yolanda Castaño (2023) e Chus Pato (2024).

É precisamente a poeta á que arestora sucede Miriam Reyes, Chus Pato, quen aínda cunha «emoción infinita» polo vivido como integrante do xurado do Premio Nacional de Poesía deste ano afirmou sentirse «absolutamente feliz» polo recoñecemento a unha nova autora galega, destacando non só a súa voz poética, senón tamén o seu labor como antóloga, e sinanalando que «se ben é certo que a literatura galega se define polo idioma, Miriam foi unha nena que con 8 anos migrou a Venezuela e non pode restar ningunha alegría que este Premio Nacional recaia nela porque é galega ata a raíz e temos que festexala como tal».

Nun momento no que o galego está en precario, a poesía faise cargo desa precariedade e brota con forza

Chus Pato

— Premio Nacional de Poesía 2024

Á hora de analizar o foco que se ten posto nos últimos tempos sobre a poesía galega, Chus Pato expón que «esta eclosión ten que ver coa enorme tradición, excelente e extraordinaria, da poesía galega. Sempre asombra, pero temos unha tradición poética tan grande, dende o Rexurdimento ata os nosos días, que é normal, porque a poesía galega leva sendo extraordinaria dende hai séculos e o que ocorre agora é que cambiaron quizais as circunstancias históricas e nesta época son máis abertos a comprender que no Estado hai outras linguas ademais do castelán, percátanse de que temos unha potencia poética moi forte e quedan sorprendidos porque non nos parecemos a ninguén». Por outra banda, Chus Pato engade que un Premio Nacional «cambia as cousas», facendo referencia a que o seu «Sonora» acadou até cinco edicións e incidindo en que na súa traxectoria como autora «nunca cheguei a tantas edicións», di.

Concorda a este respecto outra galega Premio Nacional de Poesía, Olga Novo, quen malia que considera que os galardóns hai que «relativizalos», indica que «está claro que é un foco, un altofalante, e dende ese punto de vista para min ten interese. Na miña obra trato temas de memoria histórica e a defensa do mundo rural, polo que o premio serve para poñer o foco non só no estético, senón no ético, e quizais iso sexa o máis importante, que bote luz sobre eses aspectos que xa non son individuais do autor, senón que son cuestións sociais e colectivas».

O premio serve para poñer o foco non só no estético, senón no ético, e quizais iso sexa o máis importante

Olga Novo

— Premios Nacional de Poesía 2020

Neste senso, Olga Novo manifestou os seus parabéns cara Miriam Reyes «non só pola concesión do premio, senón pola profundidade da súa obra, que é moito anterior e que vai moito máis aló. O premio supón un feixe de luz sobre unha obra concreta, pero é momentáneo e a obra é máis extensa, precede o premio e continúa despois», engadindo que «cando a poesía é profunda e auténtica vai moito maís aló dos estados e das linguas, dun sistema literario en concreto. Celébrase e premiase unha mirada sobre o mundo, que é o que é a poesía».

Tanto Chus Pato como Olga Novo coinciden na apertura cara a diversidade lingüística no galardón, sinalando Chus que «a poesía é unha lingua dentro da lingua na que se escribe e é pura resistencia, unha raíz. E nun momento no que o galego está en precario, a poesía faise cargo desa precariedade e brota cunha forza para dalo todo e chamar a atención como só pode facer o poema». En canto á incorporación da perspectiva de xénero, en palabras de Olga é «unha manifestación máis do social e da mirada feminista, entrando as autoras no mapa literario en certa igualdade».

Considero que está ocorrendo algo moi interesante, que é o recoñecemento ás mulleres. Penso que a mellor poesía a están facendo elas

Antonio García Teijeiro

As «excepcionais» voces poéticas das autoras galegas é precisamente un dos aspectos a salientar para o vigués Antonio García Teijeiro, quen afirma que «Galicia ten unha tradición poética xa dende a Idade Media e considero que está ocorrendo algo moi interesante, que é o recoñecemento ás mulleres. Penso que a mellor poesía a están facendo elas na actualidade e iso é unha enorme satisfacción», comentou o Premio Nacional.

Logo de dedicar toda unha vida a inserir o verso nas aulas, percorrendo o maior número de colexios posible para pousar «a bondade da poesía» nas mans das crianzas, Antonio García asegura sentirse «moi feliz» polo feito de que estes galardóns recaian en creadores galegos nun momento no que cre que «hai unha volta atrás cara ese medo á poesía, o cal é duro porque pasei toda a miña vida loitando por isto». Por último, con respecto á proxección do idioma galego, Teijeiro apunta que «é moito máis que algo utilitario: é cultura, sentimento e necesidade».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents