Arrinca a V Residencia literaria da Cidade da Cultura

Ata o 12 de xullo no Gaiás, impulsa 10 proxectos inéditos de poesía, teatro e narrativa en galego

R.S.

Vigo

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, deulle onte a benvida ás persoas participantes na V Residencia literaria da Cidade da Cultura. Desde onte, e ata o 12 de xullo, dez escritores emerxentes en lingua galega compartirán un espazo de traballo no Gaiás no que poñer en común inquedanzas e coñecementos para mellorar os seus proxectos inéditos de poesía, teatro, novela e contos.

Anxo M. Lorenzo salientou a diversidade das propostas seleccionadas nesta convocatoria dirixida pola escritora e xestora cultural Eva Mejuto, o cal permite «abrir un interesante diálogo entre xéneros que enriquecerá cada proposta desde unha pluralidade de olladas e prácticas da escrita».

A esta multiplicidade de perspectivas súmase o acompañamento de escritores como a dramaturga, escritora e narradora oral, Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023, Paula Carballeira; a xornalista de Prensa Ibérica –grupo ao que pertence FARO– e escritora galardoada co Premio Nadal de novela en 2022, Inés Martín Rodrigo, e o poeta gañador do Premio de Poesía Joven Miguel Hernández nese mesmo ano, Ismael Ramos. Desde a súa posta en marco, no ano 2021, xa participaron neste programa máis de medio cento de escritores.

Tracking Pixel Contents