Laxe presenta 'Sirat' en Vigo: «Démolo todo con esta película»
Prosegue o seu éxito e acada 75.000 espectadores en cinco días
O filme pasará a proxectarse en 218 salas, 40 máis que na estrea

Oliver Laxe, onte nos Multicines Norte. / Pablo Hernández Gamarra

'Sirat', o filme que recibiu o Premio do Xurado no Festival de Cannes, continúa á conquista dos cinemas españois. O director, Oliver Laxe, compartía con FARO este mércores en Vigo os últimos datos. «Levamos 75.000 espectadores (ata o martes) e pedíronnos 40 copias máis polo que se verá en 218 cinemas. En vez de baixar na cifra de salas, que é o normal [co paso das xornadas], estamos subindo», comentaba coa ollada inzada de felicidade.
Laxe realizaba estas declaracións no hall dos Multicines Norte pouco antes de reunirse cos espectadores para un coloquio. En canto á relación entre as cifras e as súas expectativas, foi claro: «Eu intento non proxectar; a intención era facer unha película que fose popular sen enganarme e chegando a un público novo. Estámolo conseguindo e estou moi moi contento. O filme conecta coa xente».
Conectar coa xente
Recoñecía que o fin da película era «facer que o espectador mirase dentro del. ‘Sirat’ non é unha película normal». Certo que non pero por que hai persoas que quedan fascinadas mais non captan a mensaxe? «Eses espectadores teñen que cuestionarse se se están enfrontando a unha obra de arte da mellor maneira. É posible que estean demasiado na cabeza; hai que abandoarse e sentir as cousas. Están habituados a un cinema máis de explicar cousas. Isto é unha experiencia cinematográfica; é arte. Expresarme non pasa só pola cabeza, senón por outros modos de percepción como a pel, o estómago, o corazón», respondeu.
Tras estas e outras declaracións, Laxe trasladouse co produtor Xavi Font ata a sala onde o agardaba o enorme aplauso do público. Ao redor de 140 persoas viran na hora e media anterior a película. Á dereita da miña butaca, falei con Natalia; á esquerda, topeime con Juan. Era a segunda vez que ambos os dous vían o filme.
O caso de Natalia foi curioso, abandonou a película antes do punto de inflexión da historia na que a trama che dá unha pancada no fígado e no corazón á vez. «Non o podo soportar. Non podo revivir esa escena outra vez. Paréceme demasiado cruel. É unha boa película pero pregúntome se era necesaria esa escena. Supoño que si», confesoume.
A vida é cruel
Pregúntolle ao cineasta por esta cuestión. «A vida –respondeu– é cruel. Eu dialogo coa vida e nela hai xente que morre. É unha película sana. Ás veces, para non sentir tanta dor, o camiño é a dor».
Pola súa parte Juan confesou que o filme sorprendeulle: «O guion é moi bo e destaco o sensorial para participar da narrativa coa música, os planos distintos, esas imaxes que son bestiais; e case cheiras a area do deserto».
Marrocos, fonte de inspiración
Precisamente sobre o deserto de Marrocos onde se rodou parte do filme preguntáronlle no coloquio. «Alí, sentes que es cero, que non es nada. A paisaxe d´Os Ancares asómbrame pero a de Marrocos máis pero non me angustia. A natureza é dura pero protectora», reflexionou ante os espectadores.
Foi tamén en Marrocos onde naceu o filme, un día que houbo unha rave preto do palmeiral onde Laxe vivía para a preparación do filme «Mimosas». «Estaba bailando cos ollos pechados e chegábanme as primeiras imaxes», engadiu para amosar a súa admiración pola comunidade raveira fixándose «nos coidados» duns a outros. «Veñen de contextos desestruturados. Teñen algo dos antergos e a vida fíxoos humildes, co ego ben controlado», agregou.

Cartel da película "Mimosas". / Oliver Laxe
«Démolo todo, como se fora a derradeira película da nosa vida»
Explicou Laxe que o filme foi un esforzo enorme con días nos que había ata 100 persoas na rodaxe: «Démolo todo, como se fora a derradeira película da nosa vida».
Aproveitou para defender a importancia da arte como guía ata o «corazón». Resumiu que «Sirat» é cinema narrativo e sensorial con poesía que busca que nos identifiquemos cos personaxes. «É unha película dura e incomprensiva para algunha xente. Como podemos pensar que a vida é xusta? Eu quería expresar a miña visión da vida neste filme», apuntou.
Nesa visión, plasma a morte da que confesou ter medo. «O que nos fai madurar é entender a morte para vivir con máis intensidade», sinalou para engadir que o tren do filme «é a historia da humanidade» e que cada un de nós debemos pensar que fariamos no lugar de cada personaxe, que sentiriamos en cada un dos momentos desa ponte do paraíso ao inferno.
Rave en xullo en Compostela co dj da banda sonora
Se a imaxe e o guión máis as actuacións sobranceiras de «Sirat» nos abrazan para non soltalo durante días, a música tamén nos enfeitiza da man do dj que asina a súa banda sonora, o francés Kangding Ray. Este estará en Compostela en xullo para unha festa especial a colación do filme. A cita será o 4 de xullo na Praza da Quintana cunha sesión en directo, segundo avanzou o produtor Xavi Font. «Será algo único», dixo. Sobre a música, Laxe indicou que os zooms sobre os altofalantes é como «se buscáramos saber como sona o universo, como sonan Deus e os anxos. En moitas distorsións da película hai nostalxia, melancolía pero no final hai metafísica e luz».
- Hallan el cuerpo de un niño ahogado en Pedras Miúdas tras dos horas de angustiosa búsqueda
- Tres hermanos buscan a su madre, desaparecida en el aeropuerto de Madrid: 'Tenemos la esperanza de encontrarla con vida
- Viajar a Cíes es misión imposible y Ons solo registra un lleno este verano
- Novos topónimos para os concellos galegos: A Caniza (sen «ñ»), Cangas de Morrazo, O Castro de Caldelas ou Mondariz Balneario (sin guion)
- La tormenta que arrasó Castrelos: Trueno ilumina Vigo
- Nuevas y glotonas «vecinas» en el puerto deportivo de Cangas
- Davila 17/07/2025
- Las Festas do Cristo se reducen a ocho días para dar paso a las de Darbo