A dura vida do apátrida galego-marroquí

A curta «Mounir», premio á mellor dirección en Cans, baséase no caso real dun mozo que chegou en pateira a España e se criou en Galicia

Mounir, un galego de orixe marroquí convertido en actor. |  J. R.

Mounir, un galego de orixe marroquí convertido en actor. | J. R.

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Imaximenos que tiveramos que emigrar de noviñas a outro país; que alí souberamos que a nosa nai está moi enferma e que, por mor da nosa situación de sen papeis, non puideramos visitala. Este é o dilema que convida a reflexión na curta «Mounir», a obra –dos cineastas Xosé Dopazo e Javier Rúa– que levou o premio á mellor dirección no último Festival de Cans.

«Hai que remontarse a uns anos atrás. Un dos primeiros traballos que tiven eu foi nun centro de menores en Carballo, Agarimo. Estiven alí uns meses como educador social aínda que tamén estudei Antropoloxía. Alí, coñecín a Mounir que chegou con 16 anos», explica Javier Rúa.

Agarimo acabou pechando e o destino do Mournir foi un piso de menores en Santiago, cidade do director que acabou facéndose amigo do rapaz. Rúa, pouco a pouco, achou que aí había unha historia que contar para facer visible as dificultades que afrontan os inmigrantes no noso país antes de regularizar a súa situación.

«Quería contar a historia de Mounir, o seu día a día, inda que o ficcionamos un pouco. O que é real é que é feirante vendendo roupa; que conducíu unha furgoneta con medo por carecer de carné de conducir ao non ter papeis. Arriscábase a ter un problema gordo pero tiña que comer». Tamén é certo que logrou crear unha familia aquí, coa súa muller e a súa filla, ambas personaxes tamén da curta.

A cuestión de ter a nai enferma e non poder visitala é algo real pero non lle aconteceu a Mounir senón ao propio director Javier Rúa, un galego emigrado á Alemaña. «No 2020, xa estaba aquí e a miña nai lle diagnosticaron un cancro. Decidín ficcionar iso na curta e vinculalo a Mounir. El chegou a España con sete anos e leva moitos anos sen ver a familia. El nin sequera é marroquí porque é un apátrida xa que non estivo inscrito en Marrocos. Todavía non se atreve a ir alí porque en España conta co permiso de residencia pero non coa nacionalidade española», detalla o cineasta galego.

Ao preguntarlle sobre como chegou a España Mounir, Rúa relata que «veu só cun curmán que levaba un caiuco no que ían máis inmigrantes. Estiveron dous días perdidos porque o primo non sabía dirixir ben a embarcación. Mesmo morreron dúas persoas. A policía atopounos pola noite».

Co paso dos anos, Mounir foi mellorando a súa situación. Lograr o permiso de residencia posibilitoulle, por exemplo, sacar o carné de conducir. «Iso cambioulle moito a vida. Agora, está esperando a obter a nacionalidade española para visitar a súa nai e presentarlle a súa filla, que cumpriu xa catro aniños, Amal, que significa esperanza», conclúe o director, que se confesa «feliz» co premio logrado en Cans.

Tracking Pixel Contents