Un xurado en emoción pura

Ana: «Cando lle comuniquei á escritora que gañara quixen chorar»

Aurora Prieto, Moo, Bárbara Fernández e Ana Viqueira. Antón Pedreira, na pantalla.

Aurora Prieto, Moo, Bárbara Fernández e Ana Viqueira. Antón Pedreira, na pantalla. / Alba Villar

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Arredor das seis e media tarde do pasado xoves, no ‘cuartel xeneral’ de Edicións Xerais resonan os aplausos. Os xurados dos Premios Merlín e Jules Verne acaban de elixir as obras gañadoras de cadanseu galardón. Nunha sala veciña, o Xerais de Novela 2025 aínda non ten persoa gañadora.

Cinco das seis persoas que integran o xurado inician o ascenso ao outeiro do nerviosismo. Todas, presentes agás o libreiro Xosé Antón Pedreiras, da Libraría Pedreira de Compostela, que participa vía videoconferencia por unha recente operación.

O secretario, Xosé Manuel Moo (sen voto por ser de Xerais), tranquilízaas. Non hai presa. Nese momento, comeza a votación das tres novelas que chegaron a finalistas. Durante case a hora anterior cada unha das persoas do xurado opinou sobre os pros e contras de cada libro. Buscan, ante todo, que haxa consenso á hora de elixir a mellor novela presentada este ano. A responsabilidade é máxima.

Están a piques de pechar un proceso que arrancou a finais de febreiro cando comezaron a recibir as chamadas de convite para seren xurados aos Xerais. Sería entre a primeira e a segunda semana de marzo que lles chegarían os primeiros aspirantes; os últimos libros arribarían en abril. En total, doce volumes para ler, analizar e mesmo, nalgúns casos, puntuar. Recoñece a xornalista Ana Viqueira que formar parte é un «privilexio, orgullo e honra».

Cando por fin, hai novela gañadora do Xerais, a ledicia brinca no cuarto e o resto dos xurados convértense en público da apertura do sobre que indicará quen asinou a obra. A encargada de facelo é a bibliotecaria de Verín Aurora Prieto Tarrío.

Chega a chamada á gañadora

Desde a miña cadeira, creo ver que lle tremen as mans lixeiramente cando saca o papel que leva escrito o nome de Rocío Otero, máis coñecida como Abril Camino. Despois, chega a chamada á gañadora. A encargada de comunicarllo é Ana Viqueira (de Nós TV).

Un día despois, recoñece que «cando lle comuniquei que gañara déronme gañas de chorar; emocioneime».

Tamén a posteriori, Aurora Prieto explica que «había calidade nas novelas e non foi doado escoller. Foron doce, das que na primeira reunión tivemos que descartar nove. Houbo un debate para ter os tres finalistas e chegar aí reflexionamos moito. Penso que estivo bastante reñido pero a gañadora foi unha novela que nos emocionou a todas». E tanto, a maioría choramos ao lela e Antón confesou que case lle caen as bágoas.

Ademais da emoción, o xurado quédase cunha experiencia –para a maioría era a primeira vez que elixían obra literario nun concurso– na que aprenderon moito. «Desde logo, recoñece Bárbara Fernández López (correctora editorial e bookstagramer @barbibooks). A min, levoume a moitas reflexións que aíndan me bailan na cabeza».

O xurado agradece a Xerais participar nunha iniciativa que a editorial abre aos lectores. «Estes poden aportar moito pero non teñen a mesma capacidade de crítica literaria que alguén que traballa nunha editorial ou que unha persoa escritora recoñecida. Por iso, creo que se deben mesturar os dous grupos inda que os lectores teñen moito que dicir», defende Aurora.

Antón Pedreira cre, porén, que lle parece «moi boa idea» focalizar o xurado entre xente allea á editorial. Pero esa participación é «unha responsabilidade». «Primeiro, séntela cando comezas a ler cun criterio activo. Les novelas que non lerías se non fora por esta circunstancia e avalíaslle cousas positivas. O segundo peso da responsabilidade é colectivizado cando coincides co resto do xurado», indica Viqueira. Bárbara Fernández engade que o proceso «foi moi emocionante»

Non é para menos. Estes premios son agardados por moita xente. Sinala Aurora que nos últimos tres anos «os Xerais gustaron moito aos lectores» da súa biblioteca».

Antón Pedreira conclúe que «formar parte do xurado do Xerais é unha satisfacción; é tremendo. Despois, vou vender ese libro e defendelo. Gocei e aprendín moitísimo con esta iniciativa».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents