Os Xerais xa teñen as súas raíñas

Os premios de Novela, Merlín e Jules Vernes recaen nas escritoras Abril Camino, Érica Esmorís e Andrea Maceiras

Cada galardón está dotado con 10.000 euros e a presentación dos libros será no outono

Os Xerais xa teñen as súas raíñas

Os Xerais xa teñen as súas raíñas

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Tras meses de proceso de selección, os premios Xerais do ano 2025 (a súa edición número 40) xa teñen as súas raíñas. E escribimos raíñas xa que recaeron en tres mulleres, cada unha recoñecida cunha familia de libros queridos polo seu público lector.

No caso do Premio Xerais de Novela, fíxose con el a lucense Abril Camino, pseudónimo de Rocío Otero, quen comezou autopublicando as súas novelas. Na actualidade, conta xa cunha vintena nos andeis cunha aposta entre o romanticismo e o xénero sentimental. Desta vez, asina «Mulleres que viven xuntas», sobre dúas mulleres que a finais dos 60 namoran nunha aldea galega. Ao longo dos anos a súa relación vaise consolidando nos seus corazóns e no medio dunha sociedade á que lle custa afrontar esta visión.

«Erin e o lobo» foi a obra gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil. Nela, Érica Esmorís presenta a amizade que nace entre a nena Erin e o lobo Noite que vive solitario, desterrado da súa manda.

Pola súa parte, Andrea Maceiras fíxose co Jules Verne de Literatura Xuvenil con «O corvo sobre a neve», unha historia de ficción científica na que se cola a IA como personaxe.

Abril Camino: «Ata este premio, estaba frustrada co mundo e comigo»

Abril Camino ganadora premio Xerais

Abril Camino ganadora premio Xerais / Carlos Pardellas

Isabel é unha nena galega que no 1955 emigra a Reino Unido para vivir cos seus tíos ante a penuria do seu fogar. Trece anos despois, regresa. Será cando coñeza á veciña Chus, a mestra que coida da súa proxenitora. Entre elas, comezará unha relación coa reticencia no tempo do corazón, a cabeza e a sociedade. Asina o novo Premio Xerais de Novela –«Mulleres que viven soas»– Abril Camino, autora con éxito de vendas que comezou na autoedición e que ten publicado con Planeta («Las 27 citas de Charlotte May», «Nuestro último verano en la isla» ou «La petición de Olivia»). Coa súa nova novela con Xerais é máis que probable que á lectora ou lector lle caian as bágoas de emoción.

Cando coñeceu que gañara os Xerais, díxolle ao xurado que estaba atravesando unha etapa difícil e que había tempo que lle apetecía mudar de tipo de novelas publicadas.

Cando comecei, escribía novela romántica de xénero e despois escribín na liña do que gañou agora o premio pero iso non o querían publicar as editoriais coas que traballaba. Cando entras nun mundo editorial grande créase unha imaxe de marca túa, o que é algo que non me gusta. Non te deixan saír desa liña porque ‘a xente quere iso’. Eu tiña un caixón cheo de manuscritos en galego e castelán que non tiñan saída comercial. E eu vivo disto. Chegou un momento de crise. Os últimos proxectos tampouco funcionaran como se esperaba e recibir a chamada do Premio Xerais foi o reforzo de que o cambio cara unha novela máis íntima e reflexiva ten un respaldo dalgo tan prestixioso como o Xerais.

Hai algún amarre ao real nesta novela?

Todo é ficción mesmo a aldea onde se desenvolve. Pero é verdade que hai un trasfondo de amizades de mulleres. Todo o mundo pode coñecer un caso preto. Son mulleres da xeración de posguerra que eran amigas e vivían xuntas e é posible que houbera unha relación mesmo non recoñecida por elas por mor dos prexuízos. Miña nai mencionoume unha anécdota dunhas primas lonxanas que lembro moi difuminadas. Toda a vía crin que eran irmás pero a miña nai acabou dicíndome que ela pensaba que eran parella. Eu quedei alucinada. Iso foi unha faísca para contar esta historia.

Como son as protagonistas?

Isabel é unha filla da posguerra, da miseria, da fame e da emigración. A nai mándaa fóra para sacala da pobreza. Medra no_Londres de finais dos 60 que era un planeta diferente a España. Chus é unha nena ben que vai ser monxa e que no último momento decide non ordenarse porque non lle gusta o voto de obediencia. Ela quere máis liberdade e ser mestra. Inda así, é moi reprimida. O seu grande éxito é ser valentes internamente e o gran fracaso é ser covardes socialmente. Elas séntense así.

Ve dificultades inda hoxe para expresar a identidade sexual non normativa?

As persoas cunha sexualidade normativa como é o meu caso nunca entenderemos os retos aos que se afronta a xente cunha orientación sexual diferente. Avanzamos moitísimo nos últimos 20 anos pero vivimos agora un retroceso ideolóxico. Todo depende do teu ambiente.

Que significa este premio?

Ten toda a importancia do mundo. Eu levo máis dun ano en crise coa miña carreira creativa. Pasei de vivir o máis doce ao máis ácedo. Unha voceciña na miña cabeza dicíame que o que eu escribo non vende, non funciona. Oínno doutras voces. Estaba moi frustrada co mundo editorial, creativo e comigo mesma. A chamada de Xerais foi o gran cambio de mentalidade. Non creo que sexa a mellor do mundo pero vexo que teño capacidade de escribir algo que inda interesa.

«Gustaríame espertar unha emoción verdadeira»

Érica Esmorís

Érica Esmorís / FDV

Sinala Érica Esmorís que levaba «dentro o texto» de «Erin e o lobo» dende hai tempo. «Fala de vínculos, de sentirnos escoitados de verdade, de atopar un lugar no mundo», engade para subliñar que a historia amosa «o amor profundo que sinto pola miña familia. A obra leva o nome da súa filla.

A obra fala dunha nena que vive cos seus pais nunha cabana. Un día, coñece ao lobo Noite, que quedou desterrado da súa manda. No bosque cren que o animal é unha besta pero a nena non concorda.

«Ela nunca viu unha cidade, un colexio nin outro neno. Ela é luz e tenrura. El ten o manto e o corazón escuro; está condeado a vivir nunha cova. El é antagonista dela, con silencio e carraxe contida. Na primeira parte, el intenta destruíla a ela pero realmente non son tan diferentes», sinala Esmorís.

Respecto á «gran carga simbólica» que destacou o xurado, apuntou que «hai un libro vello que inicia a faísca da maxia, que pode ser unha porta cara á imaxinación. A lectura que fai dela é un fío invisible que a reconcilia con todas as criaturas incluso co lobo. A cova deste é un lugar de castigo pero tamén de esperanza». Recoñece Erica que a historia «naceu do corazón e de aí todos estes símbolos».

En canto a mensaxe que trata de transmitir, resalta que «intentei falar sobre a escoita, a diferenza e o feito de pertencer. Gustaríame que espertara unha emoción verdadeira que quede máis alá da última páxina».

Preguntada pola importancia do bosque na obra, recoñece que «é un personaxe máis. O bosque tamén escoita e castiga. A nena crece libre nel. Sempre me interesou o bosque como lugar de reparación».

Por último, Esmorís –que xa gañara o Merlín no 2015 con «Nena e o mar» e que conta con outros galardóns como o Raíña Lupa de Literatura Infantil e o Frei Martín Sarmiento– reflexionou que «desta vez, este libro é máis ca unha historia para min. É algo moi persoal. Cando vin a chamada de Fran Alonso chorei antes de collela. Non sabía que ía reaccionar deste xeito. Saber que Andrea Maceiras gañou duplicou a emoción. Sei que o xurado o tivo moi difícil. Este premio é un regalo enorme».

«Ao protagonista, os libros acaban salvándolle a vida»

Andrea Maceiras.

Andrea Maceiras. / FDV

Se para Érica Esmorís foi unha ledicia volver gañar este ano un premio Xerais con Andrea Maceiras, para esta supón «unha ilusión». «É incrible que volveramos gañar as dúas», novamente, sinalou a autora de «O corvo sobre a neve», o Premio Jules Verne.

Por parte do xurado, destacaron que se trata dunha obra «a medio camiño entre a fantasía, a ficción científica e a novela distópica», con moita «aventura.

Maceira detalla que «é unha distopía ambientada nun contexto de cambio climático que derivou cara unha glaciación na que hai emigrantes climáticos. O protagonista é un rapaz que sobrevive a un entorno moi difícil grazas a seis libros».

Entre esas obras obxecto do pasado, atópanse clásicos da literatura infantil como «Viaxe ao centro da Terra» de Verne; «O soldadiño de chumbo», de Andersen; ou «O libro da selva» máis «O conde de Montecristo».

Admite Maceiras que son obras que lle gustaron «moito» e que «teñen valor sentimental» para ela. «Son clásicos de sempre que me apetecía rescatar xa que o libro tamén é unha novela de aventuras».

En canto aos personaxes principais, detalla que «o protagonista nos vai contando a súa vida. Vive atormentado porque a súa familia garda un segredo relacionado coa chamada Tecnoloxía Eterna. Por ese segredo, son perseguidos ao longo de toda a historia. E ese é o motor do relato».

Tamén está presente a intelixencia artificial pero non como ente abstracto. Nesta obra, «é unha criatura artificial, é o asistente persoal do protagonista que lle dá consellos: un corvo. Durante todo o relato acompaña ao neno. É como se fora a voz da súa conciencia».

Un papel importante teñen «os parias do frío», as xentes que deben emigrar debido a que a glaciación vai moi difícil ou imposible a vida no seu lugar de orixe.

Clave tamén é a nai do protagonista, que sacrificou a súa vida por uns libros. «Os libros son un obxecto desfasado. As IA crean obras á carta. O rapaz detesta os libros pero estes acaban salvándolle a vida», engade a escritora coruñesa Andrea Maceiras

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents