Entrevista | Ángeles Huerta Directora de «Antes de nós»
«É bonito e necesario desacralizar a Castelao»
«Antes de Nós», de Ángeles Huerta, atravesa o mito de Castelao. Fíxase nas emocións dunha parte da súa vida, infidelidade incluída. Ollo! Esta é a primeira película en galego na que actúa Nancho Novo

A directora Ángeles Huerta, onte na Coruña. / Germán Barreiros

O filme foi estreado onte na Coruña e proxéctano hoxe no Festival de Cans á tardiña. De 13.00 a 14.00 horas, a directora e máis os actores Xoán Fórneas (que fai de Castelao), Cris Iglesias (Virxinia) e Nancho Novo (canteiro) parolan co público nun encontro na aldea. Mañá, chega aos cinemas.
Lembra Ángeles Huerta ('O corpo aberto') que este filme ten a honra de ser a primeira película en galego na que actúa Nancho Novo e que este chorou cando lle ofreceu o papel.
—Que engado tivo a súa mirada de muller sobre Castelao?
Eu potenciei moito algo que xa estaba no guion: a fraxilidade de Castelao. O andazo pola gripe de 1918 e a viaxe á Bretaña coa súa muller polo dó trala morte do seu único fillo no 1929 son dous momentos de extrema fraxilidade. A intimidade é o máis político que hai. A formación ética do personaxe é o que está detrás do político. Tras ser médico en Rianxo na gripe do 18, el marcha para a primeira Asemblea Nacionalista en Lugo. E o que vemos no 1929 é o preludio do Partido Galeguista. É importante saber que emocións lle levaron a facer esas escollas.
—Houbo algo nese período que lle chamara a atención?
Alucíname a relación de parella entre Castelao e Virxinia. Ela era dunha clase social máis alta e vive un proceso de desprazamento cando casa con el e este deixa de exercer a medicina para traballar de funcionario en Pontevedra. Despois, acaba achegándose moito a el; e el a ela. É moi difícil que unha parella sobreviva á morte dun fillo. Que eles superasen xuntos ese momento e despois sigan máis unidos sorprendeume. A película remata cunha epifanía na Bretaña e da que Castelao fala no seu primeiro discurso nas Cortes da República no 1931. O compromiso que el adquire co galeguismo é diferente a partir de aí. Virxinia acompáñao. Non o mostramos na película pero ela vai pasando nas súas cartas de usar o castelán a usar o galego. A través delas, entendémola como persoa e vemos a súa viaxe política.

"Antes de Nós", a película de Ángeles Huerta sobre Castelao. / A.H.
—No filme, coñecemos un amorío de Castelao.
Iso é parte do proceso de secularización de Castelao. Non queremos facer un panfleto. Xa está abondo glorificado. Nós queremos facer unha achega honesta achegándonos á alma humana. En que medida a intimidade de Castelao fala da nosa intimidade? El era un varón burgués de principios de século. A súa familia pasou da miseria a ter posibles trala emigración á Arxentina. Castelao tivo unha amante, unha pianista inglesa en Pontevedra antes da gripe. Parecíame interesante partir desa crise. Cando empeza a película, estamos ante un matrimonio en crise. A importancia do filme radica no baile de achegamento e afastamento dos dous. Paréceme bonito e necesario desacralizar a Castelao.
—Presentan tamén cando o cacique de Rianxo quere botar abaixo o Hórreo do pai de Castelao. Ese episodio ata chegou aos xornais de fóra de Galicia.
Si, si. No ABC, falan dese episodio como de exemplo de loita contra o caciquismo. No ano 1918, era un problema endémico de toda a sociedade española. Aí, o pobo de Rianxo converteuse en exemplo de resistencia e valentía. No caciquismo, no fascismo, hai un tipo de maldade que ten que ver co desleixo.
—O filme axuda a entender que a raíz do odio fascista á familia Castelao viña de moi atrás.
No contexto da Xeración Nós, todos eran homes burgueses e algún aristócrata. Castelao era o único que tiña memoria da miseria; el viña do pobo. A experiencia da emigración en Arxentina tampouco foi opulenta. El volve e terá unha vida burguesa pero con memoria da miseria moi certeira. Ter a oportunidade de traballar como médico no andazo no seu Rianxo natal permitiulle entrar ata a cociña de todas as casas da comarca mesmo das máis miserables. El mirou a morte aos ollos nesa época.
—Os actores Xoán Fórneas (Castelao) e Cris Iglesias fan un excelente traballo pero destaco a Nancho Novo.
É un orgullo recuperar a Nancho Novo para o noso cinema. É a primeira vez que roda un filme en galego. Cando o chamei, botouse a chorar porque tiña a teima de que ninguén se lembraba del en Galicia. A súa actuación é brutal. Para min, é un mito. El é o protagonista de «La Ardilla Roja», peli dos 90 coa que aprendín a amar o cinema.
Suscríbete para seguir leyendo
- Irene Díez, ginecóloga: “La incontinencia urinaria no se soluciona con compresas, hay que acudir al médico”
- Sin fuegos artificiales ni alumbrado en las fiestas de Coia
- Hallan los cuerpos de Txell Fusté y Esteve Carbonell, desaparecidos en los Pirineos hace seis meses
- Ni medicina ni odontología: estas son las 2 únicas carreras con nota de corte superior al 13.0 en Galicia
- Si ves una cría de pájaro caída del nido, no la cojas: esto es lo que dice la Sociedad Española de Ornitología
- Devuelve la cartera de un joven de Aldán con el dinero que tenía para viajar a Tenerife: «¡Personas que son ángeles!»
- Paz Rodríguez abre en Vigo la primera tienda de su historia y mira a Asia para su expansión
- Oncología del Chuvi se despide de Gerardo Huidobro: «Su memoria nos servirá de guía»