O futuro do galego, a exame: doce voces para darlle pulo
Destacadas figuras do panorama literario, cultural e artístico de Galicia fan unha análise da situación actual do galego, fan propostas sobre a maneira de impulsalo e lanzan un chamado á implicación de tódolos sectores para loitar polo seu futuro

Manifestantes no Obradoiro cunha pancarta en defensa do galego. / E.P./Arxina
M. G.
O galego é unha parte fundamental da nosa identidade cultural e colectiva. Como lingua propia de Galicia, forma parte do noso día a día, da nosa historia e do noso futuro. Porén, o seu uso e proxección están suxeitos a cambios constantes, influenciados pola sociedade, os medios, o sistema educativo e as dinámicas familiares. Esta enquisa busca recoller impresións reais sobre como se vive hoxe o galego e que expectativas hai para o seu futuro.
As preguntas:
1. ¿Que diagnose fai do galego?
2. ¿Que medidas propón para impulsar o galego?
3. ¿É optimista co futuro do galego ou cre que corre perigo de desaparecer?
1. Entendo que hai unha moi ampla e coincidente opinión de que a nosa lingua está nun difícil momento. E, quizais, o máis preocupante sexa o grao do seu uso entre a mocidade, que é onde reside o seu futuro. Estamos nunha encrucillada. Cómpre actuar, con realismo e ambición, en variados ámbitos, pois da saída que tomemos dependerá que a lingua teña futuro como lingua de uso social ou fique reducida a un uso ritual, litúrxico.
2. A primeira responsabilidade está no espazo político. É preciso, mesmo urxente, que as forzas políticas acaden un pacto pola lingua. Mais co pacto, imprescindible, non abonda. O futuro dependerá da vontade da propia sociedade galega, que debe preguntarse pola súa responsabilidade na defensa da lingua.
3. En ningún caso considero a desaparición da lingua. Outra cousa é a dimensión e a calidade da súa presenza na sociedade galega. Cómpre traballar para que se manteña como lingua de uso e non remate como lingua litúrxica. A sociedade galega ten diante un reto vital, que afecta a un trazo fundamental da súa personalidade, ao que debe responder con decisión e responsabilidade. Así si haberá futuro para o galego.
1. O galego está nunha situación crítica, xa que se truncou a súa transmisión no eido familiar e reduciuse o seu emprego como lingua vehicular nos centros educativos. Hoxe non é a primeira lingua para a maioría da poboación do país. Como tampouco unha lingua que coñezan e usen os escolares con idéntica competencia á outra lingua cooficial. A situación, polo tanto, é moi delicada.
2. É imprescindible actuar no sistema educativo, revisando o actual modelo, fracasado, de educación lingüística. A primeira medida debería ser que o goberno galego presentase o informe de avaliación do Decreto de Plurilingüismo 70/2010, que, a todas luces, obrigaría a súa derrogación e substitución por un modelo alternativo, no que se recuperase o carácter do galego como lingua vehicular de referencia. Recuperar o emprego institucional do galego por parte dos responsables públicos de todas as forzas políticas como promover políticas públicas de fomento do seu uso por parte dos medios de comunicación, nas redes sociais, transportes públicos, servizos sanitarios urxe.
3. O galego non desaparecerá até que exista a vontade da súa derradeira falante. Son optimista. A situación é delicada pero existe vontade e determinación por unha parte significativa da sociedade galega que utilizamos como instalación das nosas vidas en todos os ámbitos. O galego ten o futuro que para el queira a sociedade galega. Sei que os nosos netos celebrarán cos seus netos o 17 de maio, non teño dúbida.
1. O galego é unha lingua universal que está hoxe nos cinco continentes nas súas diversas variantes. A situación no territorio onde naceu é hoxe preocupante pois segue a ser marxinado e sen políticas de normalización efectivas que contribúan á súa transmisión interxeracional.
2. Medidas que apoien o uso habitual e normal en todos os ámbitos sociais: nos medios, na xustiza, na sanidade, na cultura e no ensino. Para iso é necesario reforzar o seu uso con apoio económico e con estímulos que prestixien o seu uso.
3. O galego correo o risco de desaparecer no seu territorio se non hai unha transmisión ás novas xeracións desde a escola e non se toman medidas urxentes para recuperar falantes.
1. Estamos nunha situación de verdadeira emerxencia.
2. As medidas para impulsar o galego deben ser transversais: dende arriba primeiro, con políticas públicas útiles. Un gran plan lector. Actuar no eido educativo, nas familias... Seducir, convencer...
3. Temos futuro. A nosa lingua é o noso ADN. A nosa personalidade polo mundo. Oxalá teñamos políticas que garantan ese futuro.
1. A diagnose hai que facela obrigatoriamente a partir dos datos existentes, que son públicos e que indican unha gravísima diminución do seu uso (unha caída de porcentaxe de 10 puntos nos últimos 5 anos en menores de 14 anos). A Xunta debería entender que vivimos unha situación de emerxencia e que xa non é válido ese concepto falso e enganoso de «paz lingüística» que defenderon ata agora. Os datos demostran que esa paz é sinónimo de deixadez, de esmorecemento do galego.
2. Habería que poñer en marcha un Plan de Dinamización Lingüística que comece polo ensino (hoxe, por desgraza, un ámbito desgaleguizador), abolindo o Decreto do Plurilingüismo, apostando pola inmersión lingüística en galego. Hai que continuar loitando contra os prexuízos e os tópicos (aínda tan estendidos), e levar a lingua a ámbitos de prestixio e socialización e actuar positivamente sobre as redes sociais, no ámbito económico e empresarial e formar culturalmente ás lectoras e lectores desde a lingua galega. Tamén hai que facer un seguimento rigoroso e valoracións dos resultados. E a CRTVG tería que xogar (non o está a facer) un papel fundamental en todo este proceso.
3. Son optimista. Confío enormemente na capacidade da sociedade civil para reverter esta situación de apatía lingüística que vivimos. A apreciación dos galegos e galegas sobre a nosa propia lingua é moi positiva. Só falta unha actitude máis decidida, de maior compromiso individual. Vivimos unha situación de emerxencia porque así o indican os datos e pode verse facilmente coa cantidade de problemas que teñen as nais e pais que queren educar en galego aos seus fillos e fillas. Así que nos falta que o poder político comece a confiar na incalculable riqueza que supón a defensa e promoción da nosa lingua e que aposte pola súa promoción e presenza en todos os ámbitos da sociedade.
1. Falar de diagnose é dalgún xeito falar de enfermidade e eu non creo que o galego estea enfermo. Os resultados do IGE sobre o uso da nosa lingua son alarmantes, certo, pero non unha sorpresa. O problema de saúde non está na nosa lingua senón na sociedade, nos gobernos e nas políticas lingüísticas.
2. Faltan referentes para a xente nova, non porque non os haxa senón porque non teñen visibilidade. Habería que darlle unha volta ao galego no ensino, converter as aulas en espazos que faciliten unha inmersión lingüística que non se dá na casa, e facer da materia de Lingua e Literatura Galega un instrumento imprescindible para coñecer a tradición e conectala co momento de rabiosa actualidade que vive o alumnado. Cómpre desbotar prexuízos a todos os niveis e motivar as persoas neofalantes. Toca tamén investir en cultura, favorecer a arte galega en todas as súas facetas é imprescindible. Por suposto, necesitamos medios de comunicación de calidade e comprometidos.
3. Quero ser optimista porque se o galego desaparece, desaparece unha cultura enteira. O que non se nomea non existe. O galego ten que vivir para que a nosa riqueza cultural poida nomearse e o noso pasado non se perda. Con todo, se as políticas lingüísticas non cambian e non se dá un compromiso honesto por parte dos gobernos, todo apunta a que estamos diante dun problema moi serio.
1. O galego é un idioma riquísimo, con ampla tradición e arraigo. A lingua nai de moitos galegos, vinculada a unha maneira de ser, de pensar e de ver e entender o mundo. Esa forza fará que supere todas as dificultades.
2. As medida que impulsaría sería construír un teatro comercial en galego que cree novos públicos e que achegue á xente máis nova ao teatro.
3. Son optimista. O pobo galego superou situacións peores no pasado e sempre saíu adiante. Somos un pobo moi loitador, moi especial. O galego perdurará.
1. A miña ollada non pode ser tan pesimista como as voces ao meu redor. Son consciente de que as cifras das enquisas son demoledoras, pero tamén gardo espazo para unha ollada máis optimista. Confío na rapazada, así como na sensación que me deixa o diálogo co lectorado. Se algo aprendín ao longo destes anos é que, se ti estás disposto a conversar cos lectores do país, eles se che descobren moito máis numerosos do que sempre se dixo, indo moito máis alá da tan repetida «militancia». Estou falando de decenas de milleiros de lectores fieis que, se len en galego, por que non pensar que tamén falan en galego?
2. Se é certo aquilo de que «doutores ten a igrexa», neste caso mesmo me atrevería a dicir que, visto o pontificado, se cada un dos nosos «doutores» propuxese unha medida verdadeiramente eficaz, o galego, máis que salvado, xa estaría convertido en primeira lingua planetaria. En todo caso, se teño algunha sensación ao respecto do futuro é sobre o que NON debemos facer. E moitas desas negativas veñen da contemplación do que eses mesmos doutorados están a postular con teimosa obstinación.
3. No feito literario, por exemplo, levamos anos convencidos de que toda a salvación vai vir pola imposición dunha serie de produtos centrados case de maneira específica no didactismo, especialmente no que ten que ver cos máis novos. Non paramos de darlles leccións con respecto ao que teñen que saber, pensar e opinar sobre absolutamente todos e cada un dos temas posibles. Convencidos de que á rapazada hai que tratala como se fose imbécil, incapaz de pensar por si mesma, esquecémonos de que o primeiro sempre é entreter aos nosos lectores. Enganchalos, seducilos. Atraelos, conseguir que lles apeteza lernos. E ensinarlles si, pero facéndoo desde o entretemento, non desde a turra constante. Se seguimos por este camiño, o único que imos conseguir é convencer aos noso lectores de saíren correndo, pero en dirección contraria ao galego. E sen lectores non hai futuro, sen rapazada xa nin che conto. Non, non estaría de máis reflexionar sobre ata que punto non estaremos sendo nós mesmos tamén responsables da mala saúde do idioma. Pero claro, ese recoñecemento de culpas supón unha asunción de responsabilidades que o sempiterno bronco sanedrín galego nunca estará disposto a asumir. E así nos vai, claro...
1. Hai datos abondos para facer unha análise da situación e actuar en consecuencia. A última enquisa do IGE sobre o uso do galego amosa datos esclarecedores: por primeira vez o castelán é a lingua máis falada en Galicia. Ademais, contemplando a serie histórica, a perda de galegofalantes é progresiva. O máis preocupante é a perda de falantes entre as idades máis novas, porque as nenas e nenos son o futuro da nosa lingua.
2. É fundamental o método da inmersión lingüística na escola. Os nenos e nenas teñen acceso ao castelán en todos os ámbitos da súa vida: videoxogos, formatos audiovisuais, medios de comunicación... A escola non pode ser outro axente desgaleguizador máis. Hai nenos e nenas que aprenden a falar en galego nas súas casas e abandónano en canto comezan a etapa escolar. As institucións deberían garantir tamén o apoio e impulso do galego en ámbitos como o audiovisual ou os medios, tamén por garantir os dereitos lingüísticos das persoas que a día de hoxe o falan.
3. Son optimista. A día de hoxe hai nenos e nenas e mozos e mozas que falan galego de maneira habitual. A chave é conseguir que non o abandonen por unha serie de presións de grupo que operan tamén no caso da lingua que falas e, á vez, conseguir atraer máis falantes.
1. Na última enquisa do IGE queda claro que o galego vive un momento crítico en canto ao seu uso e, ademais, vai costa abaixo sen freos. Calquera o pode comprobar na rúa, nos patios dos colexios ou nos parques infantís.
2. A nivel institucional, a Xunta debería recuperar o Plan Xeral de Normalización Lingüística do 2004, no que se apoiaba o uso do Galego no sistema educativo. Por outra banda, a poboación debería sentirse orgullosa dunha lingua que nos fai singulares e usala. Moita xente di que non a fala porque non a sabe falar ben e logo fala mal o castelán. Ademais penso que o Día das Letras Galegas debería ser lectivo e laborable. Está máis que demostrado que facelo festivo non axuda á defensa da lingua galega e sendo lectivo podería ser a gran Festa da Nosa Lingua en todos os centros educativos.
3. Son moi pesimista co futuro do galego, mais penso que, se os nosos devanceiros foron quen de mantelo vivo durante unha «longa noite de pedra», nós temos que ser capaces de darlle a volta a esta situación. Castelao deixou escrito que «se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma», por iso nos xogamos moitísimo nesta defensa da nosa lingua.
1. A situación é delicada, especialmente nas grandes cidades. O que observo nas miñas visitas ás escolas é que hai maior competencia en inglés que en galego (falo e cursos de Primaria). Isto da un pouco a radiografía do que está ocorrendo coa lingua. Estamos camiñando sobre cristais e como as persoas adultas, no día a día, non nos ocupemos nesa misión de transmitir a lingua, que é a nosa responsabilidade, imos atopar que as novas xeracións van ter aínda menos competencias. Hai puntos moi concretos, que cando vas aí é marabilloso, porque todo o mundo fala galego, non se rompeu a cadea de transmisión; pero en cidades como A Coruña, Ourense, por suposto Vigo, por desgraza, a lingua galega empeza a ser a excepción.
2. Non podo evitar pensar no importante que foi a función de normalización que cumpriu a TVG hai xa décadas, co Xabarín á fronte. Eu deseñaría unha programación atractiva pensada para o público infantil e xuvenil actual.
3. O futuro da lingua depende de nós. Temos a importante responsabilidade de transmitir o legado do galego aos pícaros. Se as persoas adultas non cumprimos con esta misión, o futuro do galego é delicado.
1. Temos un idioma moi rico e moi sonoro. Foi a lingua que falaron e na que escribiron grandes literatos. Pero creo que aínda estamos a ter o complexo de irmán menor. E non o somos. ¡Para nada!
2. Educación e cultura. Como todo. Defender o galego e abrir a mente. O castelán non temos que defendelo porque o imos a falar de todas todas. E temos a sorte de nacer con dous idiomas. Falalos dende cativos facilítanos para o día de mañá aprender outros. E unha gran riqueza que temos que festexar e incluír no noso dia a día. Eu non so falo en galego. Penso en galego. E iso non me mingua á hora de falar castelán. Ó contrario.
3. Desaparecer non vai desaparecer, porque un idioma forma parte do ADN. Pero temos que empezar a valorar a sorte de nacer cun idioma tan bonito e tan rico en expresións.
Suscríbete para seguir leyendo
- Irene Díez, ginecóloga: “La incontinencia urinaria no se soluciona con compresas, hay que acudir al médico”
- Ni medicina ni odontología: estas son las 2 únicas carreras con nota de corte superior al 13.0 en Galicia
- Si ves una cría de pájaro caída del nido, no la cojas: esto es lo que dice la Sociedad Española de Ornitología
- Devuelve la cartera de un joven de Aldán con el dinero que tenía para viajar a Tenerife: «¡Personas que son ángeles!»
- Paz Rodríguez abre en Vigo la primera tienda de su historia y mira a Asia para su expansión
- Oncología del Chuvi se despide de Gerardo Huidobro: «Su memoria nos servirá de guía»
- Hallan muerta en su casa de Ribeira a la culturista Carolina Fernández
- Alcampo cerrará 3 tiendas en Galicia y reduce los despidos a un máximo de 633