Patricia Seoane: «Somos a comunidade con máis cancións tradicionais gardadas»

Dedicarlles as Letras Galegas ás cantareiras «pon en valor as mulleres como gardiás», resalta a escritora María Lado

Patricia Seoane e Alba ofrecen varias cantigas en directo

Anabel Montouto, María Lado, Alba Faro e Patricia Seoane conmemoran no Club FARO o Día das Letras Galegas

José Lores | R. V.

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

«Somos a comunidade de España onde máis cancións tradicionais temos gardadas», defendía onte a pandeireteira e mestra de música tradicional Patricia Seoane. A frase pronunciouna no Club FARO onde estivo acompañada pola tamén intérprete de música tradicional, cantareira e profesora Alba Faro e a escritora María Lado, presentadas pola Web Master do FARO Anabel Montouto.

Alba Faro: «Somos a comunidade con máis cancións tradicionais gardadas»  | JOSÉ LORES

Alba Faro: «Somos a comunidade con máis cancións tradicionais gardadas» | JOSÉ LORES

Lado falou seu libro «Canta, miña compañeira» (Xerais), que vén de esgotar a súa primeira edición. Inda que está pensado para audiencia lectora escolar duns once anos, o volume serve de gran axuda á xente adulta para coñecer mellor as mulleres cantareiras homenaxeadas este polo Día das Letras Galegas e o mundo da música tradicional: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda (Pandeireteiras de Mens).

Para Lado, o tributo da Real Academia Galega ás cantareiras e á literatura popular de tradición oral ten dous puntos importantes. Por un lado, «pon as mulleres á fronte» a pesar de que «nós xomos as grandes esquecidas» ao longo da historia da Real Academia Galega e mesmo da literatura galega como «defecto do patriarcado». Por outra parte, «pon en valor as mulleres como gardiás» desta tradición.

A escritora María Lado.

A escritora María Lado. / José Lores

Fixo tamén referencia a unha «pequena polémica» polas Letras Galegas deste ano ao entender que as letras das cantigas populares non son literatura. Porén, a escritora defendeu o contrario e recordou como a mesma Rosalía de Castro con «Cantares Gallegos» elevou a literatura as composicións tradicionais nun libro cuxa publicación no 1863 é o referente para que cada 17 de maio se celebre o Día das Letras Galegas.

Patricia Seoane, cantareira, tocadora e profesora de música tradicional.

Patricia Seoane, cantareira, tocadora e profesora de música tradicional. / José Lores

Pola súa parte, Alba Faro e Patricia Seoane realizaron unha exposición chea de demostracións e documentos visuais máis sonoros para que a audiencia entendera mellor conceptos claves vinculados ao mundo da música tradicional. Un deles foi a ‘recollida’, consistente en ir a un lugar e gravar e anotar as cancións e literatura oral popular.

Faro indicou que a música popular non só se interpretaba para divertirse, senón que era tamén unha «forma de comunicación» vencellada mesmo cos traballos. A festa onde tocaban cos instrumentos tradicionais –elas cantaron coplas e tocaron pandeireta, pandeira, lata, morteiro, cullereres, botella de anís e mesmo piñas– levaban nomes como esfollada (cando lle quitaban a folla ao millo para a súa recolleita), fiada (fiar o liño), cantos da sega (cortaban a herba) ou da vendima. Engadiu Patricia Seoane: «Moitos cantos estaban vinculados ao ciclo anual dos traballos».

Serán ou foliada? A resposta está no lugar no que se diga

Un apuntamento importante que realizaron Patricia Seoane e Alba Faro foi cando falaron dos cantos do serán, as reunións que se facían e que seguen a facer cando xa está encamiñándose o sol na súa despedida no horizonte. Aclararon que, dependendo da zona, eses cantos levan un nome ou outro.

Así serán é a palabra que se emprega na provincia de Pontevedra para estas festas de tocar en directo e bailar a xente do lugar. Se nos movemos cara outros emprazamentos, muda de nome. Por exemplo, é ruada na contorna de Santiago e Ordes; porén recebe o nome de foliada en gran parte da provincia da Coruña. Se nos atopamos en Ourense escoitaremos fiadeiros e triscas.

Relatou Alba Faro que nunha recollida contáronlles que nos tempos primeiros da ditadura franquista, cando aínda había fuxidos nos montes para escapar dos asasinatos da represión, aproveitaban os seráns nalgúns lugares como sinal para que os fuxidos volveran á aldea e levaran comida. Se aparecía a Garda Civil, había un código nas cancións para alertalos.

Tracking Pixel Contents