Vigo anticípase ao 17 de maio cunha foliada multitudinaria

Acolleu 200 tocadoras vidas mesmo de Rianxo | En El Corte Inglés, encontro histórico entre as Pandeireteiras de Toutón e d’O Fiadeiro

Foliada en Maristas en Vigo, onte. |  José Lores

Foliada en Maristas en Vigo, onte. | José Lores

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Galicia enteira é xa unha festa con motivo da celebración mañá sábado do Día das Letras Galegas dedicado ás cantareiras e á literatura popular galega. Vigo serviu de epicentro onte coa celebración dunha gran foliada escolar organizada polo Colexio Maristas e que congregou a unhas 200 tocadoras de diversas idades e mesmo vidas de Rianxo (A Coruña), Bueu (Pontevedra) e de diversas agrupacións da urbe olívica e arredores.

Pandeireteiras de Toutón e d’O Fiadeiro en El Corte Inglés. |  A. Villar

Pandeireteiras de Toutón e d’O Fiadeiro en El Corte Inglés. | A. Villar

Baixo o nome de Foliada das Letras e dende as 16.30 horas ata as oito da tarde, preto de 20 grupos debullaron o cancioneiro tradicional galego coas súas voces e instrumentos tradicionais.

Entre as asistentes, hai que destacar as Lagharteiras, convidadas por C. Tangana para gravaren e saíren no vídeo do Himno do Centenario de Celta «Oliveira dos Cen Anos».

Unha das integrantes, Tamara Costas –profesora en Maristas–, foi a coordinadora da foliada, unha festa que tampouco quixeron perder varias das agrupacións d’O Fiadeiro: Caramuxos, Mouchiñas e as Pandereteiras do Fiadeiro.

Ademais, contaron coa música de varios grupos de Tarambainas (Titiriteiras, Escoliña ou Mamás Tarambainas); Retrouso de Cela (Bueu); Vai de Roda de Rianxo con Rianxeiras, Moreniñas. Tamén se animou o alumnado de Maristas de todos os cursos de Primaria.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero tampouco perdeu a cita. Nas verbas que ofreceu desexou que tiveran unha boa foliada, mais lembrou que inda quedaba o tramo final do curso. Polo tanto, non queda máis que «estudar e estudar».

Outro momento do tributo á música de noso e ás cantareiras deuse en Vigo onte en El Corte Inglés.

Cantareiras de Toutón –referentes dende Mondariz no mundo da música tradicional galega– actuaron de xeito individual pero tamén coa rapazada cantareira de O Fiadeiro. Era a primeira vez que trenzaban as súas voces e música xuntas.

Montse, Lucinda, Josefa e Evangelina trouxeron dende Toutón as melodías e letras herdadas das antergas. Elas foron nos anos 80 informantes da musicóloga suíza Dorothé Schubarth que xunto a Antón Santamarina legou o Cancioneiro Popular Galego. Mesmo C. Tangana as visitou na preparación para o Himno do Centenario. Desde Toutón, celebran cada febreiro o Serán dos Namorados.

El Corte Inglés prosegue coa homenaxe hoxe con Cynthia Menéndez e o grupo de pandereteiras do Colexio Maristas con actuación ás tres da tarde na marquesina de Gran Vía e ás 18.00 horas un encontro la libraría.

FARO DE VIGO tamén se suma ás Letras Galegas hoxe coa presenza no Club FARO da escritora María Lado; a mestra de baile e música tradicional Patricia S. Seoane e a pandeireteira e mestra Alba Faro.

Tracking Pixel Contents