Un vigués resucita coa IA a Rosalía, Castelao ou Cunqueiro

O creador de animacións Marcos Mosquera celebra as Letras Galegas cun vídeo de intelixencia artificial que pon a ler libros a Pondal nunha lavandería autoservizo, a Cunqueiro dentro dun autobús actual ou a María Mariño nunha terraza nunha noite compostelá

Álvaro Cunqueiro, recreado mediante IA para un vídeo polas Letras Galegas.

Álvaro Cunqueiro, recreado mediante IA para un vídeo polas Letras Galegas. / Marcos Mosquera @galicia_artificial

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Marcos Mosquera abriu hai un ano no seu Instagram a canle @galicia_artificial. Nela e coa axuda da intelixencia artificial, recrea lendas galegas ás que dá vida. Agora, con preto de 7.000 seguidores, este artista dixital e deseñador quixo celebrar o Día das Letras Galegas dun xeito especial. Creou un vídeo protagonizado por 10 autoras e autores clásicos galegos que 'resucitan' nos nosos días.

Así, podemos ver a Álvaro Cunqueiro -director de FARO DE VIGO e gañador do Premio Nadal, ademais de académico da RAG- lendo un libro mentres viaxa nun autobús actual e sorrí ao ollar para o ceo. Tamén nos presenta a Curros Enríquez sentado nunha marquesina do bus urbano dunha cidade galega.

Curioso é ver a Eduardo Pondal a ler un volume mentres agarda a que as lavadoras situadas ás súas costas acaben de preparar a súa colada nunha lavandería autoservizo. Tamén ficamos abraiadas con María Mariño nunha noite nas rúas de Compostela, sentada nunha terraza a ler baix a luz das farolas e rodeada de rapazada de festa.

Non faltan Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilo Ferreiro, Francisca Herrera Garrido, Castelao, Blanco Amor ou Rosalía de Castro. Con esta última, remata o vídeo que se pode ver no Instagram pero tamén no YouTube.

"Esta era unha idea que tiña na cabeza. Na canle do Instagram experimento coa IA como excusa para comunicar sobre a tradición oral galega para experimentar coa IA. A raíz diso ocorréuseme esta idea, homenaxar estes escritores", sinala o creador do vídeo.

 Explica Marcos Mosquera que "a idea era descontextualizados, plantalos na actualiade porque segue vixente a súa obra.É un xogo de anacronismos. Pareceume unha idea moi divertida e simbólica".

 Os seus traballos coa IA en @galicia_artificial abríronlle un abano de posibilidades xa que o requeriron do cinema para participar en documentais nos que volve á vida a personaxes que xa non están connosco ao tempo que recrea espazos, o que tamén lle é solicitado por marcas para vídeos de publicidade.

Tracking Pixel Contents