As tataravoas silenciadas de Tanxugueiras

Cada vez que cantamos, tocamos ou oímos unha canción tradicional galega, arrolamos un tesouro do noso patrimonio. A piques estivo de desaparecer se non fora polo labor invisibilizado durante anos das homenaxeadas este ano polo Día das Letras Galegas, demais cantareiras e quen realizou as recollidas polas aldeas. Sen esta xente hoxe non habería Tanxugueiras, nin Fillas de Cassandra nin Baiuca

Eva Castiñeiras (ie) e Rosa máis Adolfina Casás (por arriba). Abaixo, as pandeireteiras de Mens.

Eva Castiñeiras (ie) e Rosa máis Adolfina Casás (por arriba). Abaixo, as pandeireteiras de Mens. / RAG

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Asegura a profesora e antropóloga social Beatriz Busto que «temos un déficit histórico de investigacións sobre poesía e música populares, de investimento público e privado en investigación» e mesmo de interese colectivo polo noso patrimonio oral. O tirón de orellas realízao no estudio «Fillos da cantaruxeira» que publica o Consello da Cultura Galega en «Agora vou cantar eu», a súa homenaxe ás cantareiras do Día das Letras Galegas. Busto desexa nel: «Oxalá que a dedicación deste 2025 lonxe de ser considerada como un punto e final dunha negación histórica (...) sexa o inicio do camiño da emenda».

Mais que hai que emendar? Moito. Para comprendelo, axuda unha reflexión de Felisa Segade (cantareira e pandeireteira de Leilía que colabora no último disco de Baiuca nos temas «Barullo» e «Navajitas»). Na curta documental da Real Academia Galega (RAG) «Se canto é porque quero», Segade lembra que no 1989 Leilía dedicou o seu disco «ConSentimento» ás cantareiras e, en especial, a Eva Castiñeiras, unha das homenaxeadas deste ano polas Letras Galegas.

«Levabamos –sinala– moitísimo tempo falando de que tal copla fora recollida en tal aldea, que unha era unha muiñeira de tal sitio, que a outra era unha jota doutro... e nunca se personalizaba en ninguén. Porén, os nomes dos gaiteiros aos que vas de recollida si teñen nome e apelido».

Trátase dun capítulo máis da invisibilización da muller, neste caso no eido da música popular tradicional galega. De aí, que o recoñecemento a Eva Castiñeira; ás pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) centrado en Prudencia de Beán de Arriba (1905-1993), Asunción de Beán de Abaixo (1905-1993) , Manuela de Benita (1913-1993) e Teresa de Cambada (1914-1979); máis a Rosa e Adolfina Casás sexa necesario.

Constituían elas e outras mulleres non homenaxeadas unha rede creativa feminina «que foi historicamente silenciada, invisibilizada e anonimizada como todos aqueles saberes que foron considerados ‘cousas de mulleres’», reflexiona Beatriz Busto.

Como sinala en «Se canto é porque quero» Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras) co Día das Letras Galegas «pagouse unha débeda histórica». A cuestión reside, como apunta Busto, en que «a homenaxe trata de transcender as mulleres nomeadas como representantes de todas as que foron creadoras e transmisoras do patrimonio», das coplas populares e do xeito de cantalas e de tocalas. Grazas a elas asegurouse a supervivencia dese legado lírico e musical.

Foron e son mulleres que aprenderon das súas antergas coplas ao tempo que elas as cantaban á súa comunidade ou familia mentres creaban outras ou modificaban unhas anteriores.

Cancioneiro Popular Galego

Ao longo do século XX, diversos investigadores percorreron Galicia para recoller coplas populares cantadas. Eduardo Martínez e Jesús Bal y Gay asinaron «Cancionero Gallego». Alan Lomax e Jeanette Bell ou Dorothé Schubarth máis Antón Santamarina gravaron o repertorio, fixeron transcripcións. Dorothé foi máis alá e realizou un estudo teórico.

Schubarth coñeceu e recolleu coplas que cantaban dúas das homenaxeadas polas Letras Galegas: Rosa (1914-2005) e Adolfina Casás (1912-2009). Dorothé chegou a Vila da Igrexa en Cerceda no 1980. A musicóloga suiza levaba xa dous anos recorrendo Galicia realizando gravacións do patrimonio tradicional sonoro.

Conta Richi Casás –o seu sobriño– para a RAG que «un día Rosa, que vivía na Coruña, chegou á aldea porque había unha muller que quería falar con ela e con Adolfina –a súa tía– sobre o que cantaban cando eran mozas. Cantáronlle 200 coplas».

Estas integran o «Cancioneiro Popular Galego», editado en libro pola Fundación Barrié e en cuxa web podemos consultar a versión dixital. É coñecido como «a Biblia dos cancioneiros galegos».

Calquera persoa, grupo ou asociación folclórica que queira aprender cancións populares galegas pode consultar este e outros recursos –por exemplo, o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego– para obter a gravación das informantes (as persoas que as cantaron no rexistro), as letras e mesmo nalgúns casos a anotación musical.

Pandereteiras de Mens

No caso das Pandeireteiras de Mens, estas foron quizais as primeiras cantareiras con éxito alén de Galicia, as protoprecursoras de xente como Leilía, Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra.

Ademais das catro homenaxeadas, o grupo integrábano Adela da Ghagha e Teresa da Canónigha pero pasaron menos de dez anos dende a súa defunción polo que non podían figurar como homenaxeadas para as Letras Galegas. A Agrupación Aturuxo coñeceunas nunha recollida nos anos 70 e comezou a actuar con elas coñecendo danzas e bailes moi arcaicos, diferentes do que se vira ata o momento. Chegaron a actuar en Francia, Castela, Cataluña e mesmo en Bos Aires.

Tamén vencellada a un grupo estivo Eva Castiñeira (de Muxía) ao descubrila un dos socios da discográfica Ruada. Este, Tino Maceiras, comentoullo a Rodrigo Romaní, de Milladoiro, banda que a convidou a cantar nun concerto na Coruña. Coa súa irmá Engracia, Eva (1925-2008) converteuse alí na primeira pandeireteira en actuar nun escenario cun grupo folc. Cancións dela resoaron en discos de grupos e solistas senlleiros despois. Ana Boullón lembra no seu artigo para a RAG os temas «Valse de Agranzón» (que cantou Xabier Díaz); «Ao pasar pola Coruña» (Luar na Lubre, Manu Chao ou Pinto de Herbón) ou «Jota de Eva» (Leilía).

As homenaxeadas para o día 17 representan xeracións e xeracións de mulleres, nomes como Rosa de Moscoso, Áurea de Laxoso, Concha de Luneda, Felicia de Fofe, Concha do Canizo, as Pandeireteiras de Toutón ou as cantareiras de Imende, entre outras moitas. Que o seu lume non se apague.

Tracking Pixel Contents