Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«A literatura debe entreter pero parece que escribimos só para dar leccións»

Desde hai un ano, o escritor Pedro Feijoo vive na aldea de Rebordechao (Ourense) preto do río Arnoia. Defende que é a mellor decisión que tomou na súa carreira literaria. Chegou alí para preparar a nova novela «Onde nacen as bestas». Nela, conecta o Sacaúntos do século XIX cun lobishome do XXI nunha trama de lumes forestais, acoso escolar, diversidade sexual e, por suposto, asasinatos.

O escritor 
Pedro Feijoo, 
esta semana
 en Vigo. 
|  José Lores

O escritor Pedro Feijoo, esta semana en Vigo. | José Lores

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Na capa de «Onde nacen as bestas», na versión en galego que Xerais venderá nas librarías a partir do xoves –en Ediciones B en castelán dende o mércores– a fotografía de Ramón Vaquero mostra unha caveira. Achouna Pedro Feijoo nos montes de Rebordechao e pertenceu a un lobo ao que lle pegaron un tiro na testa. A imaxe non foi elixida ao chou. Casa cunha historia na que se proxecta a sombra de Romasanta (o home lobo de Allariz) e varios asasinatos nos nosos días no Val de Monterrei. A peculiaridade destes é que foron feitos a dentadas e aprimeira vítima foi un xastre. Quen lea a novela devorará as súas máis de 500 páxinas baixo a fórmula do éxito de Pedro Feijoo na que o lume real e visceral volve inzar todo de sangue.

Romasanta, o sacúntos ou home lobo de Allariz, foi o primeiro asasino en serie galego. Por que volver a el?

Un día, eu estaba falando coa miña editora en Barcelona e ela comentoume que andaba lendo algo sobre o sacamantecas. Eu púxenme a buscar cousas e cando tirei do fío vin que había un historión para contar.

Como foi o achegamento á figura del?

Por cuestións de calendario editorial, sabía que non ía ter tempo para a documentación como acostumo ter. Entre «Un lume azul» e «Ninguén conta a verdade» pasaron tres anos. Desta vez, non tiña esa marxe. Entón, fun directamente ás fontes. Falei coas autoridades na materia: os irmáns Félix e Cástor Castro Vicente. Eles puxéronme en contacto con toda a documentación indicando que textos tiña que repasar, como había que saber ler nas actas do xuízo contra Romasanta. Tamén me recomendaron falar con Serrulla, Lois Pardo e o persoal da Biblioteca Municipal de Verín. Ademais, hai unha parte de Romasanta que ten que ver coa confección. Contactei con Roberto Verino. A costura ten gran peso no val de Monterrei e el contoume a historia da confección alí.

Abafouno ter un calendario limitado para rematar o libro?

A verdade é que non inda que ao principio me deu vertixe. Son moi disciplinado. Unha vez tiven claro o guion do que quería contar, como contalo e que fontes consultar, tirei para adiante.

A novela fainos reflexionar sobre o ‘sambenito familiar’ que pode ser herdado e que persegue a unha persoa ao longo das xeracións. Hai inspiración na súa familia ou coñecidos?

Non, non, parte todo da documentación. Fernando Serrulla é o principal defensor dunha teoría, que non é súa, e que pon enriba da mesa a explicación biolóxica de por que Romasanta se comporta como se comporta. É unha vía que ten que ver coa posible intersexualidade de Romasanta. Fala dun trastorno xenético que pode ter percorrido a través da descendencia. El explicaba que nunca o puideron rastrear. Sábese que tivo irmáns e que estes tiveron descendencia pero ningunha destas persoas hoxe aceptaron facer estudos xenéticos. Hai outra cuestión. Hai uns anos estrearon unha película sobre Romasanta e o tema púxose de moda outra vez. Eu falei cun tipo que se apelidaba Romasanta e que non ten que ver co Sacaúntos. Un tipo que soubo dos seus apelidos comezouno a insultar, a dicir que era dunha familia de asasinos.

A mensaxe do libro é que sexa cal sexa a herdanza familiar inmaterial pódese fuxir dela?

En realidade, véxoo ao revés. A novela é a historia dun tipo que recibe a herdanza dun apelido e dunha historia escurísima. El non ten nada que ver con iso pero desde o comezo ten que cargar con esa memoria e todo o negativo que implica. Ao final, esa herdanza vaino condicionar.

O conflito pola identidade sexual hoxe en día tamén é un dos temas da novela.

Para Serrulla, Romasanta era unha muller. Eu falei coa miña editora para saber como enfocar esa parte da historia. A ela, dáballe medo porque víao como un tema conflitivo. Esta non é unha novela para aprender aos rapaces que debemos ser empáticos con quen é distinto a nós. Non estou para dar leccións de nada pero é un tema que está na rúa.

Mais a literatura axuda a entender a diversidade.

Por suposto. A literatura ten unha responsabilidade para contar o mundo. A primeira función é entreter. Outra cousa é que, dun tempo a esta parte, parece que escribimos para dar leccións sobre todo nos libros para a rapazada. No cole, nós pasabámolo teta cos libros. Agora parece que nos olvidamos da literatura para dedicarnos ao didactismo.

Neste libro, hai unha mención a Leo Caldas, o personaxe de Domingo villar.

Ardíame nas mans. Tiñamos por costume descolgar o teléfono e falar do que escribiamos el e eu. Eu sigo levando a Domingo permanentemente comigo. Débolle moito. Estránoo moito tódolos días e bótoo moito de menos.

Agora ten novos amigos en Rebordechao, os veciños.

A decisión de irme a vivir alí foi un pouco de loucura. Vino claro dende o primeiro momento. Eu fun alí varias veces antes de instalarme. As primeiras veces, pareceume un lugar colosal e esa potencia non a podía contar en dous días. Os veciños puxéronmo moi fácil. Esta é a mellor decisión que tomei en moitos anos como escritor, vir aquí e formar parte da aldea, integrándome, sendo un máis. É xente moi xenerosa. A miña nai veume visitar, e nun paseo de menos de 200 metros acabou cunha bolsa con leitugas, repolos, ovos, patacas, fritos, chourizos... Eu alí estou na gloria pero ao ter pechada a escola a aldea acabará desaparecendo. Os servizos máis cercanos están a media hora en estrada. Estou involucrado en recuperar a escola para convertela nun espazo cultural. Desde que estou alí, montamos unha biblioteca.

Leva oito thrillers dende o 2012, como vive o risco de repetirse?

Con angustia. Ao lector hai que sorprendelo e para iso non te podes repetir. Cada novela é un truco de maxia, unha aposta todo o tempo. Ao final teño a obriga de gañarte a partida e deixarte coa boca aberta. Tes unha responsabilidade. Por iso, nunca me lanzo a escribir unha trama sen saber como a vou resolver. Teño que telo todo moi medido e documentado.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents