Día das letras galegas | Na defensa da muller escritora

O lavado lila da RAG

As Letras Galegas tamén son das mulleres. O Consello da Cultura Galega loita contra o seu borrado. Onte, colgaba un monográfico especial. Nel, contabilizan por primeira vez na historia a cifra de académicas da RAG: só 62 en 119 anos. Aprendemos que ao nacer a RAG, cuxos académicos deben estar vivos, deixaron entrar na institución a dúas correspondentes... que estaban mortas e que entre 1956 e 1980 non se nomeou ningunha nova académica muller.

Pardo Bazán, presidenta de honra. A académica Eugenia Osterberger. Filomena Dato, académica. Francisca Herrera, académica.

Pardo Bazán, presidenta de honra. A académica Eugenia Osterberger. Filomena Dato, académica. Francisca Herrera, académica. / Francisca Herrera, académica

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Por incrible que pareza, ata o de agora, ninguén –que se saiba– puxérase a contar o número de mulleres que foron académicas na Real Academia Galega (RAG) dende a súa creación no 1906 ata agora. Un novo recurso do Consello da Cultura Galega ofrécenos a listaxe desas autoras: só 62 en 119 anos de historia da entidade. Catro destas mulleres –entre as que se atopan Sofía CasanovaFrancisca Herrera Garrido ou Luz Pozo Garza– foron académicas correspondentes primeiro ou de honra e despois académicas de número.

O proxecto 'As letras das mulleres'

Baixo o título «As letras das mulleres» o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura realizou o traballo. Cos datos ante nós, observamos que houbo que agardar ata 1945 para ter a primeira académica de número (con dereito a voto) na RAG. Foi Francisca Herrera Garrido. Tamén nos decatamos de que houbo longos periodos nos que non houbo ningún nomeamento para mulleres, nin sequera como correspondentes: por exemplo entre 1929 e 1940; entre 1956 e 1980 e entre 1996 e o 2001.

A investigación de Helena González e Ana Romaní

As académicas Helena González e Ana Romaní foron as coordinadoras do proxecto que se atopa en consellodacultura.gal/monografias-tematicas/monografia.php?m=10519.

Sobre o reconto das académicas da RAG, sinala Helena González que «aparecen todas. Foi unha idea moi interesante porque permítenos ver os momentos nos que a Academia sente a necesidade de poñer mulleres mentres que noutros tempos non. As razóns son diversas. Ofrécenos unha panorámica das dificultades que van tendo as mulleres para seren recoñecidas como creadoras, intelectuais e escritoras por parte da institución».

O 'lavado lila' da fundación en 1906

O punto de análise é o lavado lila da fundación da RAG. «O investigador Enrique Sanfiz máis eu estabamos procurando información sobre Carmen Beceiro –escritora e académica correspondente no 1906– pero non atopabamos nada da súa biografía. Nin sequera sabiamos a súa data de nacemento ou morte. O interesante é que ela aparece como a primeira académica correspondente da RAG. Cando recibiu este nomeamento no 1906, coa fundación do ente, ela xa estaba morta».

Mulleres nomeadas postumamente

Os dous investigadores seguiron a tirar fíos con outras académicas das que tampouco tiñan datos. «Vimos que Rita Corral –outra académica correspondente do 1906– tamén estaba morta. A pregunta que nos fixemos foi a seguinte: Cal é o sentido de que a Academia no intre da súa fundación na súa primeira sesión nomee dúas persoas mortas? Atopamos documentación que sinalaba que a RAG quería ser moderna e a maneira de selo era incorporando mulleres. Trátase dunha utilización das mulleres moi habitual», reflexiona esta profesora galega na Universitat de Barcelona.

Crítica á incorporación simbólica

González defende que «houbo un lavado lila da RAG no 1906 ao incluir mulleres que non saben se están mortas ou non. Non lles interesaba. A RAG era unha academia baseada na nación e presumía de incorporar mulleres pero non as incorporaba de verdade».

Outras voces no debate

monográfico incorpora tamén artigos de María ReimóndezSusana ArínsDolores Vilavedra ou Ioloanda Veloso, entre outras autoras. No caso de Ana Romaní e Anxela Lema, pregúntanse sobre as Letras Galegas e as dificultades que plantean. «O movemento feminista sempre está tensionado sobre estes recoñecementos. Dalgunha maneira, sempre hai unha especie de dificultade para recoñecer a estas mulleres», conclúe a catedrática Helena González.

Helena González.

Helena González. / Consello da Cultura

«O recoñecemento das escritoras galegas é insuficiente»

Helena González

— Académica da RAG

–Ao longo da historia da RAG, houbo 66 nomeamentos de académicas –de número, honra ou correspondentes– dun total de 62 mulleres. Deses 66 nomeamentos, a metade tiveron lugar no que levamos de século XXI. Falamos coa académica correspondente e catedrática Helena González sobre o valor destes números e a importancia dalgúns dos documentos recuperados para o monográfico «As Letras das mulleres» do Consello da Cultura Galega, que coordinou. Un deles é un artigo de Álvaro Cunqueiro publicado no FARO –e que amosamos na páxina contigua– no que critica que a RAE e RAG non nomeen académicas mulleres mentres si o fagan con escritores homes que son auténticos «pepinos».

–Parece que hai unha tendencia para arranxar a situación na RAG na presenza de mulleres académicas.

–Non é a mesma situación das mulleres no século XX que no XXI inda que, para min, no estado actual é insuficiente a presenza que teñen as mulleres hoxe en día. Con todo, neste século, trasladan a mensaxe de que, xa que na RAG non se consegue maioría para recoñecer máis académicas, polo menos as fan correspondentes. Bueno, o que importa non é iso último senón ter o poder de decisión, ter dereito ao voto.

–O monográfico inclúe tamén reflexións sobre a incomodidade de dedicar o Día das Letras Galegas a mulleres.

–Estes cuestionamentos do valor das mulleres recóllese na diversa documentación que aportamos onde documentamos a candidatura de María Xosé Queizán formulada dende o Consello da Muller de Vigo e que explica Iolanda Veloso. Conta como foi toda a historia. Chegaron a ter contactos co presidente da RAG, Ferrín, quen indicou que lle parecía interesante a documentación pero despois seguiulle unha fornada de moitos académicos. Despois, chegarían outras iniciativas como o «Manifesto de Soutomaior». Percíbese que o recoñecemento das escritoras e intelectuais galegas é insuficiente.

–O texto que inclúen de Álvaro Cunqueiro é moi curioso. Quéixase de que non elixiron na RAE a Pardo Bazán ou Concha Espina pero si a «solemnes pepinos».

–A frase é marabillosa e o texto tamén. El é académico da RAG nesa altura. Fala do diferente valor que se lle concede ás aportacións dos homes e das mulleres; tamén fala da importancia que el concede á impronta que deixa Rosalía nas institucións do país cando di que unha academia como a galega non pode denegar a entrada a mulleres porque sería como denegarlla á propia Rosalía de Castro. Escríbeo sen deixar de facer escarnio sobre moitos señores sen valor que chegan a académicos.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents