A RAG celebra o 17 de maio coa música das Tanxugueiras

R. S.

Vigo

A Real Academia Galega celebrará a sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños, concello natal das Pandeireteiras de Mens, nas que personifica este 17 de maio que lles dedica ás cantareiras e á poesía popular oral canda Adolfina e Rosa Casás (A Vila da Igrexa, Cerceda) e Eva Castiñeira (Agranzón, Muxía).

Durante o pleno, que arrincará ás 12:30 horas, pronunciaranse as alocucións académicas de Ana Boullón, impulsora da candidatura; Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego xunto a Dorothé Schubarth; e o expresidente da RAG Xesús Alonso Montero. A parte musical contará coas Tanxugueiras, exemplo senlleiro dos novos vieiros da tradición reinterpretada dende a modernidade. A sesión extraordinaria da RAG é de entrada libre e poderá seguirse en directo dende academia.gal.

O programa, de acordo cos motivos que levaron a academia a promover a candidatura das cantareiras, reivindica dous esteos fundamentais da lingua e da cultura de noso: o legado de tantas mulleres do pobo que, coma as que protagonizan estas Letras colectivas, foron principais creadoras e transmisoras da poesía popular oral, e mais a súa continuidade en novas voces como as de Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro, que lles abren á tradición e á lingua novos e exitosos vieiros creativos.

A academia celebra as Letras Galegas tamén na rede, con contidos para todas as idades. Mentres Primavera das Letras se centra no público máis novo, a sección das Letras Galegas 2025 de academia.gal ofrece diversos contidos, entre eles a serie documental web Se canto é porque quero. Tamén en clave audiovisual, A RAG estreará este mes varios episodios da serie O Seminario de Onomástica responde, dedicados a topónimos relacionados coas protagonistas deste 17 de maio: A Vila da Igrexa, Cerceda, Mens, Malpica de Bergantiños e Muxía.

Tracking Pixel Contents