«A identidade xera moita controversia e violencia»

A pontevedresa Marta Pazos segue a escribir a súa páxina na historia do teatro contemporáneo español. A última achega, estrear o «Orlando» de Virginia Woolf para o Centro Dramático Nacional en Madrid coas entradas case agotadas ata o 8 de xuño.

A directora e dramaturga galega Marta Pazos.  | |  VANESSA RÁBADE

A directora e dramaturga galega Marta Pazos. | | VANESSA RÁBADE

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

A estrea foi o 25 de abril, que palpitacións ten sobre a obra o «Orlando» que dirixiu e da quepreparou a dramaturxia xunto a Gabriel Calderón?

Estamos moi felices con todo o que está pasando co espectáculo. Vai ser unha tempada longa con sete semanas en escena no Teatro María Guerrero. É unha tempada moi boa e está practicamente cheo, case non quedan entradas. Empezar así é unha ledicia. A resposta do público está sendo marabillosa, con ovación cada noite coa sala en pé con 622 lugares. Iso é moi satisfactorio.

A obra presenta un mozo aristócrata do XVI que pasa a ser o protexido de Isabel I. Orlando logrará vivir ao longo de 300 anos pero coa aprencia de 36. Un día déitase como home e acorda como muller. Os roles de xénero péchanlle portas que antes estaban abertas. Non é a primeira vez que vostede trata nas súas obras unha reflexión sobre a identidade, por que esta fixación?

Non é unha fixación. É un tema de longo percorrido e moi importante na nosa sociedade nos últimos anos porque está xerando moita controversia e violencia. Hai xente que está a morrer e de maneira moi violenta polo tema da identidade neste século XXI. É un tema que hai que atender.

Vostede tivo ou ten conflitos de identidade?

Se os tivera, non os compartiría cunha xornalista. Eu falo do meu traballo, non da miña vida privada.

Un momento da obra.

Un momento da obra. / BSP

Na presentación en Madrid, sinalou que «Orlando» é a carta de amor máis longa escrita.

Orlando é unha adaptación da obra de Virginia Woolf, da súa figura e da súa relación con Vita Sackville-West que era parella de Virginia e que por un conflito de lei de proxenitura non puido herdar un castelo no condado de Kent en Inglaterra. Este conflito de perda de dereitos por ser muller hai cen anos é o que xera esta novela tan icónica, unha icona da cultura queer. Non queriamos perder a esencia do que foi contado hai 100 anos para trasladalo aquí, ao noso momento.

Considera que os logros do movemento queer están nunha corda floxa ou non hai volta atrás?

Temos que ter moito coidado no sentido de ‘coidar’. Non podemos esquecer de onde vimos para non perder os dereitos que se teñen acadado. Hai dúas semanas [en Colombia] asasinaron brutalmente e desmembrando a unha persoa que tiraron ao río polo feito de ser unha muller trans. Tamén penso no que está a acontecer agora nos Estados Unidos coa chegada de Donald Trump. Hai xente que non está recibindo as hormonas que precisa ou perdendo os traballos, deportistas que non poden competir nas categorías que lles pertencen… É un tema profundo e importante que ten os dereitos humanos como eixo principal.

O teatro sempre debe ter vertente política na mensaxe?

Para min, o teatro é político porque é para a polis. Ten sentido porque nos reunimos todas nunha praza que é o templo do teatro; polo feito de para quen está feito, como está feito e como se produce que é un acto en presencia iso convérteo nun acto político.

O vestiario para a obra é unha ensoñación de Agustín Petronio, dialogou moito con el para os deseños?

Eu fago a dirección artística, escollo os artistas que traballan comigo segundo os parámetros que diseño. Eu xa coñecera a Petronio en Montevideo, xa traballaramos xuntos e escollino polo impacto plástico vinculado coa cultura queer que ten a súa obra na moda. Interesábame moito que el estivera aquí por estar vinculado co pensamento que vertebra a obra.

Chama a atención na escenografía o fondo verde.

É de Blanca Añón. Eu quería que no seu traballo recollese a idea de arquitectura, dun salón de baile verde chroma que puidese recordar o Castelo de Vita Sackville-West, que fora un espazo único, como unha habitación propia que se vai transformando ao longo dos 300 anos que vai vivindo Orlando.

Foi estresante a preparación da obra ou chegou relaxada á estrea?

Eu tardo en preparar «Orlando» dous anos. É un espectáculo moi complexo. Ter dous anos para preparalo e estrealo nun teatro buque insignia como é o Teatro María Guerrero para o CDN fai que eu poida traballar nunhas condición marabillosas para que todo vaia sobre rodas. Traballar así é un privilexio. Disfrutas moito máis.

Ten problemas de inseguridade ou non é desas persoas?

Non son ese tipo de persoa, non me recoñezo niso. Non teño tempo para mirarme desde fóra, só teño tempo de agradecer. Vivo feliz desde hai moitos anos; é o privilexio que teño.

Que proxectos inminentes lle agardan?

A finais de maio estreo no Centro Cultural Conde Duque de Madrid “Cruces”, proxecto de El Niño de Elche e Raül Refree do que estou facendo a dirección artística. Ademais, para o Museo de Pontevedra, teño unha peza na Bienal de Pontevedra que se presentou en ARCO, dentro do ciclo Infiltracións. Está comisariado por Iñaki Martínez Antelo e dialoga coas pezas do Museo de Pontevedra.

Tracking Pixel Contents