Outes: «Que ninguén me diga que unha banca pública galega non é viable»
«O capitalismo do século XXI é un sistema moito máis desigual do que o era xa no século XIX», di o catedrático, que aposta tamén pola creación dunha «axencia enerxética galega»

Xosé Luis Outes (c.), xunto a Carlos Portomeñe (dereita) e Xosé Manuel Soutullo. | José Lores

O economista e catedrático xubilado da Universidade de Vigo Xosé Luis Outes Ruso presentou onte no Club Faro o seu ensaio Feixe de flores para Galicia (Ed. Galaxia) un programa humano, económico ecolóxico que ten como finalidade facer de Galicia un país moderno e tecnoloxicamente adiantado. Na súa charla estivo acompañado polo artesán e político Carlos Potomeñe (autor do limiar) e por Xosé Manuel Soutullo, director da Editorial Galaxia..
«O capitalismo do século XXI é un sistema moito máis desigual e oligárquico do que era xa no século XIX», precisa o catedrático: «O un por cento dos españois que obteñen as rendas máis altas posúen case a cuarta parte da riqueza total do noso país».
«Temos unha Galicia espida diante do espello que no 2008 o que nos ofrece é unha economía onde a desigualdade é asombrosamente alta, pero unha economía dominada fundamentalmente por sectores de baixa tecnoloxía e, sobre todo, cun baixísimo custo en gasto de investigación e desenvolvemento», analiza. Deste xeito, destaca que «a baixa produtividade é unha das características da nosa economía, onde o 72% do desemprego se sitúa no mal chamado sector servizos», engade.
«Este programa que presentamos neste libro», destaca, «elabórase nun contexto histórico definido por dúas situacións críticas: por unha banda, a que está a vivir o capitalismo como consecuencia das súas contradicións internas, e mesmo coa posibilidade real da substitución do unilateralismo por un sistema económico multipolar; e a segunda grande crise, a provocada polo cambio climático». «A crise ambiental non coñece límites, ni xeográficos, nin sociais nin temporais e, que ninguén se equivoque, isto vainos afectar a todos durante moito tempo», advirte.
Por iso, presenta un «programa humano, feito para a xente, para que se se resolvan os seus problemas, non para que a xente resolva os problemas duna minoría recalcitrantemente poderosa, tremendamente deshonesta e que exerce seu poder con tódalas súas consecuencias».
Todo isto soamente se pode evitar cun novo paradigma: «Un novo modelo de organización social». Entre as súas propostas, empeza pola da creación dunha banca pública galega. «Eu empezaría pola nacionalización do sistema financieiro», precisa. Tras destacar que os tres bancos europeos de maior solvencia son públicos (segundo datos da proba de esforzo do BCE de 2020): «Que non me veña ninguén dicindo que iso non é viable».
Outra proposta é a creación dunha axencia enerxética galega, «que impulse un sector enerxético baseado na biomasa dos nosos bosques». Aquí destaca que «Galicia é unha potencia forestal totalmente desaproveitada», cualificando de «desastre» o último plan deseñado pola Xunta, con vixencia ata 2042. Aquí fixo tamén un inciso e, amosando un cartel no que se lía «Altri non», destacou que o proxecto que se quere levar a cabo en Palas de Rei é «unha barbaridade»: «É desastroso dende calquera punto de vista». Falou tamén da necesidade de crear un sector industrial de propiedade pública, empezando por Alcoa e Navantia; así como de deseñar políticas para combater a desertización demográfica como instrumento de desenvolvemento e defensa do medio ambiente; así como novas políticas de I+D+i+d.
Un Estado que «perde poder como elemento interventor»
Xosé Luis Outes (Santiago de Compostela, 1943) propón en Feixe de flores para Galicia un plan para impulsar o desenrolo da comunidade e frear as desigualdades sociais. A obra, ilustrada polo xornalista e debuxante Andrés Vázquez de Sola (falecido en setembro do 2024 e a quen lle adicou unhas verbas no acto, no que tamén interveu a súa viúva), é unha reacción ao novo paradigma neoliberal no que o Estado «perde poder como elemento interventor» fronte ao papel «cada vez máis forte dos poderes fácticos económicos e financeiros», tal e como indicou nunha entrevista concedida a FARO DE VIGO.Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Mainz, obtivo o doutoramento en Ciencias Económicas na Rheinisch-Westfälische Technische Hochschule (RWTH) de Aache. Catedrático xubilado da Universidade de Vigo, onde impartiu docencia de Macroeconomía e Comercio Internacional, creou e dirixiu o Observatorio Socioeconómico da Fundación Pro Vigo (OSEVA), do que foi director entre 1995 e 2010. Participou, entre outros, no Primeiro Plan Estratéxico de Vigo (1992) e no Plan Estratéxico da Provincia de Pontevedra (1998), ademais de deseñar o Observatorio Económico e Social para Galicia e o Norte de Portugal e de dirixir o proxecto, financiado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, sobre a Estructura Productiva del Sector Privado de Vigo y su Área de Influencia (2002, 2003 e 2005).Outras publicacións súas son: Desarrollo económico en la India y la R.P. China (1982), Introducción a la teoría del crecimiento económico (1983), La crisis del sector naval y sus repercusiones en Galicia (1990), Estructura del gasto y financiación en la Universidade de Vigo (en colaboración, 1998).
- Los estudiantes que hicieron el examen de Historia de España, en la que hubo problemas, pueden respirar tranquilos: los correctores serán «flexibles»
- Giráldez rechazó al Athletic y al Villarreal
- Povisa sufre su mayor fuga de usuarios con casi 8.000 solicitudes de salida en el mes de elección de hospital
- Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro habilita una zona específica para pacientes de salud mental
- Una ganadería de Rodeiro, entre las diez más productivas de vacuno frisón de toda España
- Povisa ficha al doctor Manuel Ruibal para impulsar la cirugía robótica con el sistema Da Vinci Xi
- El histórico ascenso de la Unión Deportiva Ourense a Primera RFEF garantiza un sueldo mínimo de 25.000 euros para 18 jugadores
- Veranear en Galicia se vuelve más caro otro año más: 2.500 euros en Sanxenxo, 1.350 en Nigrán o 900 euros en Cangas