«A militancia hoxe implica pensar en Altri ou na lingua»
O MARCO acolle hoxe a partir das 12.30 horas o ingreso do historiador da arte e comisario Carlos L. Bernárdez, colaborador de FARO, na Real Academia Galega de Belas Artes. Este profesor vigués xa retirado iniciou o seu interese pola arte no estudo fotográfico de seu pai. «Recórdoo revelando», lembra.

Carlos Bernárdez, na biblioteca do MARCO / Marta G. Brea

Cales van ser as liñas centrais do seu discurso de ingreso?
Levará por título «Un contexto para arte galega de entreguerras, da República ao exilio». Falarei da evolución da pintura galega no movemento renovador da arte galega que se produce nos anos 20 an época republicana ata a Guerra Civil. Os anos republicanos supuxeron o momento renovador da arte galega.
Entre os autores citados figurarán Maside, Seoane, Castelao...
Si e tamén estarán presentesColmeiro, Arturo Souto e os autores da Coruña vinculados á revista «Alfar» e que foron asasinados no 36 como Luis Huici ou Francisco Miguel. Este último é o pintor que aparece na novela «O lapis do carpinteiro» de Manuel Rivas. Tamén falarei de Cándido Fernández Mazas. Acabarei cunha obra de carácter social do periodo xuvenil de Seoane, así como de Laxeiro.
Gustariame profundizar un pouco no colectivo Alfar.
Nos anos 20 e 30, houbo unha revista de vangarda e cosmopolita na Coruña. Creouna o poeta e cónsul de Uruguai Julio Casal. Conseguía colaboracións internacionais como o propio Picasso ou Nora Borges, irmá de Borges. Era unha publicación de gran calidade plástica e tamén desde o punto de vista do deseño. Entre os galegos, hai un grupo de artistas moi destacados como Huici, Francisco Miguel e Fernández Mazas que fixeron algunhas das capas máis bonitas da revista. Dáse a circunstancia terrible de que a obra destes artistas é moi pouco coñecida hoxe porque foron borrados fisicamente ao asasinalos (Huici e Miguel foron paseados).
Huici e Francisco Miguel militaban en sindicatos ou partidos?
Sabes que naquel 36 houbo asasinatos a persoas de todo o tipo. Si estaban vinculados á posición da esquerda republicana. Seoane puido salvar a vida porque tiña pasaporte arxentino. A Castelao, non o mataron porque eses días non estaba en Galicia. Outros non tiveron máis remedio que servir nas tropas franquistas á forza como Laxeiro e era xente co carné do Partido Galeguista. No caso dos artistas de Alfar, tiveron moi mala sorte: foron a por eles. De Francisco Miguel, por exemplo, acaban de recuperar os seus restos en Bértola, unha aldea preto de Carballo. En setembro, farán un acto coas súas cinzas. Os seus restos estaban nunha fosa.

Carlos Bernárdez, na biblioteca do MARCO, cun exemplar dun dos seus libros / Marta G. Brea
Onde podemos ver a obra de artistas como Huici ou Miguel?
Vin algo en colección privadas. O mellor que se pode facer é coller os facsímiles de Alfar. Na Penzol en Vigo, teñen toda a colección por exemplo. Ves traballo gráfico. No Museo Carlos Maside, tamén hai algún debuxo de Francisco Miguel. En xeral, son obras moi difíciles de atopar. Francisco Miguel viviu en México e hai obras moi bonitas del alí. El e a súa parella, Sira, viviron de novos co famoso pintor (David Alfaro) Siqueiros –un dos tres muralistas mexicanos destacados da época ademais de Diego Rivera e Clemente Orozco– e a poeta uruguaia Blanca Luz Blum.
Por que non inclúe no discurso a Maruja Mallo?
Eu fixen un libro sobre ela así que non se pode dicir que sexa sospeitoso de non gustar da súa arte. Ela non está no contexto galego. É unha artista galega pero o seu contexto é o de Madrid. Non é un discurso sobre os artistas senón sobre o contexto para entender ese periodo.
Estamos nun dos mellores momentos da arte galega?
Non me atrevería a dicilo. Neste momento, hai moitísima creatividade e unha dinámica moi rica. Neste momento, hai creadoras e creadores que manteñen vivos aspectos da tradición pero reelaborados como pasa na música.
Falta máis compromiso social ou político?
O compromiso político-social exprésase doutra maneira na creación. Implica preocuparse polo medioambiente, polo país, polo territorio, pensar en Altri, na lingua... Esas cuestións están aí. A maneira de entender a militancia hoxe é diferente.
Borrouse a periferia?
O contexto español está moi marcado pola hexemonía do discurso dos medios centrais e Galicia ten unha debilidade clara. É unha febleza política froito dunha situación de dependencia. Condiciona pero é o que hai. Neste momento no Estado español hai unha reacción centralista e allea a contextos culturais como o noso. Nós no temos capacidade de influencia política.
A presenza de mulleres na Academia de Belas Artes é exigua.
Queda camiño nese sentido pero teño a convicción de que o ingreso de máis mulleres na Academia será unha normalidade en moi pouco tempo.
- Un arquitecto pagará 295.000 euros a un cliente por no avisarle de que la finca que compró en Toralla no es edificable
- El legado de una casa de Vigo okupada tres años: «No dejaron ni los recuerdos»
- El ganadero que perdió 22 vacas fulminadas por un rayo: «Habrá que seguir; es lo que sé hacer y llevo así toda la vida»
- Peregrinaje contra el alcoholismo: «Creía que iba a las discotecas a bailar, pero iba a beber para tener esa chispa»
- Una playa de Galicia se cuela en el ranking de las 50 mejores del mundo en 2025: es la única de España en la lista
- Fiesta en la Carnicería de José.
- Este es el «paraíso azul de Galicia», el municipio con más playas con bandera azul de toda España
- La mujer de O Barco que saltó del balcón para huir de su pareja preguntó esa mañana cómo separarse pero no denunció violencia