Fernando Castro gaña o Premio Galaxia de Novela 75 anos cun ‘thriller’ sobre un secuestro

O escritor, profesor de instituto en Cee, recibirá 25.000 euros

O xurado cualifica de prodixio a novela, «O lanzador de coitelos»

Fernando Castro Paredes, ganador del Premio Galaxia de Novela 75 Aniversario, esta mañana en Vigo.

Fernando Castro Paredes, ganador del Premio Galaxia de Novela 75 Aniversario, esta mañana en Vigo. / Editorial Galaxia

Mar Mato

Mar Mato

Un thriller sobre un secuestro e un asasino profesional cunha «atmosfera desacougante» e cunha escrita con brillo. Estas foron dúas das ideas que destacou o xurado do Premio de Novela Galaxia 75 anos da obra gañadora, O lanzador de coitelos, asinada polo escritor e profesor de instituto Fernando Castro Paredes. O autor recibirá 25.000 euros polo galardón e a edición do libro que se presentará en xullo.

Desvelar quen gañara o premio –o de maior contía económica en Galicia e convocado polo 75 aniversario de Galaxia– foi tamén digno de novela, co autor ocultado nun espazo anexo á sala na que se daba a rolda de prensa co parecer do xurado. Tralo momento de dar a coñecer o nome, unha porta contigua abríase e aparecía con faciana tranquila e como se a cousa non fora con el.

O autor –nacido en Tapia de Casariego, Asturias, no 1975; pero criado en Compostela desde os cinco anos– é profesor de Secundaria no IES Fernando Blanco de Cee, onde leva case 20 anos a impartir aulas de lingua castelá e literatura.

O lanzador de coitelos non será a súa primeira obra ante o público. O seu currículo literario inclúe premios como o García Barros (Entomoloxía para misioneiros), o Rafael Dieste, o Álvaro Cunqueiro ou o Roberto Vidal Bolaño.

Nos andeis das bibliotecas e das librarías, atopamos libros seus para público adulto e xuvenil como A derradeira bala (Editorial Galaxia, 2018), Papiroflexia (Editorial Galaxia, 2021), Pallaso ou Sincronizadas.

Lembraba o gañador a este diario trala rolda como coñeceu que se fixera co galardón: «Estaba conducindo pola autopista e recibín unha chamada; non podía coller. Nunha peaxe, vin a mensaxe de Marcos Calveiro dicíndome que o chamara en canto puidese. Sospeitei. Chameino e comunicoumo. Foi unha emoción inmensa e unha sorpresa. Estou moi contento».

O Premio de Novela Galaxia 75 anos é un fito polo aniversario da editorial pero pecha en si outro: rememorar que hai 50 anos atrás Carlos Casares gañaba o concurso de novela de Galaxia polos 25 anos con Xoguetes para un tempo prohibido.

«Auténtico prodixio»

No que respecta a O lanzador de coitelos, Marcos Calveiro (director de Edicións en Galaxia) destacou que o primeiro capítulo «é un auténtico prodixio» no que o lector asiste a como o protagonista segue de xeito obsesivo un home ata que acaba secuetrándoo.

Dolores Vilavedra, presidenta do xurado, salientou que a obra vai alá das fronteiras tradicionais dos xéneros. «É unha novela teatral», indicou. De feito, Fernando Castro indicaba que a historia naceu na súa cabeza como obra de teatro sobre un lanzador de coitelos que traballa nun circo pero ao ir gañando dimensión virou á novela que comeza en París e acaba nun «estraño lugar» choutando do presente á II Guerra Mundial e o campo de concentración de Auschwitz.

Vilavedra engadiu: «É un texto impecable. Está esta novela moi ben atada, con aire de modernidade». O autor indicou: «Hai un reto formal, crear un narrador en primeira persoa que ofrecese múltiples perspectivas, que canalizase diferentes voces».

Calveiro engadiu que «é un asasino profesional que conta a súa vida, que se ve metido nunha historia da que é protagonista e da que non sabe se sairá con vida».

Tracking Pixel Contents