Premio para a regueifa máis inclusiva de Galicia que se entona en Vigo

Manuel, Teo, Pepito, Benito, José Manuel e Salvador son seis residentes de entre 45 e 70 anos da Fundación Santa Cruz, en Teis, Vigo. Veñen de gañar o premio galego á regueifa máis inclusiva tras superar o seu pesimismo, as súas patoloxías psiquiátricas e discapacidade intelectual.

O grupo da Fundación Santa Cruz, gañador da Regueifa máis inclusiva.

O grupo da Fundación Santa Cruz, gañador da Regueifa máis inclusiva. / F.S.C.

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

O concurso das mellores regueifas, Enreguéifate, vén de cumprir oito anos e nesta edición bateu récord de participación con 96 vídeos recibidos. Entre os equipos premiados, figura Reiseiros Reguifeiros da Fundación Santa Cruz de Vigo que, por segundo ano consecutivo, logrou o galardón á Regueifa máis inclusiva. Na Regueifa mellor cantada, a distinción levouna a Asociación Cultural Coro Virxe da Renda con «Cantar e desfrutar» mentres que a máis reivindicativa marchou para Pontevedra para o grupo da comunidade educativa do IES Luis Seoane de Monte Porreiro.

No caso da Fundación Santa Cruz, a ledicia foi total. «Eles agora son as estrelas. Este ano, pensaban que non ían gañar, estaban moi pesimistas. Para darlles a noticia, reuninos a todos na aula e subían polas paredes. Teñen que ir recoller o premio a Santiago onde será a festa [no Auditorio de Galicia o 19 de maio]. Van ir como estrelas de Hollywood», explica Miguel Rodríguez, o educador social que lles inculcou o gusto pola regueifa.

A regueifa chegoulle á súa vida no instituto cun concurso de improvisación rimada tras acudir a un obradoiro da Deputación. A formación ampliouna co libro «O repente galego» [disponible en regueifa.org]. «O ano pasado no noso centro, impartimos cursos de competencias clave financiados con fondos europeos. Na materia de galego, decidín meter a regueifa para promocionar a cultura nosa e coñecer a nosa historia».

Así, mediante xogos, foilles ensinando aos alumnos da Fundación Santa Cruz que é a regueifa, a súa historia, os diferentes ritmos, a métrica e os tipos de rimas para despois aprender a regueifar.

A Fundación Santa Cruz atópase en Teis, Vigo, e antes era coñecida como Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres. Trátase dun centro de inclusión con acollida residencial para 70 persoas con diferentes patoloxías psiquiátricas, diversidad funcional tanto física como psíquica, ou que se atopan en exclusión social por adiccións ou por carecer de fogar. Conta con apoio económico dos concellos de Vigo e Redondela así como de entidades privadas e empresas.

En Santa Cruz, desenvolveron o obradoiro «Regueifando xuntos, igualdade en cada verso» que levaron xa a APAMP e San Rafael. Se o ano pasado reivindicaron a saúde mental coa súa regueifa, neste ano o foco puxérono no alto custo dos alugueres, os problemas coa adquisición de vivenda e a xente que está sen fogar.

No caso da Regueifa mellor cantada, o premio levouno o Coro Virxe da Renda de Poio baixo o título «Cantar e desfrutar». No vídeo, vemos a 15 cantores e cantoras maiores.

Onte o director do coro dáballes a nova do galardón ás 21.30 horas nunha reunión improvisada e por sorpresa.

«A regueifa é un medio de expresión necesario»

As dificultades da xente nova para lograr vivenda de aluguer ou para comprar foron tamén o eixo da Regueifa máis reivindicativa, «As ministras», cuxo texto foi desenvolvido por unha adolescente de Monte Porreiro, Pontevedra, Antía Morgade. A moza estuda no IES Luis Seoane onde cursa cuarto de PDC, programa de diversificación curricular.

«Ela asistiu aos obradoiros de regueifa que desde o departamento de Lingua galega ofrecemos co apoio do Concello e a Deputación de Pontevedra. Foi ilusionante que esta alumna fixera un argumento reivindicativo coa regueifa», destaca a vicedirectora María Xosé Dourado, quen aparece no vídeo e regueifando xunto a Antía.«Na regueifa –explica a profesora– aparecen varias situacións nas que lamenta que outra cousa pasaría se fora ministra. Amosa como a xuventude non se sente respetada en varios momentos», desde cruzar un paso de peón e case ser atropelada; agardar moito tempo nun centro de saúde, non ser respetada nos centros de ensino...

«Animamos a todo o mundo a participar nas regueifa. É un medio de expresión que parecía arcaico pero vese que é necesario, é un vehículo de expresión actual», remata Dourado.

Tracking Pixel Contents