Entrevista | Fillas de Cassandra Grupo de música electrotradi (electrónico-tradicional)
«Hai que reivindicar os tempos lentos dos procesos creativos e artesanais»
«Queriamos ser arriscadas co novo son que estamos buscando»

Fillas de Cassandra. / Arancha Brandón
Fillas de Cassandra proseguen o seu soño co novo EP, «Hibernarse», catro temas nos que exploran novos sons coa reminiscencia leve da música tradicional. O proxecto vén cargado de sorpresas: vinilo, fanzine e videofilme. As viguesas María Soa e Sara Faro demandan unha cousa: tempo.
—No anterior disco, «Acrópole», había un fío condutor pousado no revisita dos mitos clásicos femininos e a violencia exercida contra elas. Que corda sostén este «Hibernarse»?
Sara Faro: Neste EP, quixemos abordar dúas ideas; principalmente a idea de temporalidade dende diferentes esferas. Por exemplo, a primeira canción que saiu, «Hibernarse», é unha crítica ás presas que impón a industria musical e a sociedade todo o tempo. En «Arderse», plantexamos a reivindicación dos tempos de vida e ritmos propios fronte á idea de produtividade. O noso desexo é ver arder eses tempos impostos. Por outra parte, quixemos abordar o tempo desde a memoria cunha historia da Guerra Civil e a importancia que ten para construir un futuro diferente. E «O feito a man» é tamén reivindicar os tempos lentos que precisan os procesos creativos e artesanais fronte aos procesos en masa ou en cadea. Nós queriamos construir un novo traxe cos tempos que precisabamos para descubrir novas sonoridades e novas formas de facer música.
—Observei que ademais da composición vostedes se encargaron da dirección do vídeo e da produción musical.
María Soa: Para nós, este proxecto tiña que ser multiformato e un deses formatos era o videoclip. Xunto aos directores Santi Iglesias e Sergio «Steel», funcionamos como directoras creativas.
—En «Arderse», contaron con Caamaño & Ameixeiras.
S. F.: Cando saíron as primeiras harmonías da canción, enseguida pensamos nelas para ver se lles apetecía rematar o tema connosco. Apetecíanos moito compartir un tempo con elas. Admirámolas moito como grupo e como persoas. Aceptaron cos ollos pechados e foi un proceso moi chulo falar entre todas para ver como nos atravesaba o paso do tempo.
—Xa en «Acrópole», coidaran moito a estética e neste apostaron por firmas galegas como Coconutscankill pero tamén pola catalana Toda frágil que aporta a bisutería de cristal...
S. F: Tamén contamos con Lidia Agra, Elísabet Millán e Tomás Álvarez (666leira). En canto a toda frágil é unha marca dunha rapaza galega que agora está asentada en Cataluña. Fai bisutería como outros elementos de cristal que aparecen no videoclip e nas portadas dos singles.
M.S.: Parecíanos fundamental o conxunto porque unía algo tan fráxil como o tempo e algo tan sólido como o cristal.
—Con estas participacións buscan dar máis visibilidade ás marcas galegas?
S.F.: Para nós, o fundamental era o proceso artesanal de todos os elementos. Laura Caeiro foi a que botou unha ollada a todas estas persoas e foi incrible.
—O tema «Feito a man» en que maneira conecta coa súa maneira de crear música?
M.S: Esa canción xurdeu nun camerino en Marrocos cando estabamos coas nosas compañeiras de xira. Alí comezou a semente. O que nos apetecía era, como acontecera con outras cancións nosas, que non tivera retrouso. Realmente dura un minuto (58 segundos). A nivel de produción, queriamos ser arriscadas co novo son que estamos buscando.
—A decisión de virar para deixar os sons tradicionais un pouco apartados foi doada?
M. S.: As ferramentas que utilizábamos antes seguen como as pandeiretas, pandeiros, tixolas... «Acrópole» foi o noso primeiro contacto coa mestura entre electrónica e tradicional. Aquí, ao ter outras influencias, acontece doutra maneira. Por exemplo, está presente o Romance do Comandante Moreno por exemplo na canción con Caamaño & Ameixeiras.Este forma parte da nosa cultura tradicional. Esas coplas déixanche a pel de pita e puxémolas como na boca de dous amigos que están en dous bandos confrontados na Guerra Civil. Contámolo como se tiveran unha conversa antes de que un deles morra ao día seguinte a mans do outro.
—Os últimos dous anos foron dun cambio total para vostedes. Deixaron atrás a súa vida para volcarse con este proxecto. Pésalles moito a carga das expectativas?
S.F.: As expectativas sempre están aí, as nosas e as dos demais. Este traballo encarámolo con moita ilusión, tiñamos ganas de compartilo e a acollida está sendo marabillosa.
—Botan de menos algo da vida anterior?
M.S.: Nada. Abríronse moitas máis posibilidades, temos máis capacidade de facer máis cousas. Foron tres anos de moitísimo aprendizaxe. Que non te coñezan permítete crear desde un lado sen fantasmas; pero agora intentamos facelo libremente.
S. F.: Eu quizais boto de menos ter un pouco máis de tempo libre. O tempo atravésao todo pero como hai máis diñeiro compensa máis.
- El «Vigo Arena», llamado a saldar una deuda histórica: la ciudad olívica es la única gran urbe española sin un recinto cubierto para eventos multitudinarios
- El Concello «encaja» el «Vigo Arena» en Teis: así es la propuesta de vanguardia que colocará la ciudad en el mapa de los grandes conciertos
- El miedo regresa a O Terrón tras otro incidente violento con el mismo protagonista
- La flota teme una nueva expulsión en África por la falta de acuerdo con Mauritania: ya hay barcos repatriados y a la venta
- ¿Confundió David Bisbal la bandera de Galicia con la de Argentina al cantar el tema del Mundial?
- Borja Iglesias, el niño que quería ser Fernando Torres
- El grito eterno del minuto 106
- Varapalo del Tribunal Supremo a la eólica en Galicia: anula la autorización del Gobierno al parque Moeche por no tener en cuenta el impacto conjunto con otras instalaciones

