Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As obras da arquitectura galega no mundo que optan a premio

O deseño arquitectónico galego é cada vez máis internacional. Unha escola que semella un chalé de luxo no deserto en Perú; un edificio de vivendas privadas coa planta en forma de pentágono e a reforma dun edificio de cortes de cabalos do XIX en Xenebra; máis unha praza en forma de persiana en Valencia son os finalistas aos premios á mellor obra exterior do Colexio de Arquitectos de Galicia.

Pavillón Mediterráneo en Valencia do galego Manuel Bouzas.

Pavillón Mediterráneo en Valencia do galego Manuel Bouzas. / Coag

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Perú é un país onde se pode viaxar desde a verde ou nevada cordilleira dos Andes, á selva amazónica, desde o litoral do Pacífico ata o mesmo deserto. Neste último, atópase a comunidade de Santa Cruz de Villacurí. A meirande parte da súa poboación traballa en empresas agrícolas. Alí, ergueron unha escola infantil os arquitectos Betsaida Curto Reyes e Ander Bados Sesma. O seu traballo opta con outros tres aos Premios COAG (do Colexio de Arquitectos de Galicia) na sección de mellor obra exterior.

Esta actuación en Perú , que semella un chalé de luxo con pérgolas de cana no exterior a protexer as mesas de madeira do doente sol, atesoura unha historia curiosa.

«Tras acabar a universidade e traballar nalgúns estudos arquitectónicos galegos, Ander máis eu fomos por separado facer voluntariados con ONGs. Era despois da crise do ladrillo e non sabiamos moi ben que facer coas nosas vidas. Acabamos na ONG All Hands and Hearts. El foi a Perú e eu a Porto Rico», rememora Betsaida Curto.

Tras varias colaboracións, os dous mozos arquitectos porfiaron en desenvolver algunha iniciativa relacionada coa construcción.

Escola en Perú deseñado por arquitectos galegos.

Escola en Perú deseñado por arquitectos galegos. / COAG

Diferente pero local en Perú

A súa oportunidade chegou para deseñar unha escola paraVillacurí, Barrio Chino. «Queriamos construír algo diferente, sostible. Neste lugar, o alumnado estaba en casetas prefabricadas, con mala ventilación e moita calor», lembra a arquitecta.

Crear un colexio mellor fixo que aumentar a matriculación un 25%.

Betsaida Curto

— Arquitecta finalista a premio do COAG

A importancia de deseñar unha escola era enorme. «Os habitantes moitas veces non inscriben os fillos nas escolas se as condicións destas son malas. Iso xenera que moitas nais preferen educar os nenos no fogar, polo que non traballan fóra e non teñen independencia económica. Crear un colexio mellor fixo que aumentar a matriculación un 25%. Estamos moi contentos», destaca a técnica.

Mais non resultou doado deseñar algo distinto. «A comunidade quería que a escola parecese máis occidental con materiais brillantes, pladur... Nós viamos a beleza dos seus materiais autóctonos e queriámolos. Custounos que o entenderan», sinala a arquitecta.

A cana é un dos materiais clave da escola en Perú.

A cana é un dos materiais clave da escola en Perú. / COAG

Unha visita un día ao restaurante dun hotel de cinco estrelas para tomar un café foi a revelación. «Vimos que todo o espazo do restaurante estaba feito con estes materiais –caña brava e estera– e comentámosllo. Agora, están supercontentos e orgullosos porque a escola parece un edificio de luxo. Ademais, se se estropean os materiais, saben como hai que facer para cambialos ou arranxalos», comenta Betsaida, con estudo a medio cabalo de Asturias e A Coruña.

O resultado é un edificio de planta baixa con sete aulas interiores e varias exteriores ademais dunha cociña, todo rodeado de muros de caña tecida que evita que o forte sol abrase o interior. No exterior, atópase o comedor cunha enorme sombra con pérgolas de caña. «O comedor era moi importante. Ao habelo, o goberno dálles a comida e ás veces é a única comida boa que teñen no día», engade.

Ser finalistas ao premio do COAG é unha felicidade para esta arquitecta. «O mundo cambiou moito. Os galegos estamos en todas partes. Estamos moi contentos de que se abra esta nova categoría á mellor obra no exterior nos galardóns do COAG», explica a arquitecta que é finalista ao concurso de Finsa para As Pontes para a zona de A Panda da Dá.

Este proxecto amosa que o diálogo importa na arquitectura pero tamén os desafíos. Estes últimos son os que moven ao pontevedrés Manuel Bouzas, Premio Princesa de Girona Arte 2025 e gañador xunto a Roi Salgueiro para deseñar o Pavillón de España na Bienal de Arquitectura de Venecia deste ano.

A persiana de Valencia

Bouzas é tamén finalista ao premio de obra no exterior do COAG coa súa peza «Mediterráneo, un pavillón que deseñou para TAC!, o festival de arquitectura urbana de Valencia. Tratábase dunha homenaxe á persiana alicantina que cubriu toda unha praza, a do Músico López Chamarri.

O resultado foi como se unha gran persiana se alongase sobre a praza e deixase ver nun oco pequeno unha xanela, todo feito con madeira de piñeiro de Soria, pedras dunha canteira de Teruel e estruturas de persiana de Alicante.

Pavillón Mediterráneo en Valencia.

Pavillón Mediterráneo en Valencia. / COAG

Explica Bouzas que este proxecto é realmente a estrutura dunha catenaria que «desafía á gravidade» e que é «a persiana máis grande de Valencia». Recoñece que a catenaria –a curva formada por unha cadea– é algo que lle obsesiona dende sempre.

A de «Mediterráneo» a piques estivo de non facerse. «Propúxenlla a varios enxeñeiros e dicíanme que era imposible facela ata que falei con Juan de la Torre, profesor meu de Estruturas na Escola que me dixo que si. Grazas á súa actitude, saíu adiante», recalca agracecido o arquitecto de Soutelo de Montes (Pontevedra).

«A construción ten algo de milagre, de heroico. Se queres saír das cousas habituais, os riscos aumentan».

Manuel Bouzas

— Arquitecto finalista aos premios COAG

Para Bouzas, «a construción ten algo de milagre, de heroico. Se queres saír das cousas habituais, os riscos aumentan».

Na conversa con el ollando as fotos de «Mediterráneo» e da xente sentada a gozar da sombra entre plantas e bancos, xorde a reflexión ao redor da experimentación. «É o único que me move», asente. «Non me interesa repetir o que xa está feito», sinala para indicar que lle «divirte» presentarse a concursos para construír «cousas experimentais».

O único lastre é que os seus proxectos ata agora son efémeros. Por exemplo, nin a macropersiana de Valencia nin o mirador de madeira de Villa Medici en Roma perduran. No caso de Valencia, houbo que desmontala xa que se construirá no seu lugar un edificio. «Non todos os contos teñen final feliz», lamenta.

Manuel –que ve un «orgullo» ser finalista do COAG– confía en que chegue o día pronto no que deseñe proxectos permanentes. «Non teño mecenas privado que mos financie», lamenta un mozo arquitecto que a finais de maio inaugura o Pavillón de España en Venecia e outro proxecto en Braga, Cidade Europea da Cultura.

A obra de Manuel Bouzas en Valencia.

A obra de Manuel Bouzas en Valencia. / coag

Un pentágono con xardíns

Se a madeira tivo protagonismo en «Mediterráneo», tamén o ten noutra obra finalista ao premio do COAG, «Le Monolithe», un edificio cunhas poucas vivendas privadas ás aforas de Xenebra, Suíza.

En colaboración con Ris Partenaires e Chabloz Architectes, o pontevedrés César Besada –que leva media vida fóra de Galicia pasando por Navarra, Italia, Australia, Sudáfrica, Madrid e Suíza– ideou un edificio de planta en forma de pentágono para salvar as diferenzas do terreo.

Edificio de vivendas Monolito en Xenebra.

Edificio de vivendas Monolito en Xenebra. / Coag

«Este proxecto é un edificio pequeniño nunha das estradas que comunica a Francia nunha parceliña de 500 metros cadrados para facer catro apartamentos. As circunstancias eran complicadas porque a parcela ten unha dobre pendente. A saída do garaxe tiña que asegurar que o coche tivera visibilidade, ademais de deixar cinco metros cos lindantes cos veciños. Todo iso foi tallando un volume que rematou sendo un pentágono un pouco raro. Foi pola normativa e as circunstancias da parcela», sinala o arquitecto.

Monolito, obra de Besada en Xenebra.

Monolito, obra de Besada en Xenebra. / Coag

Formigón e madeira son os que comandaron a obra do Monolito que incluíu xardíns e terrazas privadas para os dúplex mentres que os áticos teñen vistas na terraza ao lago Leman e á montaña do Jura. «A nosa ambición era que cada apartamento tivera un espazo exterior», subliña César Besada.

Besada –con obra en España– resalta que o seu modo de facer, inda que tamén usan ordenador, obedece a «unha práctica artesanal no século XXI con moito debuxo a man, con moitas maquetas, e intentando estar sempre presentes na obra».

Rehabilitación en Xenebra

Tamén en Xenebra atopamos a cuarta obra que aspira a levarse o premio do COAG á mellor obra exterior. Trátase da rehabilitación do Ancien Manège, a cargo de Aurora Armental Ruiz e Stefano Daniel Ciurlo Walker.

O Ancien Manège no seu interior trala reforma.

O Ancien Manège no seu interior trala reforma. / Coag

«A cidade de Xenebra lanzou un concurso e gañámolo para rehabilitar este edificio» de 1828 que albergaba unha sala de equitación militar no centro da cidade suíza con cortes para os cabalos.

Co tempo, nos anos 50, convertérono nun aparcadoiro con dúas grandes lousas de formigón na nave central. O fin dos arquitectos galegos –asentados en Compostela– era deixar constancia dos cambios experimentados polo edificio ao longo do tempo e das reformas para na rehabilitación interior darlle importancia á madeira.

Rehabilitación en Xenebra do Manège.

Rehabilitación en Xenebra do Manège. / COAG

O reto principal foi respectar as demandas do servizo de Patrimonio. Sinala a arquitecta Aurora Armental que o xeito de traballar é diferente respecto a Galicia: «Aquí, presentas o proxecto e Patrimonio decide, tes que cumprir a normativa e non podes case negociar cambios. En Xenebra, explicámoslles os cambios que queriamos, o diálogo era continuo e entendéronnos».

O edificio acolle agora unha escola infantil, unha ludoteca, un comedor escolar e unha asociación de veciños con espazos educativos para mozos.

«A arquitectura é un servizo á sociedade para mellorar a vida das persoas», resalta a arquitecta de As Pontes (A Coruña).

Tracking Pixel Contents