Entrevista | Xavier Labandeira Catedrático de Economía na Universidade de Vigo
«España está entre as zonas máis afectadas polo cambio climático»
«Galicia pode exercer ocasionalmente de ‘refuxio climático’ nun entorno tan negativo, pero os impactos sobre os sectores primarios serán relevantes»

Xavier Labandeira. / Alba Villar

O catedrático Xavier Labandeira falará esta tarde (20.00, Auditorio Municipal), dentro do programa do IV Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático Cidade de Vigo, do custo económico do cambio climático. Ademais da súa carreira investigadora e de levar a dirección de Economics for Energy, é partícipe en ECOBAS, investigador afiliado ao MIT e membro do consello científico do Real Instituto Elcano.
—O cambio climático ten múltiples efectos económicos. Cal diría que é o máis crítico a curto e longo prazo?
No curto prazo estamos especialmente preocupados polos denominados eventos extremos, aqueles cuxa maior probabilidade de aparición e intensidade están claramente vinculados pola ciencia cos procesos de cambio climático. Graves inundacións, como as vividas hai pouco en Valencia, ou vagas de calor extraordinarias e recorrentes entrarían nesta tipoloxía e causarían inmensos danos socio-económicos. No medio e longo prazo destacaría os efectos de retroalimentación dos sistemas naturais, que a ciencia considera probables unha vez se superen determinados niveis de concentracións contaminantes na atmosfera, que porán en marcha cambios globais con gravísimos impactos sobre as sociedades humanas. Neste caso a nosa variable de control actual, as emisións de gases de efecto invernadoiro, deixaría de gobernar os procesos de cambio climático co que se limitaría considerablemente a nosa marxe de manobra.
—Que sectores económicos en España e Galicia serán os máis prexudicados polo cambio climático? Hai algún que poida saír beneficiado?
O impacto socio-económico neto do cambio climático será globalmente negativo, pero España está entre as zonas máis afectadas como xa a estamos a observar nun grande número de indicadores (redución de recursos hídricos, aumento de temperaturas, etc.). Galicia pode exercer ocasionalmente de 'refuxio climático' nun entorno tan negativo, pero os impactos negativos sobre os nosos importantes sectores primarios serán certamente relevantes.
—Como se poden cuantificar os custos económicos do cambio climático e que factores se teñen en conta?
Xa contamos con aproximacións moi sofisticadas para avaliar estes danos, recollendo desde efectos negativos sobre a saúde até impactos sobre os sectores produtivos. Unha medida de especial interese é o denominado custo social do carbono, que informa actuacións públicas e privadas para mitigar as emisións de gases de efecto invernadoiro en diversos países. O seu cálculo non é trivial xa que require computar efectos sectoriais o máis amplos posibles, a nivel global e interxeracional.
—Que características debe ter unha política climática para ser eficaz e equitativa?
Esencialmente ser quen de introducir medidas que leven a unha redución das emisións causantes do problema e a un mínimo custo para a sociedade. Ser tamén quen de aportar medios e estratexias para a adaptación ao cambio climático que xa está a producirse. En ambos casos buscando minimizar os impactos sobre os que menos teñen.
—Que medidas concretas deberían adoptarse en España para mitigar os efectos do cambio climático sen xerar desigualdades sociais? Como se pode garantir que a transición enerxética non prexudique ás clases máis vulnerables?
Concentrar os recursos dispoñibles para compensacións distributivas só nos fogares máis vulnerables, facilitando o cambio de equipamento e compensando posibles subas de prezos. Tamén ser particularmente coidadoso con territorios moi dependentes desas emisións, por exemplo por concentración de industrias intensivas en enerxía, e cos fogares de zonas rurais que habitualmente están máis expostos e con menos capacidade de reacción ás políticas climáticas.
—España está a facer o suficiente en termos de políticas climáticas, ou seguimos atrasados respecto a outros países europeos?
Afortunadamente estamos baixo o paraugas da ambiciosa política climática da UE que leva aparellada a aplicación directa de diversos instrumentos, como o sistema de comercio de emisións, ou esixe aos estados introducir medidas harmonizadas. Porén, a situación é claramente mellorable en moitos ámbitos, por exemplo no gravame dos combustibles fósiles ou a electrificación do transporte.
—Que papel deberían xogar as institucións europeas na loita contra o cambio climático? Son suficientes as políticas actuais da UE?
Até o momento a UE fixo das estratexias contra o cambio climático un dos principais sinais de identidade. Está por ver se a nova configuración política do Parlamento, da Comisión e do Consello permitirá manter esta orientación tan clara. Posiblemente veremos un vínculo moito máis explícito destas políticas coa busca da competitividade internacional (reducindo custos e promovendo a aparición de sectores do futuro) e dunha maior autonomía xeopolítica. Sobre a suficiencia das medidas actuais, os obxectivos para 2030 poden ser de difícil cumprimento nalgúns sectores, en particular do transporte.
—Como ve a viabilidade da nova taxa ao carbono na fronteira da UE? Pode ser unha ferramenta efectiva para reducir emisións sen prexudicar a competitividade económica?
O mecanismo de axuste de carbono en fronteira xa é unha medida existente e permitirá protexer aos nosos sectores económicos europeos da competencia de lugares onde non contan con políticas climáticas tan desenvolvidas. Debe entenderse, ademais, como unha maneira de promover que eses outros territorios aumenten a súa ambición climática para así evitar o pagamento da tarifa sobre os seus produtos.
Até o momento a UE fixo das estratexias contra o cambio climático un dos principais sinais de identidade. Está por ver se a nova configuración política do Parlamento, da Comisión e do Consello permitirá manter esta orientación tan clara
—A crise enerxética recente puxo en evidencia a dependencia de combustibles fósiles. Estamos avanzando ao ritmo necesario cara a un modelo enerxético sustentable?
Desafortunadamente o camiño está a ser moito máis lento do desexable, incluso en lugares como a UE que non contan con estes recursos enerxéticos e teñen políticas climáticas avanzadas. No noso caso é imprescindible unir aos obxectivos ambientais, non só climáticos, esa redución de dependencia de lugares cada vez menos fiables nun mundo de crecente complexidade.
—Cales son os principais atrancos económicos e políticos que dificultan a implantación masiva de enerxías renovables?
As enerxías renovables son cruciais para conseguir a transición a sociedades descarbonizadas e na actualidade son tecnoloxías maduras e competitivas. O seu problema principal ten que ver coa intermitencia, ao depender de sol e vento. Isto pode solucionarse con almacenamento enerxético, expandindo a súa capacidade e interconexións renovables, ou tendo outras tecnoloxías non limpas de apoio. Porén, un atranco importante nalgúns lugares é a oposición social polos impactos paisaxísticos ou porque as rendas que xeran non fican nos territorios. Penso que debemos actuar con decisión para superar as barreiras precedentes ante a persistencia das enerxías contaminantes e a intensificación do cambio climático.

XAVIER LABANDEIRA, CATEDRATICO DE ECONOMÍA DA UNIVERSIDAD DE VIGO E EXPERTO EN ECONOMIA CLIMÁTICA. / Pablo Hernández Gamarra
-A electrificación do transporte e da industria é unha prioridade. Que incentivos deberían poñerse en marcha para acelerar esta transformación?
-O transporte é un sector particularmente problemático, especialmente en España. Penso que debemos eliminar os atrancos infraestruturais á electrificación, facilitar o acceso a vehículos eléctricos a aqueles que non teñen capacidade económica, e incorporar nos prezos dos vehículos contaminantes e dos seus carburantes o dano ambiental que ocasionan. No ámbito industrial debemos reducir os prezos da electricidade (baixando os custos do sistema e os impostos aplicados) para facela un vector enerxético preferente. E cando a electrificación directa non sexa posible debemos potenciar o hidróxeno verde (producido con renovables) como alternativa.
-Que liñas de investigación considera máis prometedoras para os próximos anos? Como pode a sociedade mellorar a súa comprensión sobre a economía climática e o impacto das políticas públicas neste ámbito?
-Nós estamos particularmente interesados en dúas cuestións. Cómo avaliar e compensar os impactos das políticas climáticas sobre fogares, sectores e territorios vulnerables. En suma, como conseguir facer operativo o concepto de transición xusta. E a segunda cuestión ten que ver con cómo conseguir que os cidadáns sexan conscientes da necesidade destas políticas e aceiten a súa aplicación como unha maneira fundamental de protexernos ante impactos ambientais negativos e dependencia do exterior.
-Como secretario xeral do Policy Outreach Committee da EAERE, cales son as súas principais responsabilidades? Que obxectivos ten este comité e como contribúe a mellorar as políticas ambientais en Europa? Que estratexias empregan para garantir que os avances na investigación económica ambiental cheguen aos responsables políticos?
-A Asociación Europea de Economistas Ambientais é unha das agrupacións académicas máis relevantes a nivel global. Nos últimos anos a asociación optou por intensificar os seus esforzos para trasladar os importantes avances académicos á sociedade, particularmente para inspirar e informar as actuacións dos decisores políticos neste campo. Teño a honra de coordinar este comité e as súas múltiples actividades que inclúen a organización de xornadas en congresos e institucións públicas, participación en organismos internacionais, asesoramento de decisores políticos e elaboración de documentos para influír no debate público europeo e internacional. ión do cambio climático.
Suscríbete para seguir leyendo
- El trago de agua que casi acaba con la vida de Pablo González: «En segundos noté que me quemaba vivo por dentro»
- Una camarera tras probar de la botella que abrasó al empresario Pablo González: «Esto no es agua»
- Belleza perruna: estas son las 10 razas de perro más bonitas que existen
- ¿Qué había en la consumición de Pablo?
- «Que no se hagan ilusiones; las reformas del papa no tienen vuelta atrás, salvo que quieran una Iglesia de museo»
- Aparece sano y salvo en el monte Aloia Jager, el Husky que había desaparecido en Gondomar
- Un joven de Vilagarcía fallece en una caída de moto en Cádiz
- Este es para muchos el restaurante «más bonito» de Galicia: un molino reformado con una mágica terraza junto al río