Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Unha obra de teatro para 75 anos de contos

Os personaxes da literatura infantil Toribio, Lobo Namorado, Espantallo Amigo e Ramón Lamote cobran vida fóra dos seus contos orixinais en «A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica», unha homenaxe ao poder da literatura coa que Editorial Galaxia conmemora o seu 75 aniversario

Tanxarina, nun momento do espectáculo.

Tanxarina, nun momento do espectáculo. / Jose Lores

Vigo

Tres cuartos de século dedicados á literatura en galego dan para escribir moitas páxinas. Onte, Editorial Galaxia escribiu unha moi especial dedicada á literatura infantil na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, onde se estreou «A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica», na que colabora esta institución. Trátase dunha montaxe dirixida aos nenos escrita por Carlos Labraña por encargo da editorial e posta en escena pola prestixiosa compañía Tanxarina (Premio da Crítica de Galicia, 2024), que adícase á creación de espectáculos de monicreques que fusionan a manipulación de obxectos coa interpretación actoral. «A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica» únese deste modo á celebración do 75 aniversario da editorial galega.

Os alumnos do CEIP Ramón e Cajal de Vigo foron os primeiros en gozar desta obra, que percorrerá máis de trinta centros educativos de Galicia para achegar o teatro ao público escolar e promover a reflexión sobre a intelixencia artificial (IA) a través da literatura e a creatividade. No acto estiveron presentes o autor da peza teatral; a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez Méndez, e o director de Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo.

A vicepresidenta da Deputación dirixiuse aos nenos para animarlles a ler e asegurou: «A literatura é mellor que calquera máquina».

Carlos Labraña e Tanxarina traballaron estreitamente nesta montaxe. «Reunímonos varias veces para adaptar a obra ao teatro de monicreques que fai a compañía e á súa interacción co público», explicou o dramaturgo, especializado en teatro para nenos.

Dende a esquerda, Carlos Labraña, Luisa Sánchez Méndez e Xosé Manuel Soutullo, no acto de onte.

Dende a esquerda, Carlos Labraña, Luisa Sánchez Méndez e Xosé Manuel Soutullo, no acto de onte. / José Lores

Deste xeito, Tanxarina deu vida fora do papel a uns personaxes clásicos que cativaron ao público infantil. Tamén a posta en escena desta disparatada comedia onde hai aventuras, cancións e moito humor sorprendeu aos pequenos, que non perderon detalle.

Unha obra para reflexionar

Nesta montaxe teatral, Ataulfo, o rato que coida da Biblioteca Galáctica, descobre que unha grave ameaza se torna sobre os personaxes dos libros infantís dos seus andeis e que fixeron soñar a miles de nenos. Esta ameaza está de rabiosa actualidade: a IA, sobre a que a obra quere facer reflexionar aos cativos.

Nunha loita contra o reloxo, o rato bibliotecario, o profesor Ramón Lamote e Sara deberán loitar contra o malvado profesor Smith e a súa IA fantástica para liberar os seus amigos Toribio, Espantallo Amigo e Lobo Namorado da súa maléfica influencia. O malvado profesor quere reescribir os contos a través da IA, para o que secuestra a Toribio, o neno inventor que protagoniza a serie de contos creada por Carlos Casares.

Ademais dos personaxes desta serie literaria, «A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica» reúne outros personaxes de obras clásicas que forman parte da biblioteca de Editorial Galaxia, como «Cousas de Ramón Lamote», título co que o seu autor, Paco Martín, gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil en 1986; «Espantallo Amigo» (1971), de Xosé Neira Vilas, e «Desventuras dun lobo namorado», de Fina Casalderrey.

«Non creo que la IA, agora mesmo, sexa unha competencia para os escritores»

Carlos Labraña

— Dramaturgo

Sobre o impacto que a irrupción da intelixencia artificial pode ter na creación literaria, Carlos Labraña asegurou que non cre que poida, polo menos polo momento, substituír a creatividade dos escritores. «Non creo que poidan facernos fronte. Os escritores temos unha bagaxe de lecturas, de vivencias e as nosas historias saen de aí. Non creo, polo menos agora mesmo, que a intelixencia artificial sexa unha competencia», comentou o autor de «A biblioteca galáctica contra a IA fantástica».

O dramaturgo entende, con todo, as reticencias ou os temores que esta tecnoloxía pode ocasionar. «Vivimos nun momento, como outros momentos da historia, como a revolución industrial, no que hai moito medo, pero creo que ao final vaise diferenciar o que está feito pola IA e o que está escrito pola persoa, do mesmo xeito que agora valoramos todo o que está feito a man», afirmou.

Labraña ten diferentes premios, como o Xeración Nós, o Estornela, o Manuel María e O Facho, con pezas que se len e se representan de maneira habitual nos colexios. Uno deles é «O valo», sobre o drama dos refuxiados. En 2016 fundou a compañía de teatro Os Furabolos, onde desenvolve tamén as súa facetas como actor e director.

Tracking Pixel Contents