«Micaela», o hit do momento en España das viguesas Ferriñas Bravas e do dj galego Kike Varela
A canción, gravada en Vigo, aúna música tradicional máis dance, e é a segunda máis viral do Spotify
Cántana rapazas de O Fiadeiro

Pablo Hernández Gamarra

«Sabía que o tema podía funcionar pero non imaxinaba que tanto. Isto está sendo unha loucura», sinala o dj compostelán Kike Varela, o pai de «Micaela», un dos hits do momento en España cantado polas viguesas Ferriñas Bravas, da Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro, da cidade olívica. «Un vídeo cheguei o venres ao millón de reproducións (en tres semanas) no Tik Tok e o venres na playlist Virales España de Spotify o tema estaba de segundo. Debaixo estaban ‘Morocha» de Quevedo e Milo J ou Bad Bunny. Estar á mesma altura é para sentirse orgulloso», resalta Varela.
«Micaela» foi gravada en Bea Besada Estudios en Vigo. É un tema de música electrónica con voces de cantareiras da música tradicional galega. A letra está en castelán con versos en galego. A protagonista é unha rapaza que ten unha inquedanza erótica-festiva e vai ao médico pero este non lle dá a solución.
«A letra está en galego e castelán porque era así a cantaba Felicia Insuela e eu quixen respectar a súa letra orixinal. Ela foi quen deu a coñecer esta versión en Galicia, no Luar. Eu vin un vídeo dela no Instagram cantando este tema. Cando o escoitei xa pensei en traelo ao meu estilo», explica Kike Varela.
A historia da protagonista
Sobre a orixe, Varela explica que se trata dunha panxoliña de Jerez do ano 1887 que se compuxo para «desprestixiar» unha rapaza chamada Micaela. «É un pouco triste e non me gusta ese significado pero a letra pareceume graciosa tal e como a cantaba Felicia, pola picaresca, porque insinúa cousas. Recompilei os versos menos explícitos e máis guais», detalla para engadir que hai versións distintas por Andalucía pero tamén por América do Sur.
Éxito total nas plataformas e redes
En 20 días, o tema no YouTube, supera os 327.000 visualizacións e as 550.000 no Spotify. «Micaela» escóitase en máis de cen países, segundo os datos de Spotify que revela Varela, quen engade: «Onde máis se escoita é Madrid, despois Barcelona e como terceira, Vigo. Despois, Málaga, Valencia, A Coruña, Santiago e Bilbao, por esta orde».
Kike Varela, un traballador de marketing que o deixou por ser dj
É un dj de Compostela que pincha desde os 16 anos. Acabou a carreira de ADE e un máster de Marketing. Botou tres anos traballando nunha axencia de marketing pero o ano pasado decidiu «tirarse á piscina» e dedicarse a ser só dj. Un dos seus temas foi pinchado no Tomorrowland o pasado verán. Outros hits pero menos virais foron unha versión da «Muiñeira de Chantada» coa versión de Berto; outra do «Campo da festa» de Lontreira. Tamén remezclou o tema «Engatusao» de Vicco.

O dj galego Kike Varela, durante unha actuación / Fdv
Quen son Ferriñas Bravas
É un grupo de nove cantareiras, na práctica, oito, porque unha atópase de Erasmus en Italia. Teñen entre 15 e 35 anos de O Fiadeiro onde empezaron de pequenas a aprender baile galego, pandeireta e canto. Fórmano Eva Fernández Prieto (licenciada en Xornalismo e estudante de Comunicación Audiovisual), Tais Groba Álvarez, Uxía Prieto Domínguez, Raquel Domínguez Domínguez (licenciada en Biotecnoloxía e que cursa máster de Investigación Biomédica), Adela Pérez De Lis Redondo, Erea Bea Iglesias, Claudia Pérez De Lis Redondo, Noemí Rodríguez Dopazo e Iria Bea (que se atopa de Erasmus).
A historia de Ferriñas Bravas
Recorda Uxía Prieto que «entramos no Fiadeiro de pequenas e cando comezamos no 2012 a ir aos concursos de música tradicional tivemos que elixir un nome. Un rapaz que xa non está no grupo propuxo Ferriñas Bravas e foi o que quedou».
Por que unhas cantareiras
Raquel Domínguez lembra como lles chegou a petición de Kike de que quería colaborar cunhas pandeireteiras. «Díxonos -engade Uxía Prieto– que lle gustaba o que tiñamos subido, o ambiente... Primeiro, probamos co tema ‘Meigallo’ e despois chegou ‘Micaela’».
Pola súa parte, Kike explica que «con ‘Meigallo’ quería un tema tecno pero no que o prioritario fose a voz. Pensei nas cantareiras galegas pola súa potencia. Busquei por asociacións galegas voces que encaixaran. Dei con Ferriñas Bravas por TikTok e Instagram. Parecéronme as idóneas e dende o primeiro momento dixeron que si. ‘Meigallo’ funcionou moi ben».
«Estamos flipando coa viralidade»
«Estamos flipando coa viralidade», resumen dende Ferriñas Bravas o éxito de «Micaela». «Chegáronnos mensaxes de que estaban nos distintos entroidos de Galicia poñendo a canción en bares; a xente está utilizando a canción para os seus TikTok... Non entendemos nada; aínda que a canción é chula non o esperabamos», apunta Raquel Domínguez.
Kike Varela Dj: "Non pensaba que puidese vivir só disto"
A historia de Kike Varela é unha historia de perseverancia e risco. A pesar de ter a vida 'tranquila e amañada' co seu traballo de marketing, tras reflexionar moito decidiu abrir unha paréntese para dedicarse á súa paixón dende noviño, ser dj. "Pensei en dedicarlle un ano. Non estaba seguro de que puidese vivir só disto. Púxenme a traballar todos os días na miña música cando antes facía oito horas no meu traballo e ao rematar, cansadísimo, empregaba tres ou catro horas no ordenador para probar cousas», explica a FARO.
Na súa vida como dj, diferencia dúas etapas. "Comprei a mesa de mesturas no 2012 aos 16 anos. Ao principio si que falaba música electrónica e cando empecei na universidade como quería ter diñeiro para os meus gastos comecei a pinchar en pubs e discotecas. En 2018, gañei un concurso de dj no Nova Era Beach Party, un dos mellores festivais de música electrónica de Portugal. Tocoume a min abrir o escenario ao gañar o certame no que tamén pinchou Dimitri Vegas & Like Mike. A partir de aí xa me pinchei na música electrónica", lembra.
Con ese premio logrado, colleu impulso e ao ano seguinte sacou o seu primeiro tema propio, "Celestial", en inglés. Tamén sacaría "Waiting for you" para despois optar pola mestura dos sons eléctricos e tradicionais galegos. Sobre esta viraxe, Varela que "había moita xente reticente a escoitar música electrónica en castelán ou outras linguas. Cos anos, foron mesturándose os estilos. Ademais nos últimos tempos saíu xente como Baiuca facendo música en galego e abrindo fronteiras chegando a toda España e alén de España. Ao velo, pensei por que non podía facer eu a música que eu quería na miña lingua. Eu son galego e se o tema é bo dá igual que sexa en galego ou en inglés".
A súa primeira aventura musical electrogalega foi a "Muiñeira de Chantada", todo un hit con Gloria Cespón e Puga inspirado na letra que preparara Verto. "Nun principio, ía facer un remix do tema de Verto pero non lles interesaba, así que fixen unha versión inspirándome na súa letra", matiza o dj compostelán que tamén asina unha colaboración con Vicco.

Componentes del grupo Ferriñas Bravas de o Fiadeiro, durante un ensaio / Pablo Hernández Gamarra
"Eu levo dende 2024 traballando cun manager e Vicco veu o meu perfil e interesoulle. Estaba buscando facer remixes para o tema de 'Engatusao'. O meu mánager comentoumo a min e a outro chaval de Galicia, New Beat Order. Vicco é unha grande artista e unha oportunidade así non se podía desaproveitar", resume Varela quen recoñece que "ser dj é moi difícil. Eu esforceime moito pero só esforzarte non che garante nada. Hai que ter algo de sorte para chegar aquí".
Respecto dos proxectos de futuro que ten, sinala que xa ten varios temas preparados, aínda que non sabe cando os publicará. É moi probable que de cara o verán. "Este ano sairán máis cousas na liña de Micaela", asegura.
Respecto á posibilidade de sacar un álbum, confirma que si lle gustaría porque «nun disco podes expresarte doutra maneira; é como facer unha viaxe, pero agora estou crecendo. Hai xente que case saca un tema á semana na electrónica. Eu quero darlle a cada single un pouco de cariño".
Varela tamén ten palabras sobre o emprego do galego na súa música e como pode contribuír á normalización do idioma. "Ao final, axuda a normalizar o galego,a que se escoite máis no día a día porque por desgraza cada vez escóitase menos. Está ben que haxa a opción de que a xente escoite música en galego se quere», sinala Kike Varela.
"Hai moita xente non galega que xa o está escoitando, xente que se vai interesar polo galego ou pola música en galego", conclúe.
Ferriñas Bravas: "Se nos dixeran hai uns anos que nos acontecería isto non o creriamos"
As rapazas de Ferriñas Bravas están a vivir o éxito da música galega. Uxía Prieto sinala que "me parece sorprende no bo sentido. Cando nós comezamos no Fiadeiro, eramos o único grupo de rapazada na asociación pero agora hai moitos dende os máis pequeniños ata nós, as maiores da escola. Hai moitas máis oportunidades para actuacións, festivais. Antes custaba moito esforzo pero agora hai moitas máis oportunidades e iso é moi bonito. Temos a Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Mondra, Ailá... que levan a nosa música fóra". Eva Fernández considera que a xuventude está moi concienciada coa tradición e seguir adiante con ela".
Respecto ás expectativas que teñen co grupo, indica Raquel Domínguez que o que queren é simplemente "gozar" do momento. "Se hai uns anos atrás me dixeras que ía acontecernos o que nos está a pasar, diríache 'pero que me estás contando?'. É algo que xorde. Non contas con isto", engade. "Ao final, o que nos une é ir aos seráns", agrega Prieto.
En canto á letra pícara de "Micaela", Eva Fernández recoñece que houbo que facer unha selección previa das coplas: "O outro día que fomos ao 'Luar' puxeron a gravación completa e Felicia cantaba algunhas coplas moito máis picantes que as que acabaron na nosa selección".
Sobre a posibilidade de gravar un disco, tanto Eva como Uxía e Raquel recoñecen que lles gustaría pero con pezas con base só tradicional e de diferentes zonas de Galicia.
Entre as compoñentes de Ferriñas Bravas, Eva Fernández ademais conta con outro proxecto de música tradicional, trátase da revista dixital Rebelico.
- El día en que A Cañiza pasará a llamarse a A Caniza y Cangas incorpora «apellido»: entra en vigor el nuevo Nomenclátor de Galicia
- Herida grave una niña de 10 años tras precipitarse desde el balcón de su casa en Vigo
- Iturmendi, una ferretería con más de 80 años que vendió las primeras lavadoras de Vigo
- China navega en un mundo aparte: pesca 20 toneladas más por cada una que pierde la flota española
- «En liquidación»: cierra la cadena de moda Emilio Iglesias, con cuatro tiendas en Vigo
- El Sepe prevé que Galicia sea una de las comunidades que más empleo cree hasta 2028, cuando el país alcanzará 23,4 millones de cotizantes
- Ya en vigor: hasta 3 años de excedencia por cuidado de hijos en Galicia
- El Nicolás Peña, el centro de salud joven y pequeño que cierra sus puertas para integrarse en el que será el mayor de Galicia