Un canto a Galicia... dende Bruxelas
O festival EmigraSon despediu a Terbutalina con 1.200 asistentes e unha homenaxe de Fillas de Cassandra, Tanxugueiras e De Ninghures

Tanxugueiras e Fillas de Cassandra cantando xunto a De Ninghures na homenaxe a Terbutalina do EmigraSon en Bruselas / Pablo Vázquez Varela

Colosal, inesquecible ou emocionante. Os diferentes adxectivos para a terceira edición do festival EmigraSon quedan curtos para o que sentiron as máis de 1.200 presentes o sábado na sala La Madeleine no corazón de Europa. O evento levantado a pulso por un grupo de xóvenes emigrados en Bruxelas volveu a amosar a súa conexión entre pasado, presente e futuro da música en galego.
O día grande chegaba despois da visita institucional ao Parlamento e a foliada do venres a cargo de Lume de Biqueira e a Duendeneta, tendo ademais un gran compoñente celtista que celebraría a vitoria ante o Osasuna no icónico Delirium Café ata ben entrada a noite. Xa no sábado, un cento de persoas concentrábase en Mont des Arts secundando as mobilizacións polo galego deste domingo en Santiago.
Hai medio século tocaban nesta sala Los Satélites para a amplísima comunidade galega emigrada na rexión e que sigue presente, ainda que cambiando o traballo na minaría polas institucións europeas. Nos últimos anos tamén fixeron sold out aquí nomes como Billie Eilish, Mahmood, Maneskin ou Sophie Ellis-Bextor. Nos descansos seguían soando temas de artistas galegos mentres as conversacións semellaban un sábado en Churruca ou Viños e non a escasos metros da Grand-Place.
De Ninghures levantaba o pano desta terceira edición demostrando a renovación latente no tradicional. A formación de sete músicos de A Fonsagrada, Sarria, Carballo e Santiago presentou unha proposta tan divertida como pegadiza —Morena ou Alento xa son clásicos de calquera festa que mereza tal consideración— como anticipo do seu novo disco que sairá a luz este martes.
Asemade, foron os encargados de introducir o momento máis especial da fin de semana ao convidar ao resto de grupos para cantar xuntos «Muinheira da Costa» como homenaxe a Terbutalina. «Grazas por facer cultura e música na nosa lingua», dicía Tomé Mouriño en recoñecemento a unha formación que moitos dos novos grupos en galego consideran como referencial. «Se non tes quen che cante eu cantoche encantado» berraban máis de mil voces mentres as bágoas comezaban a aparecer no backstage.
«Confiaron en nós cando case non tiñamos nada e agora volveron a confiar» lembraban emocionadas sobre cómo mudou a sua vida dende entón. A posta en escena de Sara Faro e María Soa combinou o teatro, a danza e a música «coa forza dun vendaval», para orgullo dos presentes e ausentes que gozaron dunha das últimas dionisíacas desta xira que recalará o venres na viguesa Porta do Sol.

Víctor P. Currás
Non parece casualidade que xusto no ano no que sea adica o Día das Letras Galegas á figura das cantareiras, os dous nomes propios sexan de formacións femeninas herdeiras dese legado. Se no 2022 as Tanxugueiras inauguraban un novo ciclo para a música galega baixo o lema «non hai fronteiras», a actuación de onte no corazón de Europa foi como saldar unha débeda pendente. Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro conectaron como poucas veces en «Cambia todo», pero foi no peche con «Terra» onde La Madeleine mudou por completo nun campo da festa. Así, chegaba o momento máis agardado con Terbutalina.
Despedida histórica
O cuarteto de Esteiro non decepcionou e elevou as pulsacións e a temperatura co repaso da súa traxectoria en case 30 temas. Á fronte do mesmo un Miguel Cernadas que incumpliu a súa promesa de non chorar, pero que conseguiu arrincar unha ovación do público cada vez que tomou a palabra. Aínda que a paternidade e as dificultades despois de 15 anos de carreira obrigaron a un final máis rápido que lles gustaría aos seus fans, non faltaron os pogos, apertas e bastante suor para despedir a un dos nomes propios do punk na historia do país a 2.000 kilómetros (en coche) da casa.

Os integrantes de Terbutalina abrázanse tras o seu derradeiro concerto no EmigraSon / Pablo Vázquez Varela
Eles, que renunciaron a ser crepes para ser filloas, marcharon do escenario cunha longuísima ovación mentres soaba Sementeira. A mensaxe e o simbolismo, unha vez máis, falaban por si mesmos. A terceira edición remataría no tradicional cuartel xeral da rue Franklin entre bicos, apertas e desexos de cadrar nalgún festival nos próximos meses. Artistas, emigrados e asistentes mesturaban ese espírito de campamento que fai que a meirande parte dos mesmos queiran recuncar. E así, de hoxe nun ano.
- El día en que A Cañiza pasará a llamarse a A Caniza y Cangas incorpora «apellido»: entra en vigor el nuevo Nomenclátor de Galicia
- El naval vigués crece en el Mediterráneo con el elevador de barcos para yates «más grande del mundo»
- Un servicio de bus gratuito llega mañana con 20 líneas diarias y más de 30 paradas
- El otro tesoro bajo Rande: los marineros de la vieira de Cangas rescatan platos antiguos en sus rastros
- Cárcel por insultar a su ex: «Hai que ter peito para acostarse contigo»
- El Celta dispondrá tras la reforma del estadio de unos 15.000 metros cuadrados para explotar otros usos y multiplicar sus ingresos
- Herida grave una niña de 10 años tras precipitarse desde el balcón de su casa en Vigo
- Iturmendi, una ferretería con más de 80 años que vendió las primeras lavadoras de Vigo
