A nova era do teatro adaptado para xente xorda e cega chega con Chévere

Amosa en Vigo «Hellen Keller, a muller marabilla?» con lingua oral e de signos

Hoxe haberá paseo táctil para invidentes e 26 persoas xordas acudirán á función na Ártika

Chévere presenta a súa última obra.

Chévere presenta a súa última obra. / Chévere

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Ao redor de 26 persoas xordas van presenciar na Sala Ártika de Vigo hoxe a última obra de Chévere, «Hellen Keller, a muller marabilla?». Non haberá detalle da peza que perdan xa que a compañía (Premio Nacional de Teatro) fixo un esforzo enorme para adaptala ás persoas xordas e cegas. «As artes escénicas en Galicia deben ser máis accesibles», defende Patricia de Lorenzo, unha das tres actrices do espectáculo, dirixido por Xesús Ron.

Desta maneira, Chévere cumpre coa Ley de Accesibilidad, pola que en poucos anos todos os espectáculos que se ofrezan en espazos públicos deberán estar adaptados para as persoas con diversidade funcional. A Xunta tamén maniobra nesta dirección co proxecto de Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia. Grazas aos dous, de agora en diante será máis común ver a xente xorda e cega nos espectáculos escénicos.

Para conseguilo con «Hellen Keller, a muller marabilla?», Chévere realizou e realiza un esforzo considerable para cada función. En primeiro lugar, supón un «experimento» porque se desenvolve en galego oral e na lingua de signos.

Escena de "Hellen Keller, a muller marabilla?", de Chévere.

Escena de "Hellen Keller, a muller marabilla?", de Chévere. / Chévere

Ademais, presenta audiodescrición sincronizada coa obra para persoas con discapacidade visual e as persoas cegas poderán solicitar un programa de man en braille.

Paseo guiado táctil previo polo escenario

A maiores, haberá subtítulos para persoas xordas se o demandan; e para invidentes ofrecen un paseo guiado táctil polo escenario para coñecer os obxectos da peza e o atrezzo. Varias xa o pediron para o pase de hoxe e do domingo.

«Será unha hora antes e as actrices guiamos ese paseo. Hai moitos obxectos que se sacan en escena. As persoas cegas e xordo-cegas cando escoiten na audiodescrición ‘Ángela saca do bolso unha boneca’ xa terán tocada a boneca. A xente que veu díxonos que é unha información moi positiva que fai máis plena a experiencia de ir ao teatro», detalla De Lorenzo.

Unha actriz xorda no elenco

O elenco complétano as actrices Ángela Ibáñez e Chusa Pérez de Vallejo. «Ángela é unha actriz xorda e en todo o espectáculo se comunica coa lingua de signos. Chusa é intérprete en lingua de signos e utiliza as dúas linguas; e despois estou eu, unha actriz que aprende a lingua de signos e teño algunha intervención con ela», indica Patricia.

No plano temático, a obra presenta moitas aristas. «Este é un teatro documental sen personaxes. O espectáculo establece un xogo co espectador como un libro de instruccións para ir coñecendo e desmontando quen foi Hellen Keller. Cada unha das tres actrices que actuamos facemos de nós mesmas. Nós estamos ao servizo das instruccións para que o público reproduza a historia desta muller e o que supuxo», sinala De Lorenzo.

A obra de Chévere chega a Vigo.

A obra de Chévere chega a Vigo. / Chévere

Hellen Keller, unha pioneira mundial

Recoñece que en Galicia e España é unha persoa «bastante descoñecida» pero non así en América xa que foi a primeira muller xordo-cega en conseguir o título universitario en EEUU. «Pareceunos interesante que un símbolo da diversidade funcional tivera unha parte oculta co seu compromiso político», engade.

No inicio da vida adulta, chamábana a muller marabilla polos seus logros pero «a partir de que ela fai unha reflexión sobre a intervención dos Estados Unidos na I Guerra Mundial e a relacionarse con persoas comunistas é apartada. Nós queremos falar dende o presente desa figura», conclúe Patricia. A obra de Chévere está coproducida polo Centro Dramático Nacional e o Teatro Lliure.

Tracking Pixel Contents