Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O EmigraSon comeza a súa terceira edición con gaitas no Parlamento Europeo, foliada e 'sold out'

O festival para a comunidade galega en Bruxelas esgotou as 1.200 entradas para a sala La Madeleine

O cartel conta con Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, De Ninghures e Terbutalina no seu derradeiro concerto

Delegación cultural, política e social do Emigrason no Parlamento Europeo

Delegación cultural, política e social do Emigrason no Parlamento Europeo / V. Currás

Víctor P. Currás

Víctor P. Currás

Bruselas

Unha vitoria sen aínda saír a xogar o partido. O Festival EmigraSon colgou o cartel de “non hai billetes” antes de comezar a súa terceira edición, que terá lugar esta fin de semana en Bruxelas. O evento organizado pola comunidade galega na capital belga supera así as expectativas máis optimistas ao esgotar as 1.200 entradas dispoñibles para a sala La Madeleine. Esta cifra supón multiplicar por tres a acadada hai doce meses en La Tricoterie e un milleiro máis que no debut no 2023 en Embassy.

Deste xeito combínanse o éxito e ruxe-ruxe dos anos anteriores cun cartel de primeira liña. As viguesas Fillas de Cassandra recuncarán no evento da man de Tanxugueiras e De Ninghures, completando os concertos deste sábado o derradeiro da carreira de Terbutalina. O grupo de Esteiro despídese despois de 15 anos nos escenario, lanzando o pasado mes o tema “Bicos” a modo de agradecemento.

Porén, a gran festa da cultura galega para os emigrados comezará este venres. Pola noite terá lugar a xa tradicional foliada de benvida no Centre Culturel d’Uccle, nunha das comunas da capital belga. Desta vez a música chegará da man da formación de fillos de emigrantes Lume de Biqueira e un clásico das verbenas galegas como a Duendeneta. As preto de 400 entradas para este primeiro acto tamén se esgotaron en cuestión de días.

Antes, a ampla expedición de artistas de divulgadores galegos comezou a xornada cun pasarúas e gaitas a cargo de Lume de Biqueira cara o Parlamento Europeo. Alí foron recibidos polos tres deputados do país: Nicolás González Casares (PSdeG), Ana Miranda (BNG) e Francisco Millán-Mon (PPdG), que se sumou este ano aos seus compañeiros de hemiciclo.

No edificio coñeceron da man dos seus traballadores o funcionamento da política comunitaria, as comisións e o seu impacto no seu día a día en sectores como pesca, axuda humanitaria, industria ou tecnoloxía. Completou a excursión matinal unha visita na Casa da Historia Europea e unhas horas de lecer para facer turismo.

Sobre o festival

O festival vendeu entradas para asistentes de máis de 15 países tendo en conta aos que viaxarán dende a península Ibérica, o centos de galegos presentes en Bruxelas, os emigrados polo resto do continente ou os traballadores das institucións comunitarias que teñen curiosidade pola iniciativa.

«É a punta de lanza de moitas outras cousas», sinala o organizador Karan Novo. Porque se a música pode triunfar e facer lobby na capital comunitaria, tamén poderían abrirse paso outros sectores económicos e culturais do país como a gastronomía, a arte ou a pesca. En definitiva, «crear unha rede» como a que propiciou o nacemento desta cita.

No núcleo duro continúa o sector vigués formado por Novo, Gara López, Ángel Estévez e Miguel González, así como os pontevedreses María Dios Mateo González, a baionesa Claudia Pablosa estradense Cristina Amosa ou o santiagués Alejandro Gesto. O programa aínda non está pechado por completo, polo que non descartan sorpresas nalgunha nova confirmación ou actividade.

O pasado ano contaron con recitais poéticos no Instituto Cervantes, foliadas populares de Alumea no Centro García Lorca —onde soaron tamén Oliveira dos Cen anos ou a canción de Dragon Ball Z no pasamento de Akira Toriyama— e outros paseos polo casco histórico belga.

Tracking Pixel Contents