Entrevista | Gisele Mato Poeta e psicóloga

«Nesta sociedade, descansar parece un pecado mortal»

Con «fraxilidades», gañou o Pérez Parallé de poesía. «Habitar as fendas» fíxose co Manuel Lueiro Rey o pasado ano. Nel, o sufrimento é o epicentro e como a parella ou a sociedade se afastan sen acompañar.

Gisele Mato, gañadora do XII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey 2024.

Gisele Mato, gañadora do XII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey 2024. / Distrito Xermar

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

-«Habitar as fendas» (Xerais) parte dun episodio autobiográfico ou é autoficción?

-Ningunha das dúas. É unha reflexión que fago sobre cousas que pasan, sobre a forma na que se manifesta o sufrimento e sobre o tabú que rodea o que nos fai sentir mal. Falo de problemas psicolóxicos graves e como repercute na subxectividade. Tamén como se manifesta no xénero, como se supón que as mulleres deben afrontar o sufrimento sorrindo.

-As partes do poemario parecen as fases do dó pero sen ver a recuperación final.

-Ten que ver con iso. Mestúranse varias dós diferentes. Ao longo da nosa existencia enfrontamos o dó das nosas expectativas, do que queriamos ser e ata onde chegamos. Tamén ten que ver co dó polas persoas que vas perdendo. Na segunda parte, introduzo o dó migratorio e esa é a parte máis autobiográfica pola dor de deixar o teu país, a túa lingua moitas veces e os teus códigos de referencia para meterte noutro sitio. Cando regresas, tes que facer novamente o dó. Isto xenera dor nas poboacións que emigran e acaba permeando as sociedades.

-Lemos versos como «deveño así precipicio» ou «o abandono mesmo de si».

-Cando intentas superar os sufrimentos, chega un momento no que a persoa ten un límite. As persoas que sofren relatan que non se senten comprendidas e que están soas, pero ademais abandónaste a ti mesma. Xa non coidas do teu corpo, do teu tempo. Ademais, nesta sociedade hiperprodutiva descansar parece o pecado mortal de antes. Non podes parar; tes que seguir sendo produtiva, conectada a todo o que pasa. Deterse é un síntoma de debilidade e fraxilidade.

-Escribe «liberácheste das áncoras da monogamia». Reflexión sobre o engano na parella?

-Para nada o plantexamento vai por aí. Non é unha parella que rompe senón como o sufrimento individual por perder un fillo ou unha nai impacta na parella. O libro vai de como os demais interactúan coa persoa que está sufrindo. Eu quería explorar todas as aristas do silencio cando te proxete a ti, cando protexe o outro ou cando é violencia pasiva contra outro. Utilizo a parella como metáfora.

-O suicidio tamén o presenta.

-Moitas veces o sufrimento acaba nunha saída drástica porque a persoa non atopa saída ao fallarlle a rede de apoio e os afectos. Quería falar das autolesións e o suicidio como vía posible que as persoas confrontan. Temos que falar máis disto. As taxas de suicidio en Galicia son alarmantes. Os demais fallámoslle polo tabú ou pola falta de coñecemento. Hai tendencia a deixar soa a unha persoa cando necesita estar acompañada. Iso non significa que a aconsellemos, que lle digamos que ten que sorrir, levantar o ánimo. Simplemente, precisa que esteamos alí, presentes, que acompañemos.

-A situación é moi grave.

-Si, hai un aumento das autolesións e vese nas consultas. Non sei se é porque está de moda ou porque é unha procura dunha saída na adolescencia.

-Escribe: «Unha lingua na que se ama e se escribe non pode morrer». Oxalá.

-É certo que as institucións non nos están acompañando neste momento pero todo é cíclico. Cada un de nós é responsable de levar a lingua a cada sitio. Non podemos esperar a que papá-Xunta veña salvarnos.

Tracking Pixel Contents