Pablo Iglesias: «Miña nai sempre dicía que o nazismo seguía entre nós»
O fillo da política republicana Mercedes Núñez, represaliada polos réximes franquista e nazi, presentou no Club FARO un libro adicado a súa nai, do que e coautor con Carme Vidal e Belén Diz

De esquerda a dereita, Carme Vidal, Eva Mejuto, Pablo Iglesias e Belén Diz. / José Lores
A vontade de que a memoria histórica chegue ao lector en xeral pero especialmente aos máis novos é un dos obxectivos da colección Pequena Memoria da editorial Xerais, cuxo terceiro título, ‘O triángulo vermello’ presentouse onte do Club FARO. Trátase dun relato ilustrado sobre a política republicana Mercedes Núñez, narrado literariamente dende o punto de vista dun neno, o seu fillo Pablo Iglesias, coautor da obra xunto coa xornalista Carme Vidal e a debuxante Belén Diz. Os tres estiveron no acto celebrado na sala de conferencias do museo MARCO, presentado pola escritora e xestora cultural Eva Mejuto.
Carme Vidal, a primeira en intervir, subliñou que adicar esa obra a Mercedes Núñez Targa é «un acto de xustiza cunha pioneira na recuperación histórica e unha grande memorialista». A xornalista referiuse aos dous grandes episodios de «represión brutal» que viviu esta muller, primeiro na cárcere madrileña de Las Ventas e logo no campo de concentración de Ravensbrück, nomeado «o inferno das mulleres».
Citando unha frase que lle dixeron as presas de As Ventas a esta activista e militante comunista de procedencia burguesa, nacida en Barcelona e filla de de un xoieiro de Bergondo- «Explica aos da rúa o que viches aquí» – e outra de Antonio Tabuchi – «A historia da datos, mais a literatura e a arte ofrecen a verdadeira dimensión da traxedia»–, Carme Vidal destacou a última etapa na vida de Mercedes Núñez , cando regresou a Galicia dende París, onde estivo exiliada ( morreu en Vigo en 1986) e adicouse a realizar tarefas de recompilación de galegos en campos de concentración nazis e a denunciar o que ela viviu e veu.
Relatou a xornalista como coñeceu a Pablo Iglesias Núñez, hai 25 anos en Vigo cando ela traballaba para o xornal A Nosa Terra, e como lle sorprendeu ver tiña custodiada toda a documentación da súa nai nun baúl entre o que se atopa o triángulo vermello co que a identificaban como presa política no campo de concentración nazi.
Resumiu en varios puntos que se conta en ‘Triangulo vermello’: a necesidade de recuperar a memoria das mulleres, achegas á represión do franquismo e nazi en espazos cerrados, a solidariedade entre mulleres nas situación máis duras, a defensa da verdade, a xustiza e a memoria (a declaración de de Mercedes Núñez no xuízo contra os nazis serviu para condenar aos seus represores), o convite a saber, a preguntar e a descubrir historias próximas (o protagonista é un neno que fai preguntas), e as achegas ás súas obras (´Cárcere de Ventas’ e ‘Destinada a crematorio’).
Pablo Iglesias Núñez, fillo de Mercedes e coautor do libro, comezou a súa intervención comentando que «os dereitos de autor desa obra van destinados a nenos e nenas palestinos vítimas do xenocidio en Gaza» e amosou unha kufilyya palestina da súa nai que lle regalara una muller palestina que entrevistou en París.
Indicou que o campo de concentración de Ravensbrück, a oitenta quilómetros ao norte de Berlín, tivo 123.000 mulleres presas de 23 nacionalidades, (200 españolas), das que noventa mil morreron alí. Leu algúns relatos da súa nai sobre unha xornada normal nese inferno: «Nos levantaban a hacer apel, posición en firme de una hora sin poder movernos, luego doce horas de trabajo, la comida era escasa, sopa y un pedazo de pan, y por la noche otra vez el apel y otro más de castigo: tres horas o más, hasta doce, a veces bajo la nieve a menos 20 grados; si se caía una compañera no la podías coger porque te daban unha paliza».
Cando se produciu a liberación dese campo de concentración, Mercedes Núñez Targa non estaba nel porque fora trasladada a un comando satélite onde traballaban seis mil mulleres, oito españolas, fabricando obuses para a guerra. Ese espazo foi evacuado o 12 de abril de 1945 quedando só as enfermas que non podían camiñar, unha de elas Mercedes, e dúas doutoras soviéticas que querían axudalas a morrer. «Miña nai tiña escarlatina e tuberculose, unhas compañeiras fixéronlle unha bandeira republicana para que quedara con ela, saíra ou non; esa bandeira é unha das poucas cousas que ela recordaba do día da súa liberación o 14 abril», dixo Iglesias.
«Os fillos e fillas de represaliados temos culpa da mala transmisión da memoria histórica», reflexionou Iglesias. «Sinto vergoña que haxa ensinantes prexubilados que saiban desa época por novelas de Almudena Grandes, que lle ensinaran aos seus alumnos?», considerou. «Preocúpame a normalización do franquismo nas redes sociais, como se demoniza o ser diferente; falamos outra vez e campos de concentración, de Guantánamo e de xenocidio en Palestina» , continuou. «Miña nai dicía sempre que o nazismo seguía aí, entre nós; e o dicía nos anos 70 cando vía as pintadas en Cataluña que puñan ‘Charnegos, fora’», comentou no coloquio en resposta a un comentario dun asistente.
Pola súa banda, a ilustradora Belén Diz, comentou que o seu traballo nos debuxos, feitos a man con bolígrafo, consistiu en facer algo artístico pero tendo en conta a temática. «Tentei buscar equilibro entre as imaxes reais e outras máis simbólicas, que según vai avanzando o libro son máis metafóricas». Ramas, árbores, sombras e mesmo a cor (vermella) «falan de Mercedes e doutras miles de mulleres que non tiveron oportunidade de contar a súa historia». «As ramas da árbores que aínda secas se entrelazan entre elas son como esas mulleres», explicou.
- Niño Becerra enciende las alarmas: «Si vamos a peor, en verano podemos llegar a una situación Covid de paralización de la economía mundial»
- Carmen quedó parapléjica en el hospital de Ourense a los dos días de una cirugía de rodilla: «No quiero vivir así»
- Luis Zahera defrauda en A Sementeira de Corzáns
- Parte de la millonaria indemnización por la caída de una losa salió del bolsillo de los dueños del edificio
- La UCO escuchó al patrón de Villacarrillo 'recreando' el momento en que mató al temporero: 'Ven, que no te vas a enterar. Id preparando los curas
- Expulsan de un colegio de Vigo a un niño de Infantil por su agresividad
- La justicia archiva la denuncia por el caso del perro arrastrado por el Corredor do Morrazo
- Las «burras» se estrenan en redes