Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Unha barricada para a foliada galega

A historiadora e etnomusicóloga Xulia Feixoo e a tamén etnomusicóloga e antropóloga Beatriz Busto veñen de presentar as súas alegacións á declaración do baile e a música tradicionais galegas como Ben de Interese Cultural (BIC). Animan ao mundo do tradicional a opinar antes do 26 de febreiro.

Foliada no Obradoiro polas Festas do Apóstolo. |  Antonio Hernández

Foliada no Obradoiro polas Festas do Apóstolo. | Antonio Hernández

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura iniciou semanas atrás o procedemento para declarar ben de interese cultural e como patrimonio inmaterial a música e o baile tradicionais de Galicia. É un novo intento despois de que iniciativas anteriores fracasaran.

O texto xa conta coas alegacións de dúas eminencias no eido do estudo da música e baile tradicionais: Xulia Feixoo e Beatriz Busto, que forman parte da iniciativa Arredor da Tradición, con canle no Instagram. Nas súas alegacións, presentan unha ducia de observacións. Ceden o seu texto para que outras persoas ou colectivos presenten cadansúa alegación. «Na anterior incoación presentáronse máis de 80 alegacións. Non sei cantas fará falta agora para que a Xunta pare o proceso», sinala Xulia Feixoo. Seleccionamos algunhas para entender a súa postura.

Foliada, si; música e baile tradicionais galegos, non. Antes de botarse as mans a cabeza, hai que ler con temperanza. As persoas alegantes buscan que o procedemento sea aprobado en Galicia pero que tamén triunfe ante a Unesco como patrimonio inmaterial da humanidade. E para conseguilo, consideran que sería máis acertado incoar un procedemento en favor da foliada. Nas alegacións, din que Patrimonio Cultural encargou un informe sobre o valor cultural da foliada como manifestación sobranceira do patrimonio cultural inmaterial.

Porén, o expediente final propón que «o ben susceptible de ser patrimonializado» sexa a música e o baile tradicional e non a foliada como elas agardaban. «O cambio de obxecto non se xustifica de ningún modo», denuncian. Inda así, sinalan que aceptarían a música e baile como obxecto pero, para iso, habería que reescribir o expediente dende cero outra vez tendo en conta o criterio de especialistas en PCI, Patrimonio Cultural Inmaterial.

Non respeta os principios éticos de salvagarda. Xulia Feixoo e Beatriz Busto lamentan que «o procedemento non respecta os Principios éticos para a salvagarda do PCI aprobados pola Convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) en 2015». Logo, que vulnera? Para as expertas, conculca catro aspectos. Indican que a Unesco sinala que debe haber transparencia na colaboración, diálogo, negociación e consultas e tampouco oubo consentimento libre, previo, continuo e informado. Tamén se debe respectear a diversidade cultural e as identidades e debe prestarse especial atención «á igualdade de xénero, á participación da xuventude e ao respecto polas identidades étnicas». Para elas, estes principios, non quedan recollidos no texto da Xunta.

MOSTRA DE BAILE DE A CARBALLEIRA DE CERCIO E ENTREGA DE PREMIOS A LUCHI, CARMEN LAREO E INMA GALEGO

As expertas consideran que a vestimenta folclórica é unha «creación burguesa / FDV_Externas

«Incoherencias»

A música nun segundo plano. O expediente sinala que o baile e a música tradicionais galegos son inseparables. As alegación apuntan: «Numerosas manifestacións musicais tradicionais non serven de soporte para a práctica de ningún tipo de danza: alboradas e pasarrúas, marchas procesionais, alzamentos, cantos de Nadal e Reis, alalás, romances, regueifas e outras formas de improvisación cantada». Para elas, este erro no enfoque é «unha das máis graves incoherencias da proposta de declaración como BIC». Engaden que «a música queda inxustificadamente nun segundo plano, como unha realidade subalterna ao baile».

A voltas cos bailes dos grupos folclóricos. Xulia Feixoo e Beatriz Busto sinalan que o texto presenta «falacias». Unha delas é indicar que a intención dos bailes dos grupos folclóricos é ser unha mostra documental. Elas négano: «Tales espectáculos (...) non son ‘reconstrucións’ do pasado, senón reinterpretacións que responden a un determinado gusto e a unhas determinadas ideoloxías». Engaden que a vestimenta folclórica é unha «creación burguesa (...) a partir da estilización da suposta forma de vestir diferencial dun determinado pobo». Sinalan que «cada vez máis voces critican a súa tendencia ao elitismo, á fosilización da música e o baile e á promoción de roles de xénero sexistas».

Falta de ambición nas medidas de salvagarda. As expertas alegantes coinciden en que varias das medidas de salvagarda propostas no expediente son adecuadas pero non teñen ningún compromiso real e alertan de que hai que ter coidado coa «mercantilización, a apropiación indebida, a turistificación e a fosilización do patrimonio».

Tracking Pixel Contents