Xesús Alonso Montero: «O lume do comunismo nunca se apagará»
O académico e escritor recoñeceu no Club FARO que «somos soldados derrotados dun exército dunha causa invencible»
Considera que se vence o capitalismo de Trump acabará co planeta

Olivia Rodríguez, Alonso Montero e Carmen Blanco. / Alba Villar

O académico e investigador Xesús Alonso Montero cumplirá dentro de tres anos o seu centenario e segue a marabillarnos coa súa memoria, o seu saber e o seu discurso. Un libro fíxase na súa oratoria, «Palabras para o noso tempo» (Editora Alvarellos). Presentouno onte no Club FARO. Alí sinalou: «O lume do comunismo nunca se apagará. Sei que os comunistas, aínda son militante do Partido Comunista xa que cotizo cada tres meses, dende hai moito tempo imos de derrota en derrota. Somos soldados derrotados dun exército dunha causa invencible. Se non vence o comunismo e vence o capitalismo, especialmente despois de Trump, o mundo será unha miseria. O capitalismo de Trump non só vai contra os pobres; é planeticida».
O escritor, que tivo momentos de humor como cando indicou que «de maior gustaríame ser marxista e comunista polo ben para todos» recoñeceu porén que «na biografía da URSS, Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas, hai momentos que ás veces arrepían». Aínda así, sinalou que «no 1917 –o ano da Revolución rusa que derrocou o zar para erguer a república dos soviets– sonou unha voz na música do mundo que nunca antes sonara».
Alonso Montero pronunciou estas consideracións no auditorio do museo MARCO de Vigo, que na época franquista foi cárcere. Ao respecto, sinalou que «é un edificio con moita significación. Hoxe é un centro de cultura felizmente pero foi moi distinto antes de 1936 pero tamén despois desa data. Aquí houbo moitos presos de diversa índole».
O académico aproveitou para demandar que «algún día terá que haber aquí unha placa con letras de ouro que recorde que antes de ser un centro de cultura foi un cárcere. A ver se algún día desaparecen os centros carcelarios».
Tamén tivo palabras para a súa biografía familiar ao lembrar que, entre os presos que houbo no cárcere de Príncipe «un home ao que lle debo moito e que era de dereitas porque viña dunha aldea , dunha familia moi tradicional. Estaba no humus antropolóxico de misa e clero. Chamábase Benito Alonso e era meu pai».
O libro recolle 14 discursos orais de Alonso Montero ao longo dos últimos anos. O fin é amosar a calidade oratoria do autor en cada un deles e como se adapta ao público
No Club FARO, Alonso non estivo só. Acompañárono Carmen Blanco e Olivia Rodríguez. A primeira foi a encargada de realizar o rexistro así como as transcricións dos. Decidiu facelo a raíz de coincidir nun cabodano-homenaxe a Díaz Pardo co pintor Antón Pulido quen lle suxeriu a idea.
Para Carmen Blanco, «Alonso Montero é un mestre da arte da oratoria» ademais dun «referente intelectual e reivindicativo» que ben pode realizar un discurso para a cativada de Primaria sobre a conciencia de clases e sen citar o marxismo, como para presos de A Lama sobre Miguel Hernández, para os amigos nunha taberna no peche dunha comida de lecer ou no plenario polo Día das Letras Galegas.
Ademais de Blanco, tamén falou Olivia Rodríguez quen sinalou que «son 14 discursos bastante representativos» de Montero a quen calificou como «o mestre da argumentación» e un dos mellores oradores do mundo. «Non é fácil atopar bos oradores; ese tipo de ser humanos están desaparecendo», engadiu.
Un paseo polas vidas de Seoane, Del Riego ou Pardo
«Palabras para o noso tempo» é un libro que serve tamén para recorrer episodios da literatura ou da historia galega e dos seus personaxes sobranceiros.
O primeiro discurso de Xesús Alonso Montero que ofrece é un que facilitou nunha xornadas da Universidade Complutense de Madrid onde el estudara. Alí, falou do libro «Galicia hoy», editado por Ruedo Ibérico e impreso en Bos Aires. A obra fora publicada por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane baixo pseudónimos.
Ao tempo que no Club FARO se ían presentando outros discursos destacados que recolle a obra, Alonso Montero sinalaba que botara a conta das alocucións realizadas en Vigo e contabilizaba unhas 5.150. Unha delas que figura no libro versa sobre o Pergamiño Vindel; noutro lembra a Rosalía de Castro, porén o académico destacou que gardaba unha «lembranza moi gratificante» das veces que acudira aos cárceres a dar clase ou prounciar unha conferencia.Un deses encontros tamén se recolle no volume da editorial Alvarellos.
Alonso recordou como no cárcere de Teixeiro coincidiu con presas de ETA; mentres que do penal de A Lama lembrou falar de Miguel Hernández e conectar cun mozo de orixe marroquí que aprendera a falar galego e que lle entregara uns poemas no idioma de noso que Alonso Montero aínda garda.
Montero recomendou ler sobre todo o último discurso, o que fixera para o Día das Letras Galegas dedicado a Fernández del Riesgo. Nel, falara do encontro deste con Seoane cando o pintor e a súa dona fixeran escala no porto de Vigo tras unha viaxe por Europa. Os exiliados só tiveran permiso para baixar do barco durante tres horas nas que conversaron con varios amigos.
- Alfonso Rueda responde a las quejas de Jorge Cadaval sobre las lluvias en Andalucía y su referencia a Galicia: «Es lo que hay»
- La Fiscalía cree tener la prueba para hacer tambalear la instrucción de Hurtado
- El restaurante de Vigo con «carne ilimitada por 17, 90 euros» en el que no pagarás el día de tu cumpleaños
- Ya es oficial: te puedes jubilar a los 63 años si cumples este requisito
- El Supremo inadmite los recursos de la Xunta y empresas a favor de dos parques eólicos y valida la paralización del TSXG
- Rescatados los 19 tripulantes de un pesquero gallego hundido tras un incendio en el Pacífico
- Indemnizan con 4.000 euros a una pasajera que se cayó al bajar del autobús urbano en Vigo
- Muere Xurxo Bouzo, exfutbolista del Ourense