Ledicia Costas: «Os rapaces len, as pantallas non son inimigas do papel»

A viguesa adiantou que está traballando nunha nova novela adulta con temática de terror

Como escritora cre importante quitarse importancia á hora de afrontar as críticas

Ledicia Costas conversa con Alba Chao, xornalista e responsable da edición dixital. / Pablo H. Gamarra

Pedro Fernández

Vigo

Ledicia Costas é unha escritora sen a que non se entende a literatura infantil e xuvenil galega. Dende hai xa 25 anos, esta viguesa inventa historias como forma de vida e, de paso, logra afeccionar á lectura a nenos, mozos e incluso adultos, xa que desde o 2019 tamén é unha habitual para eles. En gran parte da súa obra pode dilucidarse que é unha afeccionada da fantasía escura, unha reivindicadora dos raros e dos espazos de néboa baixa. Pero, que máis é Ledicia Costas? Como é o seu proceso creativo? Que novidades ten gardadas?

Onte os subscritores de FARO puideron saciar a súa curiosidade no encontro que tiveron coa escritora nas instalacións do diario. A xornalista e responsable da edición dixital, Alba Chao, fiou a cita para que a viguesa fose facendo confesións.

O encontro prodúcese nunha etapa de encerro de Ledicia, que está inmersa na produción dunha nova novela adulta que entregará proximamente. Para abrir boca comentou que será unha historia de terror. Se con Pel de Cordeiro deu algúns pasos nun universo do que é fiel seguidora, agora está disposta a facelo de cheo: «Pero non para sufrir», concreta.

Leva toda a súa vida sobrevoando este xénero, primeiro para os máis cativos e despois para maiores. Xorde da súa historia persoal. De cativa gozaba buscando libros esotéricos nunha tenda de segunda man e quedaba fascinada cando vía filas de mulleres agardando para ver a unha bruxa (unha sorte de psicóloga da época). Tal é a súa inquietude que os demais o perciben, pois contou unha ocasión na que un neno preguntoulle se realmente estaba viva, coma sempre fala doutros mundos.

O proceso

O proceso de escritura de Ledicia é, segundo ela, o único no que exerce disciplina. Séntase a traballar tralo almorzo e continúa ata que non pode máis. Con todo, víveo coma algo duro e á vez necesario. «A literatura salva», dixo aos subscritores.

Recoñece que non é das que fan primeiro un mapa, senón que comeza sen saber como vai rematar. Iso fai que pase largos momentos pensando en posibles desenlaces.

Galicia na súa obra

Unha lectora preguntou a Ledicia sobre o peso que tiña Galicia nas súas obras. Ela respondeu que moito, que se pode ser universal dende o local: «Escribo desde un cuarto en Navia. É literatura de raíz. Faríaseme raro non facela desde Galicia porque sempre a teño no foco».

O mesmo lle ocorre coas mulleres: «É de forma deliberada e porque me gusta retratar os temas que me preocupan», engadiu.

A tecnoloxía

A viguesa ten moita experiencia cos nenos polas súas visitas aos colexios e onte indicou ós lectores que a convivencia entre o dixital e o analóxico é posible: «Os rapaces len, fanme recomendacións, as pantallas non son inimigas do papel». Ademais, advertiu que é un mito que os novos lean menos, «habería que ver canto o fan os adultos», cuestionou.

Infamia

Para Costas o paso da literatura infantil e xuvenil á adulta foi algo natural. Con todo, contou que o recibimento da súa primeira novela foi complexo: «Ben recibida polo público, pero mal por outros compañeiros escritores. Insultáronme. Pero hai que quitarse importancia, para non defraudar o importante é ser honesto», reflexionou.

Unha recomendación

Ao ser preguntada, a escritora non perdeu oportunidade de recomendar La mala costumbre de Alana S. Portero.

A mellor información nun só clic

Contido premium, análise, reportaxes en profundidade, opinión acceso preferente a eventos, sorteos, encontros exclusivos... Isto é só unha mostra de todas as vantaxes que supón ser subscritor de FARO DE VIGO. Por menos de 20 céntimos ao día, os nosos lectores terán acceso ilimitado á versión dixital do decano durante os 365 días do ano. Ademais, FARO ofrece outra serie de servizos adicionais, como alertas coas últimas horas a través de WhatsApp e Telegram ou un amplo catálogo de newsletters.

Tracking Pixel Contents