Rotterdam estrea o filme galego rodado durante 15 anos nunha aldea no rural baleiro
O ourensán Iván Castiñeiras gravou a unha familia da raia lusa con Galicia. "Deuses de pedra" xa esgotou as entradas en dous dos tres pases que terá no Festival de Rotterdam. Fala do abandono do rural, a emigración e a ameaza da minería.

A nena Mariana, nunha ofrenda a unha santa da súa aldea / I. C.
Estrear a túa opera prima no International Film Festival de Rotterdam –un dos faros mundiais do cinema diferente – é un soño ao alcance de poucos. O ourensán Iván Castiñeiras conseguiuno cun documental, «Deuses de pedra», que presenta este luns ante o público. Ademais, o realizador de cinema galego conseguiu outro fito sorprendente para alguén coa súa primeira película: esgotou as entradas para dous dos tres pases que terá o seu filme.
O documental foi producido polo marinense Ángel Santos e compite con outras 19 películas na sección Bright Future, de debuts cinematográficos con estilo propio. Entre eles, a longa de Antón Álvarez (C. Tangana) «La guitarra flamenca de Yerai Cortés» que foi presentada en Vigo días atrás. No festival, este ano tamén atopamos a presenza galega de Lois Patiño con "Ariel".
A vida, nunha aldea da raia
«Deuses de pedra» presenta a vida nunha aldea da raia portuguesa con Ourense e segue a evolución dunha familia da zona formada polos pais e os seus catro fillos (tres varóns e unha nena).
O foco da cámara fíxase sobre todo na evolución da rapaza, Mariana Freitas Tavares (dende nena a adolescente que ten que marchar á universidade), e da súa nai, Cinda Freitas, para realizar un documental de autor.

Mariana, de adolescente no filme. / I. C.
Un proceso que empezou no 2008
Confesa Castiñeiras que «non había un propósito inicial de facer un proceso creativo a tan longo prazo. Cada ano que volvía filmar decatábame de que establecía unha intimidade coa xente que se tornou na miña familia. Empecei o proceso no 2008 e a rodar no 2010. No 2020, decateime de que quería acabar a película. A xente que eu seguía estaba pechando un ciclo de vida. A familia que filmaba estaba desestruturándose por distintas razóns. O retrato caleidoscópico do inicio acabou centrándose nas últimas dúas persoas, a nai e a filla».
Un lugar que conecta coa súa infancia
Respecto a elección da zona, explica que é o sur da provincia de Ourense na fronteira con Portugal. «É un lugar co que teño un vínculo familiar; un territorio nos veráns da infancia. O cinema permitiume volver alí e reencontrarme co lugar. O cinema é unha arqueoloxía invertida. Fun descubrindo capas, atopándome con xente e descubrindo historias nun territorio que aparentemente era meu pero que realmente era alleo a min», explica o realizador.
Habita na fronteira, un lugar complexo"
Respecto da familia que imos coñecendo na película esta é «común», describe o director, e está integrada por uns fillos, un pai e unha nai. Esta última é labrega pero tamén coida a maiores. «Ela, engade, habita na fronteira, un lugar complexo porque tes que facer moitos traballos para conseguir un rendemento económico para vivir», sinala Castiñeiras.
A dureza da vida nun lugar sen medios laborais
Nun momento da metraxe, vemos a nai no coche polas estradas a pasar de Portugal a Galicia para coidar anciáns. Á noite fala cos dous fillos que quedan na casa e láiase de que fai cada día máis de 100 quilómetros no automóbil para ir dun lugar a outro.
«É unha zona sen medios laborais suficientes. As infraestruturas van pechando. Os poderes públicos non se interesan nada por que a poboación permaneza no lugar. É un retrato desa zona rural de fronteira e unha repetición do que acontece no rural galego. A xente está abocada a marchar porque non hai oportunidades», critica.

Familia protagonista do documental á que rodou durante 15 anos. / I.C.
Unha película que foxe do canon
En canto á narrativa audiovisual deste documental, Castiñeiras sinala que «foxe do canon mainstream. A montaxe da película ten un efecto funil: comeza de xeito caleidoscópico a moitos personaxes cando amosa distintos arquetipos de xente para coñecer un lugar. Tamén busquei xogar cos tempos para que haxa unha ambigüidade temporal para que ás veces non saibas en que momento se atopa o filme, se nos 80, 90 ou os 2000. Navega entre tempos ata que se quebra e chega a modernidade anunciada por unha traxedia territorial».
A traxedia das minas de litio
O infortunio acontece «do lado portugués. Eses lugares rurais que estaban protexidos van ser transformados en espazos de explotación mineira por causa do litio. O filme mostra a xente nunha asemblea a debater que poden facer ao ver que é un tsunami que se lles cae enriba coa expropiación das terras. Os poucos que quedaron no lugar para vivir da agricultura e dun territorio que aman ven que o Goberno portugués e as políticas europeas fan todo o posible por reabrir ou construír minas en contra do desexo da poboación».

A nena protagonista, de pequeniña na escola unitaria da raia no documental "Deuses de pedra". / I.C.
Galicia podería ter un futuro semellante. A Xunta anunciou hai pouco que sacará a concurso nas vindeiras semanas os dereitos de explotación de 51 minas en desuso. A maiores, unha empresa solicitou unha concesión de explotación para unha mina de litio e feldespatos. Está a explorar o solo de 1.690 hectáreas de Cerdedo, Forcarei, Avión, Beariz e A Lama.
Castiñeiras: «A modernidade lévanos aos centros urbanos irremediablemente»
O director de cinema Iván Castiñeiras engade que ese baleirado afecta a bens inmateriais que se perden como a topografía, unha lingua e os seus acentos máis os vínculos co territorio. «Esa información non se pode transmitir. A modernidade estanos levando a todos os centros urbanos irremediablemente».«Non vexo que o rural galego creza; máis ben é o contrario. Hai xente que compra a segunda vivenda alí para pasar a fin de semana; pero non abren pequenas escolas nin centros de saúde novos nas zonas rurais», reflexiona.
O cineasta aproveita para reflexionar se dende os gobernos das administracións públicas realmente queren resolver este problema do que ás veces só se lembran citalo nas campañas electorais sen que haxa feitos nas políticas.
«A España e a Galicia baleiradas son un feito –responde Iván Castiñeiras– e as provincias de Ourense e Lugo son nas que a poboación decrece cada vez máis. Non hai absolutamente ningunha política que axude a que a xente permaneza no territorio. Non sei por que se fai así, os intereses que teñen os políticos locais en que a poboación diminúa. Eles perden e nós tamén».
Suscríbete para seguir leyendo
- Retenciones en la AP-9: tres heridos, dos de ellos guardias civiles, por un doble accidente a la altura de Peinador
- El conductor que arrolló a dos guardias civiles en Vigo casi triplicó la tasa máxima de alcohol
- La despedida de Ion Aramendi en 'Reacción en cadena': «Gracias por todo»
- Una profesora es expulsada de un instituto de Vigo por acoso al claustro
- El conselleiro de Sanidade defiende atender en casa: «Los mayores manejan la app del Sergas que te cagas»
- El juez del caso Rubiales al abogado de Jenni Hermoso: 'Si sigue así le doy la sentencia para que la ponga ella
- Un amigo de Anabel se sincera acerca de la desconfianza de su entorno sobre David Rodríguez: «Cosas tan horrorosas y feas...»
- Samil contará con un camping para autocaravanas