Mar Caldas converte en arte no CGAC as traballadoras de Bueu e Baixo Miño

Presenta retratos de mulleres inspirados en clásicos da Arte | En varias pezas, lembra o seu avó fusilado polo golpe de Estado do 36 e a dura vida que lle quedou á viúva e aos fillos

Caldas posa ante a colleitera de Tui retratada. |  Xoán Álvarez

Caldas posa ante a colleitera de Tui retratada. | Xoán Álvarez

Mar Mato

Mar Mato

O golpe de estado do 1936 tronzou a familia da artista e profesora da Universidade de Vigo Mar Caldas. O seu avó paterno, sindicalista da UGT, foi fusilado. «Miña avoa tivo que empezar a traballar vendendo peixe na praza e os seus fillos comezaron a traballar moi novos con nove e dez anos», explica. Este capítulo nárrao na exposición «Mulleres, traballo e memoria» que inaugurou onte no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), en Santiago. Na mostra, ademais, busca ennobrecer o labor de mulleres traballadoras –amas de casa e coidadoras incluídas– de Bueu e do Baixo Miño que retratou coa súa cámara de fotos.

Foto de Mar Caldas de produtoras de doces con mirambel no Rosal.  |  Xoán Álvarez

Foto de Mar Caldas de produtoras de doces con mirambel no Rosal. | Xoán Álvarez

Comisariada por Monse Cea, a artista viguesa reflexiona que «le vo dedicándome moito á invisibilidade do traballo das mulleres porque non teñen recoñecemento, máis cando son do rural e desempeñan labores nada valorados como os coidados ou o campo”.

Redeiras de A Guarda. |  Mar Caldas

Redeiras de A Guarda. | Mar Caldas

Os retratos realizados non son instantáneas ao chou senón que presentan unha composición, unha textura e mesmo unha aura propias dun cadro pictórico clásico. Ao respecto, Caldas descobre que “para cada foto tomei como referencia un cadro bastante coñecido da Historia da Arte. Por exemplo, para as redeiras da Guarda, a referencia foi ‘As fiadeiras’ de Velázquez”.

Traballadoras de Bueu. |  Mar C.

Traballadoras de Bueu. | Mar C.

Todas as imaxes as fotografou nos exteriores, sempre vencellados ás mulleres, «porque eu buscaba facer un monumento efémero. Faltan monumentos no espazo público en homenaxe ao traballo das mulleres”, lamenta.

Antes de darlle ao clic, “elixía un cadro da Historia da Arte que se lles adaptara e realizaba un boceto; falaba con elas amosando o que pretendía», sinala.

O primeiro lugar onde comezou a súa xira fotográfica para o proxecto foi Bueu para despois amplialo ao Baixo Miño. De aí que nos atopemos cunha vendedora na praza de Tomiño cunha cesta de verduras e froitas no colo e coa arcada da praza do abastos de fondo. A referencia é un cadro de Caravaggio, “Neno cun cesto de froita”.

As redeiras retratounas na Guarda; mentres que de Bueu vemos un par de mulleres cun mandil azul e un polbo na man; unha cociñeira; unha limpadora cunha mangueira e unhas coidadoras.

Detrás de cada un deses retratos latexa a lembranza da súa avoa e da súa nai traballadoras pero tamén do avó fusilado. Foi en Vigo onde comezou o proxecto de recordar o cabodano do familiar asasinado cunha proxección na Privada Moderna onde tamén retratou a cada membro da familia diante dun pano coa única foto do matrimonio cos fillos naquela altura.

No CGAC, presenta un filme que se pode seguir en cinco proxectores. “En cada monitor, pódese ver un capítulo. Un mural de 17 metros envolve o espazo e nel hai ao redor de cen imaxes que serven para contextualizar o que vai dicindo a película”, detalla Mar Caldas.

A profesora doutora tamén se fixa na relación da súa nai co traballo. “Ela traballaba en Telefónica de onde foi expulsada porque as leis laborais da época indicaban que se te casabas, tiñas que renunciar ao teu traballo. Conto esa historia e relato como era estar empregada nesa compañía; algo que está idealizado inda as telefonistas traballaban nunhas condicións terroríficas”, enfatiza a creadora.

A presenza dunhas colchas e unhas madeixas de lá lembran a súa avoa, quen as ganchilllou tras quedar viúva para xuntar cartos cos que manter a súa familia. Tamén chama a atención a foto de dous impactos de bala nun muro na Porta do Sol de Vigo o día do alzamento. A súa exposición pode visitarse no CGAC ata maio.

Tracking Pixel Contents