Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Emigrason reunirá un milleiro de voces en Bruxelas polo galego

A terceira edición do festival Emigrason contará con Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Terbutalina e De Ninghures no corazón de Europa o 22 de febreiro

Concerto de Lontreira na anterior
edición do EmigraSon. |  P.  Vázquez

Concerto de Lontreira na anterior edición do EmigraSon. | P. Vázquez

Víctor P. Currás

Víctor P. Currás

Vigo

Segue sen haber fronteiras para a música galega. A terceira edición do festival EmigraSon reunirá a máis dun milleiro de persoas no corazón de Europa o próximo 22 de febreiro. O evento organizado por emigrados en Bruxelas continúa a crecer, seguindo así a estela dos grupos nos que serviron como «escusa» para crealo. Desta vez terá ademais a reivindicación do galego, no sentido máis estrito da palabra, como principal obxectivo dentro e fóra do país.

«É a punta de lanza de moitas outras cousas», sinala o organizador Karan Novo. Porque se a música pode triunfar e facer lobby na capital comunitaria, tamén poderían abrirse paso outros sectores económicos e culturais do país como a gastronomía, a arte ou a pesca. En definitiva, «crear unha rede» como a que propiciou o nacemento desta cita.

Para conseguilo a aposta nesta terceira edición foi maiúscula, tanto no económico como no simbólico. Despois das salas Embassy (200 persoas) ou La Tricoterie (400 persoas) trasládanse agora a La Madeleine, cun aforo de 1.200 persoas e na que curiosamente actuará ao día seguinte o tamén galego, o viralísimo Íñigo Quintero.

No musical, un cartaz que faría a competencia ós seus homólogos no infinito verán galego. Fillas de Cassandra recuncará dous anos despois, xa consagradas como un dos nomes propios da escena e con colaboracións coas que fixeron posible esta idea coa súa mensaxe no Benidorm Fest: Tanxugueiras. Aída Tarrío e as xemelgas Olaia e Sabela Maneiro foron as máis reclamadas polo público neste tempo, aínda que dende a organización apostaron por medrar dun xeito orgánico. Xunto a elas debutará o colectivo folk De Ninghures como principal figura emerxente, completando o listado outro grupo lendario como Terbutalina, quen despois de 15 anos de carreira apunta a un concerto histórico para os seus seguidores.

Programación por definir

O que comezou no 2022 como unha idea de varios amigos que sentían envexa por non poder ver os seus grupos tan acotío como lles prestaría vai camiño de ser un dos imprescindibles para calquera axente da escena cultural galega. Nese sentido, o boca a boca e o propio espírito de «campamento» que xorde grazas á convivencia durante estes catro días fixo que case todos os artistas que pasaron teñan esperanzas en repetir: The Rapants (dúas veces), Familia Caamagno, Berto, Filloas no 2023 e Grande Amore, Lontreira, Ataque Escampe e Catuxa Salom hai once meses poden confirmalo.

No núcleo duro continúa o sector vigués formado por Novo, Gara López, Ángel Estévez e Miguel González, así como os pontevedreses María Dios e Mateo González, a baionesa Claudia Pablos, a estradense Cristina Amosa ou o santiagués Alejandro Gesto. O programa aínda non está pechado por completo, polo que non descartan sorpresas nalgunha nova confirmación ou actividade.

Un instante da foliada de Alumea no Centro García Lorca durante o EmigraSON de Bruselas

Un instante da foliada de Alumea no Centro García Lorca durante o EmigraSON de Bruselas / Pablo Vázquez Varela

O pasado ano contaron con recitais poéticos no Instituto Cervantes, foliadas populares de Alumea no Centro García Lorca —onde soaron tamén Oliveira dos Cen anos ou a canción de Dragon Ball Z no pasamento de Akira Toriyama— e outros paseos polo casco histórico belga. O único definido é a visita ao Parlamento Europeo cunha visita guiada cos tres eurodeputados galegos: Nicolás González Casares (PSdG), Ana Miranda (BNG) e Francisco Millán-Mon (PPdG)

O ritmo de venda de entradas é notable, tendo garantida polo de agora a asistencia dun milleiro de persoas entre público, grupos e convidados. Nese enorme coro teñen rexistrados ata 15 países de orixe tendo en conta aos que viaxarán dende a península Ibérica, o centos de galegos presentes en Bruxelas, os emigrados polo resto do continente ou os traballadores das institucións comunitarias que teñen curiosidade pola iniciativa. «Se Irlanda, Italia ou Cataluña poden facer ese soft power, por que nos non?» pregunta Karan Novo. Porque tamén se pode facer país a 1.300 kilómetros da túa casa mentres cantas e bailas cos teus.

Tracking Pixel Contents