Oscar ao mellor paseo sonoro do mundo para un proxecto galego nos Ancares

Nel, participan as viguesas María Lado e Clara Gayo máis a autora teatral de Oia Avelina Pérez | Está disponible gratis en internet

As dramaturgas do paseo sonoro Os Andares son José Díaz, Marcos PTT, María Lado, Clara Gayo, Avelina Pérez e Iria Azevedo.

As dramaturgas do paseo sonoro Os Andares son José Díaz, Marcos PTT, María Lado, Clara Gayo, Avelina Pérez e Iria Azevedo. / Os Andares

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

O mellor paseo sonoro do mundo foi creado e pode realizarse na Galicia, en concreto, nos Ancares. Optaban máis de 70 iniciativas de diferentes países e continentes mais ao fin o proxecto Os Andares fíxose co premio Sound Walk September do ano pasado, considerado o Oscar dos paseos sonoros.

A iniciativa partiu de Fósforo, unha empresa coruñesa, co apoio de Galiza Emocional Colectivo. Elixiu diferentes dramaturgas e unha poeta do país para idear cadansúa peza de audio especial: Iria Azevedo, José Díaz, Marcos PTT, as viguesas Clara Gayo e María Lado máis a autora teatral de Oia Avelina Pérez.

Un dos responsables do proxecto é José Díaz, quen explica en que consiste Os Andares: «É unha serie de audiopaseos; como unha serie de Netflix só que en vez de te sentares no sofá, tes que coller o coche e ir ao lugar do inicio dos capítulos, coller uns cascos e darlle ao play no teléfono ou ordenador para te deixar guiar. Unhas voces vanche dicindo cara onde ir».

Etnografía nunha experiencia especial

Subliña Díaz que «isto é moi experiencial e teatral. Primeiro fixemos un traballo de etnografía nos Ancares entrevistando a moita xente». Despois, nunha residencia de dramaturxia, cada autora preparou unha peza para que intérpretes lle puxeran voz nunha gravación con músicas e sons.

Nevada nos Ancares, en concreto, en Pedrafita do Cebreiro.

Nevada nos Ancares, en concreto, en Pedrafita do Cebreiro. / EFe

O resultado atópase en osandares.com onde podemos acceder a el de xeito gratuito. En cada roteiro, preséntannos a autora cunhas liñas introdutorias da proposta para despois ofrecer os audios en castelán, galego e inglés;e as coordenadas desde as que debemos iniciar a noso particular recorrido.

Varios premios para esta iniciativa

Díaz resalta que queriamos «dotar de emoción o territorio». Para el, o premio «é un pulo. É moi importante o recoñecemento internacional. O xurado destacou a calidade técnica, literaria e a idea de coidado do territorio e da terra. Non quixemos ir de urbanitas colonizadores senón facer rama, como din nos Ancares, estando coa xente varias semanas».

Lembra que hai dous meses «incluíron Os Andares como un dos dez casos inspiradores en España para proxectos dos obxectivos do desenvolvemento sostible que fai a rede española que depende da ONU».

Os andares é un proxecto de paseo sonoro que vén de levar un premio internacional.

Os andares é un proxecto de paseo sonoro que vén de levar un premio internacional. / Os Andares

Seis viaxes sonoras polos Ancares

As viaxes sonoras son seis. Unha é por Proba de Navia en Navia de Suarna e o texto é unha creación de Iria Azevedo. A duración é de 47 minutos nos que escoitamos as persoas que habitan o lugar para coñecer vivencias. O comezo é nunha ponte medieval onde seguimos a Navia, a deusa dos ríos e barqueira das almas ao Alén.

A visita dun dos pais fundadores de EEUU a Galicia

A segunda lévanos a Penarrubia, Baralla, e asínaa Clara Gayo. Abre o relato John Adams, pai fundador dos Estados Unidos e segundo presidente do mesmo, que fixo o Camiño de Santiago á inversa dende Ferrol ata Burgos e logo a París no ano 1779, cando o barco no que pensaba chegar á capital gala se avariou e parou nun astaleiro ferrolán.

Visita ao estanco máis antigo de España

Con John Adams, imos coñecendo a aldea de Penarrubia e detalles como que acolle o estanco máis antigo do Estado español, a Taberna do Val, xa aberta no 1779.

A terceira é obra de Marcos PTT (ideólogo da iniciativa) e ofrece un percorrido pola aldea de Torés no municipio de As Nogais. Esta proposta é máis futurista pero con áncora no pasado. Nela, alguén esperta no audio. É Marcos, un sistema de recordos psicoxeográfico, unha cápsula do tempo que toma o noso corpo para pasear. Con él e os recordos de veciños, revivimos o momento dunha exhumación a carón dunha igrexa da aldea no 2016 onde soterraron a Pelegrín, un veciño asasinado por falanxistas e gardas civís tralo golpe do 1936 de Franco e outros militares. Coñecemos parte da súa historia no roteiro.

José Díaz, de Fósforo, outro dos ideólogos do proxecto.

José Díaz, de Fósforo, outro dos ideólogos do proxecto. / Os Andares

Outra posibilidade é visitar Cervantes dende a perspectiva de José Díaz que parte dun castro que a piques estivo de quedar baixo o asfalto. Con Avelina Pérez, damos un chimpo ata Becerreá.

Paseo ata unha lagoa de orixe glaciar con milleiros de anos

A última posibilidade é levar os pés a Pedrafita do Cebreiro con María Lado a través de pastos de vacas e montes. A poeta elixiu ir monte adentro ata o Pozo do Lago maior, unha lagoa de orixe glaciar formada hai milleiros de anos.

«É unha viaxe no tempo pero tamén é un camiñar cara o teu interior» para observar a natureza que rodea pero tamén a que levamos «dentro agochada como un animal», sinala.

Por último, Díaz resalta que este proxecto se levou a cabo coas axudas da Xunta de Territorio Cultura cos fondos Next Generation da UE.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents