Entrevista | Carlos Callón Profesor e activista
«O santoral LGBT galego é sorprendente»
«Vían como milagre que desenvolvesen a vida como homes sendo mulleres»

Carlos Callón, onte en Compostela. / Xoán Álvarez
«Carlos Callón ao paredón» foi unha das frases que apareceron nos últimos días contra o mestre galego nas redes sociais, ademais de insultos polo seu último libro, «Vidas e historias LGBT da Idade Media» (Xerais). Hoxe, chega ás librarías. Nel, fala de cantigas con protagonistas homosexuais e de santos trans.
—De verdade deberiamos chamarlle Santo Uxío en lugar de Santa Uxía?
Si. Parto de documentos medievais que narran a súa historia, que é moi parecida a de Marinha-Marinho ou Eufrosina e Esmaragdo. Naceron anatomicamente como mulleres e deciden meterse nun convento debido a que non queren o casamento que lle propoñen e foxen a un convento de homes. Identifícanse como varóns e desenvolven o seu labor milagreiro como homes. No caso de Uxío, é denunciado por abuso sexual contra unha muller. El di que é mentira e ensina os seus peitos. Falamos de historias que circulaban sobre estes santos na Idade Media e Moderna só que na contemporánea a Igrexa ocultou estas historias. Eu parto de documentos galego-portugueses medievais.
—No século XX eses santos trans quitáronnos do santoral oficial.
Exacto. Permiten o seu culto onde hai tradición popular. Pasa con Santa Liberata en Baiona; con Santa Comba, Santo Amaro, Santa Trega... O santoral LGBT galego é sorprendente. Existe un novo modelo de sexualidade na idade contemporánea que fai reler o pasado estendendo un manto de puritanismo sobre épocas históricas.
—Pero nos textos sagrados envólvese todo como un milagre.
Si, acóllese como feito milagreiro que desenvolvesen a súa vida como homes sendo mulleres. Hai un elemento de misoxinia nos relatos porque din que só como homes lograrían facer o que fixeron.
—Porén algunhas historiadoras e Contra el borrado de mujeres indican que ao afirmar que son santos trans bórrase que eran mulleres, que no pasado houbo exemplos de mulleres que se vestían de homes para facer o que querían, para realizarse, seren libres... sen sentirse homes.
Ollo, lembremos que hai moitas santas que entraron en conventos femininos, non masculinos. Os relatos demostran que a opción trans foi unha escolla. A quen non o ve así dígolle que non valen os prexuízos. Hai moita xente que opinou nas redes sen ler o libro, sen ler os documentos. Eses santos adoptaron unha identidade masculina para se recluíren e ter unha vida de illamento como Santo Esmaragdo que vivía na súa cela aceptando visitas moi puntuais.
—Estudou 87 cantigas medievais galaico-lusas. Delas, 75 falan de relacións entre varóns; e 11 de vencellos afectivos entre mulleres. Impactan estas cifras.
Comecei a investigar hai 25 anos, sorprendinme por atopar textos que non esperaba. Non debemos ver as cantigas como un fósil do pasado; ao falar delas falamos do noso presente e do futuro.
—Ata agora aprendemos que hai cantigas de amor, de amigo e de escarnio ou mal dizer. Habería que abrir unha cuarta proposta para as cantigas de amiga?
Cando menos hai un texto que nos rompe o esquema tradicional no que unha muller canta a outra. Sorprende ver como nos dous manuscritos onde a atopamos, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional e o da Vaticana onde aparece copiada, aparece cos pronomes dunha muller pero os editores contemporáneos decidiron cambiar un «a» por un «o». Esa canción é un exemplo dunha enunciación amatoria lésbica. O noso trobadorismo é un tesouro con dimensión mundial e non somos conscientes. A lingua da ría de Vigo voou polas cortes medievais da península e Europa. É incrible. Conservamos a punta do iceberg, houbo moitos máis textos que os que conservamos. Esta cantiga de amor entre mulleres non está soa, hai outra en provenzal e poemas en alemán.
—Por que houbo estudiosos que cambiaron ou mudan os textos?
O que acontece é que hai moita xente que non está disposta a asumir que a diversidade afectiva e sexual existe. Acontece con Shakespeare. Hai xente no século XXI que modifica os seus poemas para que onde aparece un amor dirixido a un home se traduza como amigo, amizade. As persoas néganse a recoñecer esa faceta da humanidade. A humanidade non é un monolitismo heterosexual senón diversa. As fontes LGBT foron sistematicamente adulteradas.
—Como vive ler «Carlos Callón ao paredón», unha frase que destinaban os acólitos de ETA a posibles vítimas?
Preocúpame o mundo no que estamos no que se abren os camiños ás mensaxes máis terribles de odio. Non quero que iso gañe. Ten que servir de gasolina para continuar con máis forza, de feito, a presentación primeira do libro vai ser o día 23 na libraría Couceiro de Santiago. Unha sociedade avanza con cultura e debate, non con ameazas e censuras.
Suscríbete para seguir leyendo
- El juez instructor del caso Asunta reacciona a la novela de Alfonso Basterra: 'Es muy triste que haya usado a su hija
- La segunda salida de tono del conselleiro de Sanidade: cuestiona la importancia que se le da a la salud
- ¿Tienes mascotas en casa? Así podrás deducirte sus gastos de la declaración de la renta
- Un popular tiktoker catalán se rinde ante la afición del Celta: «Cada vez que vengo a Vigo...»
- El vigués que triunfó en el QIR: «Estudiaba de lunes a sábado y, el último mes, sin descanso»
- Detenido un hombre en Vigo tras desaparecer cuatro días con su bebé y agredir a su pareja
- La pareja de Feijóo pide una concesión hasta 2037 del acceso desde su casa a la playa de O Con
- La madre de Anabel Pantoja «no quiere saber nada» de David Rodríguez: «Se ha enterado de que en la declaración...»