Polémica por un novo libro galego LGBT que aínda non chegou ás librarías

A asociación de escritores galegos estuda denunciar as ameazas sufridas por Callón | Asegura que o profesor é vítima de duros «ataques» polo seu novo libro sobre santos trans ou homosexuais no medievo | A obra sae do prelo o 16

CARLOS CALLON, na Coruña.

CARLOS CALLON, na Coruña. / Victor Echave

Mar Mato

Mar Mato

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) estuda tomar accións legais contra os internautas que nas redes sociais ameazaron o profesor e investigador Carlos Callón nos últimos días polo seu novo ensaio «Vidas e historias LGBT da Idade Media» (Xerais). «Expresamos a nosa máis enérxica repulsa a quen procure o silencio e o medo como instrumentos de debate», sinalaron nun escrito.

Carlos Callón confesaba onte a FARO sentirse «sorprendido». «Sei do odio existente no mundo pero non esperaba unha avalancha de insultos e ameazas de agresións físicas, de mensaxes que din que me prepare porque non me van deixar facer os actos de presentación», indicou.

Carlos Callón, co seu último libro.

Carlos Callón, co seu último libro. / Pati Figueiras

Unha investigación de anos

«O máis sorprendente non é que aconteza cun libro sobre a Idade Media e sobre a realidade LGBT, senón que me insulten e ameacen por unha obra que aínda non saíu. Chegará ás librarías o 16, xoves. Adiantouse un capítulo nada máis», sinalou o escritor.

Callón deixou claro que o ensaio é o froito «dunha investigación de anos. De repente, centos de persoas viron un titular e lanzáronse dicindo que estou manipulando. Que agardan? Se hai documentos medievais que din determinadas cousas, ocultámolos porque non lles gusta a idea?».

A historia dun santo trans

O autor explicou que un dos exemplos do libro é o de Santo Esmarado: «Naceu co nome de Eufrosina, como está santificada, inda que a Igrexa de Roma non a considera unha santa de verdade porque non ver probado que existira. Eu estudo os manuscritos galegos-portugueses que contan a súa historia. Interesábame coñecer por que nos mosteiros galegos copiaban historias de santos trans». Neste caso, «naceu muller e meteuse nun convento de homes onde a identifican como un home castrado, eunuco. Vive a súa vida como home. É o que din os manuscritos».

"Un disparate"

Callón concluíu que «o debate está ben pero o que me está a acontecer é un disparate» xa que está a recibir mensaxes como "Carlos Callón ao paredón". Por último, sinalou que malia as ameazas espera presentar o libro o xoves. Para Avante LGBT+ o acoso sufrido por Callón supón «un ataque persoal» e «un intento de silenciar a pluralidade».

Tracking Pixel Contents