Marusía no ‘tradi’ galego polo texto para declarar BIC a súa música e baile

Colectivos aplauden a proposta de ben de interese cultural | Pola contra, dende Arredor da Tradición aseguran que o expediente tal e como está non debe aprobarse

Foto de arquivo do Día da Muiñeira en Vigo. |  Cameselle

Foto de arquivo do Día da Muiñeira en Vigo. | Cameselle

Mar Mato

Mar Mato

A Xunta vén de retomar o proceso para declarar ben de interese cultural (BIC) a música e o baile tradicionais galegos. É o primeiro paso para que, no futuro, se poida encamiñar unha posible proposta de declaración de patrimonio inmaterial ante a UNESCO. Ata finais de febreiro, poderán achegarse alegacións ao expediente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. É a terceira vez en seis anos que se intenta sacar adiante. O texto, porén, non convence a todos os colectivos do mundo tradi (do tradicional galego). Algúns acaban de anunciar que o expediente tal cal está non se debe aprobar e que presentarán alegacións. Para algunhas agrupacións, pola contra, o expediente está ben porque «acolle a todo o mundo».

As primeiras voces en contra coñecerónse hai poucos días a través das redes sociais cando o grupo de traballo de Arredor da Tradición publicaba «De ser BIC, non así». Trátase dun pequeno texto apoiado por musicólogas e investigadoras como Beatriz Busto, Ana García, Carme Campo, Chus Caramés, Guillerme Ignacio e Xulia Feixoo.

Apuntaban nel que «o expediente é inaceptábel tal e como figura na súa actual redacción (...) porque hai bens de tremenda relevancia para o pobo que están mesturados e confundidos».

Onte polo teléfono, Guillerme Ignacio –compilador da música de tradición oral galega e un dos asinantes– aclaraba a FARO que «vemos que hai cousas que non son asumibles. Hai cuestións graves».

O primeiro punto feble que ven é a acotación do que se quere declara BIC. «Queren –sinala Guillerme– que o sexa a música e o baile tradicionais de Galicia. Iso é amplísimo. Non ten sentido facer un BIC con todo o que é o baile e a música porque sería infinito. Habería que facer un BIC sobre todos os instrumentos, os contextos nos que se tocan os instrumentos, o baile, as procesións, as danzas brancas... Se queremos ir á Unesco para que os declaren patrimonio inmaterial non o van aceptar. Coñecemos os seus criterios e non van aceptar un ben inmaterial tan amplo. Por iso, estaba mellor a segunda proposta que propoñía declarar ben de interese cultural a foliada. Aí falamos dun ben concreto porque integra todo porque é unha xuntanza para tocar e bailar o tradicional».

«É un batiburrillo»

O compilador e investigador critica que o texto da Consellería de Cultura presenta «un batiburrillo porque meteron os espectáculos escénicos como se fosen parte da foliada».

Este punto na súa argumentación é clave. Para Arredor da Tradición e demais asinantes críticos co expediente do BIC hai que diferenciar a danza escénica ou a música folclórica galega dun grupo. «Hai que diferenciar entre poñerse un traxe do século XIX para facer unha performance no escenario collendo partes do que nos gusta da tradición. Non ten nada de malo pero iso é arte escénica, non é patrimonio inmaterial. Non se pode poñer á altura dunha tradición de séculos que consiste en xuntarse para cantar e bailar», puntualiza Guillerme Ignacio.

Dende Arredor da Tradición, subliñan que «non queren que os grupos folclóricos se vexan atacados pero deben reflexionar. A meirande parte desas agrupacións esfórzanse moitísimo en realizar espectáculos para a escena pero non lle dan valor ás foliadas cando estas son o que temos que poñer en valor porque son o noso patrimonio, parte da nosa identidade».

Ignacio resalta que «non ten sentido que un texto vaia ao Diario Oficial de Galicia (DOG) mesturando os coros galegos, cos espectáculos escénicos, a foliada, os xogos e deportes, cerimonias e ritos...».

Mais que din as agrupacións folclóricas do expediente? Dende A ACF O Fiadeiro aclaran que non participaron na redacción da actual proposta e sinalan que aínda non tiveron unha reunión da directiva para estudala. Situación semellante vive a Asociación Cultural Traspés; mentres que dende Xacarandaina, Quique Peón sinala que non ven con malos ollos o texto de proposta de BIC porque «mellora as iniciativas anteriores. É un texto moi aberto que acolle a todo o mundo. Agardo que á terceira vaia a definitiva».

Hai que lembrar que o primeiro intento data do 2018 cando se incoou o procedemento para declarar ben de interese cultural o baile tradicional galego. No 2020, a Consellería de Cultura suspendeu o proceso por falta dun acordo unánime na comunidade ‘tradi’. Despois, expertas como Beatriz Busto ou Xulia Feixoo elaboraron un informe técnico para incoar a foliada como BIC no 2022.

O texto que está agora a exposición pública é a resolución do 10 de outubro de 2024 de Patrimonio Cultural. Ata o 26 de febreiro, pódese alegar a el.

Que di o texto?

O expediente proposto pola Xunta sinala que quere protexer a música e o baile tradicionais de Galicia así como as sús manifestacións: «as artes do espectáculo, en especial a danza e a música, representacións, xogos e deportes e os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos».

O texto tamén fala da comunidade portadora, dos intérpretes, as mestras, os profesionais da música e do baile, o alumnado, as informantes patrimoniais, os artesáns e luthiers, persoas compiladoras e aquelas individuais «con saberes» pero «inculturadas na vivencia da súa práctica».

O fin é «garantir que as vindeiras xeracións reciban a herdanza cultural» polo que establece medidas de salvagarda. Entre elas, cita fomentar a investigación científica sobre estes saberes no sistema universitario galego; a creación dun arquivo audiovisual público na rede, gratuíto e de libre acceso co material documental; o impulso de traballos e encontros científicos; así como a elaboración de materiais didácticos para ensinar nas escolas regradas o baile e músicas tradicionais galegas.

Tracking Pixel Contents