Cantareira convértese na Palabra do Ano como antesala das Letras Galegas
Logra o 25% dos votos no concurso da RAG no que ‘meu’ foi segunda (23%) | Artistas de Lilaina, O Fiadeiro, Lagharteiras, Traspés e Toutón aplauden o designio popular
No ano 2017 a verba galega do ano fora afouteza; ao seguinte, conseguiuno deseucaliptización; no 2021, triunfou tanxugueiras e comadre no 2022. Neste 2024, a votación popular decidiu que a Palabra do Ano sexa cantareira tralo concurso da Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié.
Cantareira non o tivo doado para gañar. O resultado foi moi apretado. Logrou un de cada catro votos (o 25%) e tivo moi preto do calcañar a ‘meu’ (miña, na versión feminina) que fixo campaña como alternativa ao ‘bro’ (brother, irmán) con case o 23% dos votos.
Na listaxe de finalistas desta tempada, fala foi a terceira e xa de cuarta quedou aparvar(se). Pecharon os últimos dous postos dina (depresión illada en niveis altos) e emerxencia climática.
Dende a RAG, explican que cantareira aplícase «á muller que canta cantigas populares» e procede do verbo latino cantare (cantar).
A súa elección –cunha votación pechada nos últimos minutos do pasado día 25– sen dúbida conecta co Día das Letras Galegas do 2025 que será dedicado ao cancioneiro popular galego e, en especial, a varias pandeireteiras de Mens, Cerceda e Muxía.
Sen dúbida, o anuncio desta homenaxe tivo peso na votación pero tamén o traballo que dende hai anos están a facer agrupacións folclóricas así como artistas e grupos como Mercedes Peón, Leilía, Lilaina, Adufeiras do Salitre, Tanxugueiras, Aliboria, Tanxedoras, Fillas de Cassandra ou Mondra, entre outras, dando a coñecer e revisitando o patrimonio musical tradicional e oral galego.
Andrea Montero, de Lilaina e que acompaña a Baiuca na súa nova xira, confesou sentirse «emocionada» e recoñeceu que «me dá forzas para seguir facendo o que fago» . Sinalou onte a FARO que «cantareira representa unha parte fundamental da nosa cultura e da nosa tradición. Simboliza moitas cousas. Pon en valor o papel de todas estas mulleres que mantiveron o legado vivo. Tamén pon en valor ás persoas que seguimos a traballar a prol da cultura sendo cantareiras hoxe en día».
«Está sendo un momento moi importante para a música tradicional e en galego dignificando o idioma. Como cantareira e pandeireteira creo iso. Non debe quedar nalgo anecdótico», engadiu.
Tamara Costas, do grupo Lagharteiras e directora das pandeireteiras de O Fiadeiro en Vigo, sinalaba tamén que «é un orgullo» por recoñecer as mulleres «que nos abriron as portas para ensinarnos sen pedir nada a cambio».
«Que a palabra do ano sexa cantareira axuda a mostrar á sociedade a importancia de todo polo que levamos anos loitando agrupacións diversas», agregou Costas.
Pola súa parte, a pandeireteira Adriana Teixeira, presidenta da Asociación Traspés de Vigo, opinou que «é un orgullo para nós». Concordou en que o labor de grupos como Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra nos últimos anos deulle máis visibilidade ao canto e música tradicional. «Vese como algo máis moderno, non tan antigo», sinalou.
Por último, as cantareiras de Toutón (Mondariz) Montse Alvariño e Lucinda Barcia indicaron que iniciativas como esta serven «para seguir mantendo o tradicional».
Pandereteiras de Toutón: «Imos facer algo especial para o Serán dos Namorados do 2025»
Dedicar no 2025 o Día das Letras Galegas ao cancioneiro popular galego e ás cantareiras avivou as ansias na aldea de Toutón, en Mondariz (Pontevedra). Alí, celebran «o mellor serán do mundo» e para a vindeira edición lanzan unha promesa: «Imos facer algo especial para o Serán dos Namorados do vindeiro ano». A festa celébrana cada 14 de febreiro.Quen realiza reflexión son Montse Alvariño e Lucinda Barcia. As dúas son pandeireteiras e cantareiras de Toutón. A segunda conta con 72 anos de idade e leva dende os 12 a aprender e espallar a música oral galega. «Eu oía as cancións de Marisol pola radio e ao ir traballar na veigha cantaba, en galego, e sigo cantando», subliña.Para Alvariño, é «xenial» que a Palabra do Ano en Galicia sexa cantareira. «É un aliciente para que colla máis auxe» a música tradicional do país.
Recoñeceu que lle están dando voltas ao serán para que a vindeira edición teña un aquel que acompañe as Letras Galegas.
- Insólita demanda en Vigo: una menor se suma a la denuncia de su madre para exigir conciliación
- Hallan el cadáver del joven desaparecido en Silleda
- Rescatan el cuerpo sin vida de un marinero sobre un barco en Cangas
- Un fugitivo arrepentido se entrega a la policía local de Vigo: «Quiero entrar en prisión»
- ¿Cuánto cobra una enfermera según la comunidad en la que trabaje? Hasta mil euros de diferencia y con Galicia a la cola
- Siete albaneses detenidos e intervenidas una narcolancha y una importante cantidad de cocaína en un operativo en Vilanova de Arousa
- Salen a la luz nuevos datos sobre el estado de salud de la hija de Anabel Pantoja: «Un pronóstico serio y grave»
- Una familia de cinco generaciones en Aldán