As rondallas, cun pé na salvación e outro no perigo
Non hai noutro sitio de Galicia rondallas como as do sur de Pontevedra. Dende hai décadas, algunhas van desaparecendo pero este ano tres novas veñen de nacer. A película «Rondallas» que se está a rodar impulsaraas? «É unha oportunidade para que a xente tome conciencia», defende unha rondalleira de Tui.

R. V.

«Aunque la rondalla sea algo muy local, pienso que al mismo tiempo es universal y muy atractivo, porque se genera un ambiente de buen rollo, de comunidad», defendía o director de cine Daniel Sánchez Arévalo nunha entrevista concedida a FARO DE VIGO o pasado mes de outubro.
Naqueles días, o realizador traballaba na rodaxe da súa vindeira película, «Rondallas», rodada ao 100% en Galicia e coa totalidade do elenco e da figuración da terra.
Durante varias semanas, actrices como María Vázquez e Marta Larralde e actores como Javier Gutiérrez, Touriñán, Tamar Novas ou Carlos Blanco gravaron en A Guarda, Tui e Vigo as secuencias xunto a un cento de rondalleiros de verdade que se presentaron como voluntarios.
A vindeira vez que se vexan xa será en xaneiro no Festival de Rondallas de Vigo que se celebra no Ifevi, Instituto Ferial da cidade olívica, e que soe reunir a máis dun millar de participantes que interpretan e desfilan ao son de cancións tradicionais, de nova creación ou adaptación de diversos estilos musicais dende o heavy metal á bachata, pasando por boleros, bandas sonoras orixinais de películas en clave clásica ou mesmo sons electrónicos e disco.

Rondalla de niños y mayores, con participantes de todas las edades de la parroquia de Ventosala en Redondela / Marta G. Brea
Para quen aínda non a coñeza, que é unha rondalla? A profesora do Conservatorio de Vigo Lorena Freijeiro, no seu Traballo Fin de Máster para a Universidad Internacional de Valencia, titulado «Las rondallas del sur de Pontevedra. Desde 1900 hasta la actualidad», explica que o termo «alude a un conxunto musical de instrumentos de corda pero no sur de Pontevedra identíficase con agrupacións de entre sesenta a 120 compoñentes cun distintivo instrumental de percusión e vento».
A película de Sánchez Arévalo chega nun momento crucial no que o destino e a colectividade determinarán se estas agrupacións musicais tan peculiares –e que na vestimenta lembran ás tunas universitarias inda que con varias bandeiras que ondean en coreografía– comezan unha idade dourada ou se a falta de relevo xeracional inicia o seu esmorecemento.
Nesta altura, todo parece indicar que as rondallas loitarán por latexar. Este ano, tres novas se están a formar nos concellos de Redondela, Baiona e O Porriño. Sumaríanse ás xa quince que participaron no Concurso do Ifevi do pasado ano. Deste xeito, a música destes colectivos anegará nas vindeiras festas navideñas os rueiros dos concellos de Vigo, Redondela, Nigrán, Gondomar, Baiona, O Porriño, Mos e Tui.
Desde nenos moi pequenos, de cinco ou menos anos, ata xente que ronda os 70 participan nas rondallas que inclúen músicos profesionais, intérpretes principiantes ou mesmo xente que carece de coñecementos musicais pero que ensaio a ensaio vai aprendendo os toques de percusión de pandeiretas, castañolas, cruces, charrascos e outros instrumentos.
Sen data de estrea para a película «Rondallas», é posible que unha vez chegue aos cinemas esperte o interese de máis xente por participar nestas agrupacións.
De momento, a rodaxe encheu de orgullo a moitos rondalleiros que ven que o fenómeno popular galego vai chegar mesmo fóra de España a través da gran pantalla.

Inés Justo e David Fernández, da Rondalla Pexegueiro. / I. J.
«Paréceme unha idea magnífica que se faga unha película sobre estas agrupacións. É unha forma de transmitir a nosa tradición desta zona a toda España e ao mundo», explica Inés Justo, de Caldelas de Tui, participante da Rondalla Mosteiro de Pexegueiro de Tui.
Justo –que toca a tuba e está a preparar as oposicións a mestra de Educación Musical– é unha das rondalleiras que participou na gravación do filme. Pensa que «esta película é unha oportunidade para que a xente empece a tomar conciencia e poidamos volver a tirar da nosa tradición. Si que é verdade que hai uns anos algunhas rondallas estiveron a punto de desaparecer e é unha pena. Hoxe en día, a xente nova non se pon a tocar instrumentos tradicionais e un traxe que pesa inda por riba nos días de Nadal, o 24 e 31 de decembro, o 1 de xaneiro... A xente nova non quere meterse moito pero a película pode contribuír a xerar ansias por entrar nunha rondalla».
Na rodaxe, aprendeu que facer cinema non é tan sinxelo con gravacións que poden rondar as doce horas seguidas. «Ás veces, era desesperante», recoñece para engadir que aínda así «foi unha experiencia bonita» da que destaca ver actuar en directo e a poucos metros a colosos como Touriñán ou Carlos Blanco.

Ensaio da Rondalla de Pontellas / Adrián Irago
Compartir espazo e tempo con Touriñán foi tamén o que máis impactou a Jesús Bugarín, un rondalleiro de 69 anos da Rondalla de Pontellas que participou como figurante. «Cadrou que o director me encargou facerlle un xesto a Touriñán cada vez que el facía un aceno como levándolle a contraria. Eu, claro, véxoo moito en televisión e pareceume no trato directo un tipo moi simpático. Estou encantado», confesa satisfeito.
Gabriel García, de sete anos» e Mateo Rodríguez, de nove, escoitan a Bugarín, que é o decano da rondalla na que leva dende o ano 2004. Como rondalleiros de Pontellas eles tamén participaron na gravación que lembran con «nervos pero contentos». «Teño ganas de ver se saio na película», confesa Mateo.

Gabriel García, Mateo Rodríguez, Jesús Bugarín, Quique Bugarín, Gonzalo González (e-d), de Pontellaso. / FDV
Quique Bugarín, lévalles uns anos. Ten 12 e tamén se estreou no cinema con esta rodaxe. «Foi nun ensaio da rondalla no que nos dixeron que iamos saír nunha película con Touriñán; púxenme moi contento», sinala.
Nese mesmo ensaio atopábase Gonzalo González, de 56 anos. «O que máis e o que menos aplaudiu cando se enterou da gravación. Nós xa levamos gravados un cedé,fixemos un flashmob en Ourense e agora somos a primeira rondalla que fará unha película. Non podemos estar máis contentos», sinala.
Unhas agrupacións únicas con máis de 100 anos de historia
Sabemos que as rondallas do sur de Pontevedra son únicas nas súas características, diferentes das rondallas doutras partes de Galicia e de España nas que priman sobre todo as guitarras e outros instrumentos de corda; mais cando naceron como fenómeno? A profesora do Conservatorio Superior de Vigo Lorena Freijeiro investigou e atopou o primeiro vestixio firme nunha información que publicou FARO DE VIGO o 18 de xaneiro de 1924.

Rondalla de Bembrive no 1924. / Foto cedida por Lorena Freijeiro
Na portada do diario, que naquela altura e só decano da prensa galega nun tempo no que custaba 10 céntimos de peseta, presentan unha imaxe con 16 músicos novos e un pé de foto no que lemos: «La juventud de Bembrive ‘El Pino Verde’que fue de excursión a Gondomar, siendo obsequiada por el pueblo y autoridades de aquella villa».
«Era unha rondalla como tal con instrumentos de percusión e os abandeirados. Era unha rondalla pequeniña; son os inicios. Antigamente polo Nadal os veciños saían a felicitar as festas navideñas cantando e tocando instrumentos que collían das casas como latas e tixolas. Esa felicitación musical foise bifurcando en varios colectivos», explica a investigadora.
«Naceron –prosegue– os ranchos de reis dedicados máis ás danzas e as rondallas que eran só de instrumentos e os bandos pequeniños só coas melodías».
Nese punto é principios de 1900 e xa nas décadas posteriores nos atopariamos co encontro de rondallas do sur de Pontevedra. «É unha tradición que se documenta dende hai máis de cen anos de forma continuada», subliña Freijeiro quen aclara que só houbo dúas ocasións nas que non se celebrou: o Nadal de 1939 a causa da Guerra Civil e no 2021 pola pandemia do COVID-19.

Rondalla no 1945. / Foto cedida por Lorena Freijeiro
No seu traballo, detalla que por mor do golpe de estado de Franco «asociarse empeza a estar mal visto» pero a forza veciñal fixo que seguiran os teleclubes, asociacións e bares do pobo. Entre eles, as rondallas seguiron a pesar da prohibición do repertorio vocal.
Ao non poder cantar, «deducimos que incrementaron o número de instrumentos» co que se consolidaron tal e como hoxe as coñecemos, sinala a profesora.
Foi despois da Guerra Civil que a restricción fai que só se amose a bandeira de España. «Posteriormente pasan a converterse nun numeroso grupo de abanderados (xente que porta unha bandeirada parroquia, municipio, Galicia, España e ou Unión Europea) con normas de carácter militar. Empregan coreografías de liñas, cruces, saúdos protocolarios e unha peculiar maneira de camiñar ao son de brazadas que soben e baixan sen perder o compás e que lembran os desfiles do exército».
Respecto da figura do capitán, sinala Freijeiro que naceu para os trámites burocráticos e permisos para fixarse agora no movemento, posición e protocolos dos rondalleiros.
Regreso a Redondela

Marta G. Brea
Tras 10 anos en silencio, os charrascos volven a Ventosela
Redondela vén de sumarse aos concellos que contarán cunha rondalla para este Nadal e Reis. Trátase da Rondalla da Asociación Cultural e Deportiva A Miñoteira de Ventosela que ao redor do ano 2008 gardou as gaitas, pandeiretas e charrascos á espera dun tempo mellor.
Ao redor de 60 persoas ensaian cada noitiña do sábado no palco xunto ao centro A Miñoteira ao ritmo que marca José Campo, o director. “Desde pequeno, eu estiven na Rondalla de Guizán en Mos pero casei aquí e estiven na tempada anterior desta que existiu dende 1996 ata o 2008. Moitos comezamos a ter rapaces e tivemos que deixalo pero este ano decidimos recuperala para que non se perda”, explica no descanso do ensaio.
O vindeiro xaneiro, non acudirán ao Festival de Rondallas do Ifevi en Vigo xa que a inscripción no rexistro de rondallas precisa duns tempos. Porén, agardan con ilusión polas festas cando percorrerán Redondela e actuarán na cita en Gondomar.

Niños participantes de la rondalla de Ventosela en Redondela / Marta G. Brea
«En Redondela, de haber catro rondallas (Cedeira, Vilar de Infesta, Saxamonde e Ventosela) e un rancho de reis de A Peneda, só quedou o rancho. Agora estamos nós tamén, a única rondalla do municipio», comenta Ángel, máis coñecido como 40.
«Dos 60 rondalleiros que somos –engade feliz Campo, o director— entre unha cuarta e terceira parte dos que veñen son nenos; iso está moi ben».
O seu son promete festa. O ensaio en si é un divertimento sobre todo para os noviños. Entre eles, atópase Xián Porto (tambor e bombo), con 11 anos de idade e que xa participou nunha rondalla en Mos. Agora está contento nesta por estaren os seus amigos e por ser un «plan perfecto» para a familia.
Entre eses compañeiros seus atopamos a Bruno Silva, de 14 anos e que toca tambor e bombo. «Eu non estiven antes en ningunha rondalla. Veño porque é unha cousa familiar; xa estiveron antes os meus avós, miña nai e meu pai na antiga rondalla».
Anxo Balado, de 14 e que toca toda a percusión, tamén conta con antecedentes familiares. «Meu pai xa viñera á antiga rondalla e eu estou aquí tamén polos meus amigos e por meu pai». «O que máis nos gusta é estar cos amigos», coinciden os tres.
Nico Otero, de 10 anos, de Soutomaior, comenta que o que máis lle gusta é «ensaiar». Ata este momento, non collera unha pandeireta.
Máis pequeniña é Nora Porto, de oito anos, que acode con toda a familia e toca a pandeireta desde o verán pasado. Asegura que ten medo escénico e que, por iso, non está moi convencida para actuar en público.

Ensayo de la rondalla de niños y mayores, con participantes de todas las edades de la parroquia de Ventosala en Redondela / Marta G. Brea
Quen superou o medo escénico e quere actuar é Blanca Couñago, de seis anos e Amoedo. A ela, gústalle tocar a pandeireta e estar coa súaamiga. Xunto a ela estános tamén nenos Sofía Campos e Juan Rodríguez.
Entre toda a rapazada,resalta Alejandro Fernández, de Redondela e con diversidade funcional. Aos seus 15 anos, fichou pola rondalla convencido por un amigo. Move as castañolas inda que espera ser abandeirado na súa cadeira de rodas. Non fala, comunícase por ordenador, pero a nai, Aitana, sabe que é feliz.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una tuerca mal apretada inunda un piso recién estrenado en Vigo: la negligencia salió cara
- Muere una mujer en Vigo tras desplomarse en la calle Elduayen
- Parece Japón pero está en Galicia: el paraíso termal al aire libre que te trasportará al país asiático en una experiencia única
- Iberia deberá pagar 10.000 euros a una pasajera a la que apresuró y se lesionó en un vuelo Madrid-Santiago
- Las cámaras de una peluquería de Vigo graban a una mujer reincidente robando la hucha de las propinas
- Liberan entradas para uno de los grandes conciertos internacionales del año en Vigo tras meses agotadas
- «Apoyamos el trazado de la A-52 sin dudar y con conocimiento de causa»
- Antonio Granero, padre de uno de los detenidos por el crimen de la educadora: 'Es una locura que les permitieran regresar al piso