«Arrolo», unha mostra de amor feita canción de Helena Egea

Trátase da primeira canción en galego que publica a artista pontevedresa

A artista Helena Egea.

A artista Helena Egea.

M. G.

A pontevedresa Helena Egea publica o sinxelo «Arrolo», un tema íntimo, acústico e que supón a primeira publicación na lingua nai da artista. Este sinxelo forma parte do último adianto do seu EP debut, que se estreará no próximo mes.

Helena Egea é un proxecto onde a forza e a paixón da voz son as auténticas protagonistas. A artista evoca nas súas cancións unha viaxe ao pasado que recorda a forza de mulleres como Aretha Franklin, Nina Simone ou Janis Joplin. En «Arrolo», a paixón torna tenrura e volta aos inicios cunha peza íntima, en acústico con guitarra e voz. Unha perfecta e última mostra da diversidade do seu EP debut, que se estreará no próximo mes.

Adicada á súa irmá pequena, a canción mece coas verbas e os acordes trasladando ao público á tenrura e inocencia da infancia «nunha mostra de amor feita canción». A portada, debuxada pola protagonista deste canto de berce, é o reflexo do recibimento deste amor.

«Arrolo» é unha promesa de apoio incondicional na que a artista tamén quere referir á nosa nena interior. Un pouco de nós ten que ser a irmá maior desa versión da infancia que aínda temos dentro. Coidar con cariño e tenrura todo o aprendido por ela: a dor, a alegría, o amor que cremos merecer, etc.

O sinxelo chega nun formato acústico gravado e producido por Juan de Dios, onde premia a sinxeleza e un son que nos leva a sentir a voz á nosa beira, no noso mesmo salón. O vídeo que a acompaña conserva esta premisa e de xeito elegante, apostando polo branco e negro, amosa todo este sentimento e delicadeza.

O repertorio de Helena Egea está conformado por cancións principalmente en inglés e incorporacións en galego, con letras que falan de reflexións sociais, vivencias propias e historias evocadas con imaxes, todo como medio de catarse e autodescubrimento.

Tracking Pixel Contents