Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Adeus á excepción? O galego avanza nas lápidas

Mentres que antes do 1990 rara vez se atopaban lápidas en galego, agora hai concellos nos que no 20% dos panteóns hai alomenos unha

Primeira lápida en galego en Rianxo; pertence a Eduardo Pondal.

Primeira lápida en galego en Rianxo; pertence a Eduardo Pondal. / Carlos Pardellas

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

«Agora vive na harmonía das estrelas e nos camiños do vento». Estes versos forman parte dunha das primeiras lápidas escritas en galego. Foi no ano 1997, en Burela (Lugo). «Antes do 2000, eran excepcionais os cemiterios que tiñan a presenza do galego nos nichos; agora é excepcional atopar un camposanto onde non haxa algún», defende o filólogo Bernardo Penabade que impulsa o proxecto «Modelo Burela de Planificación Lingüística».

Nesta iniciativa, atopamos a proposta de cartografar os concellos galegos con cemiterios nos que hai presenza do galego nas lápidas. De momento, teñen analizado uns 140 municipios, segundo revelou o xornalista e músico David Canto que colabora con esta iniciativa.

Fíxoo nos XXIV Encontros para a Normalización Lingüística organizado polo Consello da Cultura Galega. Alí, explicou que estudaron a presenza do galego nos panteóns de 22.000 familias. Canto é unha das persoas que realizou o traballo «militante» de sacar adiante o proxecto.

Na xornada do Consello da Cultura, revelou que, dos municipios analizados, Rianxo é o que presenta os mellores datos: máis do 20% das familias dispoñen no seu panteón de alomenos unha lápida en galego. A primeira alí é do 1981 e lembra a Rafael Dieste.

O segundo con mellores datos é Castro de Rei (Lugo) cun 16%. Neste caso, a primeira lápida no noso idioma colocouse hai 20 anos. No caso de Lourenzá, o índice é do 15%. Séguenlle concellos como Noia (12%) ou Outes (11%).

Porcentaxes moito menores atopámolos en territorios da provincia de Pontevedra. Por exemplo, no municipio da cidade do Lérez, podemos atopar lápidas en galego no 6,7% dos panteóns.

Baixa ao 4,8% en O Grove. No caso de A Golada sitúase no 4,7%; en O Rosal fica no 3,4%; mentres que en A Guarda sitúase no 2,8%, segundo os datos facilitados na xornada e na web datawrapper.dwcdn.net/4HeuT/38/.

Un ejemplo del mapa interactivo.

Un ejemplo del mapa interactivo. / FDV

De momento, carecen de datos de concellos como Vigo, Redondela, Nigrán e o resto do Val Miñor, O Morrazo ou Deza pero están abertos á colaboración da xente para encher de cifras o mapa.

Alén dos números, o proxecto procura tamén respostas, por exemplo, cales son os elementos que inciden nas diverxencias.

«O hábitat –se é un territorio rural ou urbano– non é a clave; tampouco o é por si só o apostolado do clero (se aposta ou non pola liturxia en galego)», sinalou David Canto. Para el, «o idioma é indisociable da súa persoa e da súa consciencia», polo que introduciu outra tampouco o é por si só

Neses encontros, facilitaron tamén outras cifras interesantes para a reflexión como o determinante papel das empresas funerarias.

«O idioma é indisociable da persoa e da súa conciencia. Ana Fabeiro –tamén participante nas xornadas– é empresaria funeraria e ten dito que escoitou moitas familias a dicir ‘fai como se fixo sempre’ cando lles preguntaban se querían a lápida en galego ou castelán. As dinámicas cambian. É moi importante a iniciativa individual. Hai empresas de servizos funerarios que tiveron moito que ver no medre do galego da Mariña lucense que foi de onde saíu un pouco o xermolo diso [De aí que se denomine a iniciativa Modelo Burela, por ser este concello exemplo na normalización lingüística a prol do galego nos servicios fúnebres]».

Para Canto, «ante a dúbida dos familiares se pór a lápida en castelán ou galego, hai compañías que tiran polo galego. Fronte ao que se fixo sempre, escollen o que se fai agora».

Outro dato importante nas xornadas –co apoio da Secretaría Xeral da Lingua– foi que só o 5% das necrolóxicas se publican en galego, segundo a Asociación Galega de Servizos Funerarios.

De todos os xeitos algo está a mudar. A propia Ana Fabeiro apuntou nos encontros que o 95% dos traballos florais para os enterros que lles encargan a Luz Verde Eventos van en galego.

Para o teólogo Vitorino Pérez «o cambio é necesario» nun eido clave: «Os ritos funerarios son dos máis importantes en Galicia, sobre todo na tradicional. Estou convencido de que sen eses ritos funerarios a Igrexa galega desaparece».

En canto á moi baixa presenza do galego nas misas de cabodanos ou enterros, indicou que se debe a unha herdanza do pasado ao apostar polo castelán tralo Concilio Vaticano II que abría a Igrexa ás linguas vernáculas. No caso de Galicia, elixiron o castelán. Hoxe, os curas novos, na súa maioría, tamén apostan por esa lingua.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents